A polémica mina a ceo aberto de Touro, un caramelo para China

Adega súmase ás críticas a este proxecto mineiro na área de influencia de Compostela polas súas "eivas ambientais". Ademais, avisa de que a empresa chipriota Atalaya Mining se fará co control da mina, estando detrás Yanggu Xiangguang Copper Co. Ltd para abastecer o mercado chinés.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 20/09/2017 | Actualizada ás 11:29

Comparte esta noticia

Adega (Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza) súmase ás críticas ao proxecto mineiro a ceo aberto que a empresa Cobre San Rafael SL proxecta na área de influencia de Santiago de Compostela, nos municipios de Touro e O Pino. Logo da denuncia da plataforma Salvemos Cabana, agora é a asociación ecoloxista a que advirte dos perigos e ameazas medioambientais deste plan para a explotación do cobre que "resucita para aproveitar o alto prezo do metal empurrado pola demanda asiática".

Mina en Touro.
Mina en Touro.

"Sobre a paisaxe luar das explotacións históricas abandonadas, o novo proxecto nen resolve vellos problemas nen garante solucionar os novos", advirte Adega, .

Cobre San Rafael SL ten a concesión de explotación do xacemento "San Rafael" (O Pino e Touro) por 90 anos até o 2068. Aproveitando o alto prezo que o cobre ten acadado dende 2007 este metal, debido en grande parte á forte demanda de materias primas dos xigantes asiáticos China e India, a empresa pretende agora reabrir e ampliar as minas de Touro, abandonadas dende 1986. 

"Dase a circunstancia que, ao igual que acontece co seixo en Mesía, o capital para o proxecto pódese rastrexar até China. Así, Atalaya Mining, a empresa chipriota que case monopoliza a explotación do cobre no Estado, e que pretende facerse co 100% de Cobre San Rafael SL -se a Xunta autoriza a explotación- está participada por Yanggu Xiangguang Copper Co. Ltd (case o 22%)", advirte Adega.

O proxecto, que se atopa en fase de alegacións ata finais de mes, tería unha duración de 16 anos e medio, afectará unha superficie de 689 hectáreas e amplía catro explotacións xa iniciadas (Arinteiro, Vieiro, Bama e Brandelos), abrindo outras dúas (Arca e Monte das Minas). É dicir, "haberá ao longo da vida da mina seis cortas mineiras principais (e outras catro satélites), dez ocos en total", sendo o sistema de extracción a ceo aberto, lembra Adega.

Ademais, durante a súa vida útil estímase que se sacarán 267 millóns de toneladas de materiais, dos cales 102 millóns serán de mineral de cobre para beneficiar unhas 356.464 toneladas de cobre metal. Os beneficios brutos poderían acadar os 1.926 millóns de euros, ao prezo actual do cobre, calcula Adega.

EIVAS AMBIENTAIS

"Alén das coñecidas ofertas publicitarias (enormes investimentos, revitalización da comarca, importante contribución ao PIB galego, etc.) comúns a este tipo de proxectos-miragre, a empresa ofrece tamén entre 400 e 500 postos de traballo fixos, naturalmente sen garantía algunha de que os vaia criar", avisan dende Adega.

Os ecoloxistas poñen a atención sobre as "serias eivas ambientais" do proxecto. Unha delas é que non se contempla abordar a contaminación do río Portapego nin da balsa hiperácida de Angumil. "O proxecto tira para adiante esquecendo solucionar desfeitas anteriores", láiase Adega, para a que "a restauración destes puntos contaminados tería que ser unha esixencia incluida no proxecto de restauración ambiental das novas minas". É dicir, "se se retoma a explotación debería retomarse tamén a restauración", din.

Por outro lado, "invocan a minaría de transferenza, que non require a criazón de entulleiras xa que os estériles reutilizanse no selado dos ocos mineiros", mais no proxecto recóllese a criazón dun “depósito de estériles auxiliar ou temporal para os primeiros años” (como mínimo até o cuarto), así como de catro entulleiras. Adega considera que "a explotación debería axustar a extración para minimizar o número de entulleiras para que realmente sexa considerada como minaría de transferenza".

Ademais, "o proxecto precisará desviar dous regos (o do Burgo e o dos Pucheiros) coa criazón de cantes artificiais de aproximadamente un quilómetro en cada caso", pero "tampouco se especifica onde se vai obter auga necesaria para as operacións mineiras, que poderían afectar á traída minicipal e aos mananciais locais", e "non fica claro onde van ir os milleiros de metros cúbicos depositados na vella de Arinteiro e que é preciso baleirar na fase previa das operacións", describen os ecoloxistas.

Tamén se prevé a vertedura de 1,8 millóns de metros cúbicos de augas de proceso ao medio durante tres anos, e do cuarto ao decimoterceiro ano as augas producidas e tratadas serán reutilizadas, co que, segundo a empresa, a vertedura sería cero". Para o tratamento farase unha planta depuradora para correxir a acidez e eliminar os metais, que funcionará coa técnica de aireación, encalado e decantación das lamas. "Mais este sistema non garante a total eliminación de metais tóxicos (como o arsénico) e dos reactivos nas augas de proceso. A planta funcionará durante a vida útil e aínda que haberá plano de seguemento ambiental posterior ao peche, non fica claro quen se fará responsábel de eventuais fenómenos de verteduras e lixiviados provintes das cortas e escombreiras restauradas", explica Adega.

Por último, todos os estériles tanto de mina como de planta teñen a consideración de residuos non inertes e a súa perigosidade determinarase mediante ensaios químicos sobre a marcha. Segundo a empresa, explica Adega, produciranse dus tipos de residuos: aqueles non susceptíbeis de xerar drenaxes ácidas (NAG) e os que si (PAG). Xestionaranse con sistemas diferentes, procurando illar os mais activos da acción das augas pluviais para diminuir os fenómenos de lixiviación e drenaxe ácida. Porén, Adega avisa de que "todos os estériles son susceptíbeis de producir drenaxes ácidas nalgunha medida"; de feito, a empresa fala de “potencialmente xeradores ou non xeradores” de drenaxes ácidas". A consideración da súa cantidade, actividade e perigosidade farase con análises “sobre a marcha”, o que "non é máis que outra versión do «ti vai facendo»”, aporta a asociación ecoloxista.

IRREGULARIDADES E DENUNCIAS

Adega tamén lembra que Atalaya Mining, a empresa accionista de referenza e proximanente maioritaria de Cobre San Rafael SL, foi sancionada en 2016 pola Junta de Andalucía (catro faltas graves) por incumprimento da autorización ambiental nas minas de cobre de Río Tinto (Huelva) e denunciada pola Fiscalía andaluza en 2017 polas mesmas causas.

"Ao parecer, producíronse excesos de partículas en suspensión polo transporte de entullos, as voaduras e a circulación de camións que non trataron axeitadamente consonte a autorización ambiental concedida no seu momento. Asemade, incumpríronse as normas de seguridade e os requisitos técnicos na construción das entulleiras e superáronse até dez veces os valores medios de cobre, zinc e arsénico nas poboacións próximas en relación con outros lugares non afectados pola actividade mineira", detallan os ecoloxistas, que advirten: "Non temos por que supoñer que, con estes antecedentes, isto non vaia acontecer tamén en Touro, cunha administración (a Xunta) moito máis permisiva que a andaluza, que xa é dicir!".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 ferrolán

O. goberno autónomo está formado por un presenteiro, unhos maordomos e comensales ao serviço dos financeiros multinaçonais . pero ...non mexam , está a chover.....e o que hai. sociedade de se moventes. reses que tanto vos da ,com tanto vos ten.