Por Galicia Confidencial | Monforte | 10/08/2017 | Actualizada ás 11:17
Bustamante e Celtas Cortos serán os pratos fortes das festas de Monforte deste ano. O cantante cántabro estará o sábado 12, Juan Perro o martes 15 e Celtas Cortos o mércores 16. Sen restarlle importancia e xogando na casa tamén están no cartel o grupo de rock do país, Os parentes, o domingo 13 e a formación de versións Gin Toni’s o luns 14.
José Manuel Parada, o coñecido presentador de radio e televisión, nacido na cidade do Cabe, exerce de pregoeiro este venres, na Casa do Concello. Será ás 20.30 h. para a continuación proceder ao tradicional “lanzamento do foguete” que anuncia o inicio oficial das festas monfortinas. A partir das 23.00 h. a tamén monfortina Rosa Cedrón actuará na Praza de España presentando o seu segundo traballo en solitario, “Nada que perder”.
O V Festival Cómico Festivo “A rúa é vosa” ofrecerá en sesión matinal e de tarde varios espectáculos para todos os públicos na Praza España e na céntrica Rúa Cardeal os días 12, 13, 14 e 16. Diferentes e interesantes opcións que van dende a espectacularidade do circo aéreo ata a animación cómico musical e os monicreques.
No apartado musical non faltará a música de charanga, de bandas de música como a do Conservatorio Mestre Ibáñez de Monforte e a de Sober ou as clásicas orquestras para amenizar as verbenas.
O día grande, 15 de agosto, teñen lugar dous eventos de gran importancia para os monfortinos: o “Día do Gaiteiro”, no que diferentes actividades e grupos tradicionais e folclóricos dignifican a riqueza cultural do país, e a homenaxe á Patroa do Val de Lemos, a Virxe de Montserrat na contorna da Igrexa de San Vicente. Os fogos artificiais, potenciados tamén co actual goberno, teñen a súa versión de aire o día 15 ás 00.00 h dende o monte de San Vicente e a súa versión de auga o día 16 dende o Paseo do Malecón.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.