Mais indo coa resposta á pregunta de arriba, para min está claro que non, que a trama catalana ten moi pouco que ver co dereito a decidir e moito cun narcisismo desaforado e mailo seu fecundo de soberbias e avaricias inherentes. Se isto tratase do dereito a decidir, no parlamento do Estado os grupos secesionistas cataláns estarían traballando arreo, con toda anormalidade e amabilidade, sumando esforzos e ideas cos nacionalistas vascos e galegos, con Podemos e asociados, con tódalas outras agrupacións marxistas e socialistas, e xuntos facendo pedagoxía e transmitíndolles aos moitos millóns de cidadáns votantes do PP e mailos outros remisos espallados por todo o Estado que unha reforma constitucional que recollese o dereito a decidir, claramente definido e enmarcado nos máis altos valores democráticos, non lle restaría nada ao país. Aínda na suposición de que dese dereito deviñese a segregación dun territorio, pouco perde quen se desprende de quen non quere estar. Iso non sería difícil de vender. Pero iso non é o que se persegue. Se algo detesta o narcisismo é a igualdade, nin sequera entende o concepto. O narcisismo non só se sente diferente, séntese especial, único, singularmente endeusado e unxido polos óleos dunha grandeza sen igual. E, claro, un dereito enmarcado na Constitución é inevitablemente extensible a tódolos territorios do Estado. E iso non é aceptable para os ofendidos do café para todos. Porque nas mentes guiadas pola egolatría e maila soberbia, o café, por máis bo, sabe a pouco se tamén hai para os de abaixo. En que cabeciña cabe que o insignificante pobo galego poida ter os mesmos dereitos có divinizado pobo catalán. Xa nin falar de que ese dereito poida ser extensible a esa chusma do sur. Ese é o problema, esa incapacidade de entender que ao meu café non lle resta nada que os da mesa da carón tamén desfruten de cadanseu. Velaí a cerna da cuestión. De aí vén que non procuren alianzas para traballar en prol do dereito a decidir enmarcado na Constitución e suxeito aos máis altos valores democráticos. Ou sexa, este sen fin de infamias e calumnias pouco ten que ver co dereito a decidir, moito coas ruíns condescendencias do narcisismo, e guiado e entregado á voracidade da depredación.
Porén, amósaseme incrible que os derradeiros exabruptos deste tardío posfranquismo flúan dos mananciais do tan admirado nacionalismo catalán. Paradigma que foi el, envexable modelo a imitar. Os que entendíamos, e entendemos, o nacionalismo ou galeguismo como unha forza vital ao servizo do desenvolvemento e prosperidade cultural, social e económico de Galicia, agora atopámonos con que o paradigma, o modelo (o nacionalismo catalán) é unha farsa, unha forza de destrucción e ruína. As acusacións de franquistas e fachas, elas por tantos tan repetidas e tan ben aproveitadas, séguense vertendo sobre o PP -e seguirán- moi a pesar de que nesa carreira de calumnias e infamias da posverdade o PP non é quen, por moito que o intente, de acercarse ás posicións de podio. Mais das moitas cousas raras que en España acontecen, esa non é unha delas; quizais mesmo sexa unha das grandes coherencias. España, por desgraza, coa súa Cataluña en cabeza, sempre foi fecundo da calumnia, reino do engano e da traizón, berce de expertos nas artimañas da infamia e da depredación, e agora engade ao seu acervo o valioso pedigree da CUP. Xa estamos todos. É de agradecer aos do “procés” o guiarnos e darnos a benvida á España de sempre, e facelo con esta exquisita clarividencia onde conflúen tódalas nosas miserias. Foi o “procés” quen nos espertou da ilusión de que podíamos vivir vida normal, dentro dos marcos dun Estado de Dereito, coas nosas miserias do pasado superadas, cos vieiros do futuro desbrozados, e firmes nas conviccións. Quedou claro, grazas ao “procés”, que seguimos sendo un país dominado por covardes, asoballado por oportunistas usurpadores, e subxugado ás endogamias dos chupóns vividores e traidores de sempre. Grazas, porque a verdade nunca sobra e a claridade nunca é moita.
Velaí a reacción de non poucos dos nosos ante a infamia do "procés": Solidarios de puño erguido obedientemente repetindo as sabias palabras do infalible amo catalán. Que aínda haxa alguén capaz de crer que isto trata do dereito a decidir é incomprensible. Triste testemuño dun baldeiro moral arrepiante, completamente alleo aos valores dos que se nutre a dignidade da autocrítica. O fácil é cubrirse con iso de que o equivocado sempre é o Outro; mirase ao espello é outra cousa. Mais aínda a un famélico gato rueiro lle quedan suficientes neuronas para ver a gran trama, o gran engano, e a avaricia depredadora que detrás del se agacha. Non obstante, velaí están os abandeirados do nacionalismo galaico, tan ofendidos co Estado opresor como solidarios co gran depredador. Incomprensible, triste e vergonzoso. Non hai peor cego có quen non quer ver.