Máis de 10.000 militantes están chamados a aclarar este domingo o futuro do PSdeG

Os socialistas galegos deciden entre Gonzalo Caballero e Juan Díaz Villoslada para liderar unha nova etapa no partido. Coinciden en sumarse á mensaxe de Pedro Sánchez e no modelo económico e social, polo que o único que os separa é como reconstruír o PSdeG.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 07/10/2017 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

Un total de 10.234 militantes socialistas poderán depositar o seu voto secreto e en furna este domingo día 8 de outubro, nos 182 centros de votación que estarán habilitados por toda Galicia para elixir o próximo secretario xeral do PSdeG. Os votantes deberán elixir entre Gonzalo Caballero e Juan Díaz Villoslada, logo de que Xoaquín F. Leiceaga dese un paso atrás a favor de Caballero e se integrase na súa candidatura.

Gonzalo Caballero e Juan Díaz Villoslada (PSdeG) saúdanse nunha manifestación.
Gonzalo Caballero e Juan Díaz Villoslada (PSdeG) saúdanse nunha manifestación.

Por provincias, A Coruña ten o maior peso, con 3.637 votantes censados e 64 centros de votación; Pontevedra contará con 49 centros e 2.952 militantes con dereito a voto, os 2.011 militantes de Lugo poderán votar en 46 centros e os 1.634 de Ourense terán 23 sedes onde exercer o seu voto.

Cada candidatura terá interventores e apoderados repartidos por todo o territorio e o horario de votación será de 10.00 a 20.00 horas, agás nos casos de centros cun número reducido de votantes que teñan solicitado un horario reducido de 10.00 a 14.00 da mañá ou de 16.00 a 20.00 horas pola tarde.

A partir das 20.00 horas comezará o escrutinio na sede nacional do PSdeG en Santiago de Compostela, tras recibir as actas de todas as mesas. Unha vez finalizado, a presidenta da xestora do PSdeG, Pilar Cancela, dará a coñecer o resultado definitivo e finalmente comparecerá ante os medios o gañador do proceso.

COINCIDENCIAS E DIFERENZAS

Este proceso será decisivo para aclarar o futuro dun PSdeG fraccionado dende hai xa moito tempo e cuxa división se foi escenificando nos últimos tempos, tanto no que se refire ao conflito interno a nivel estatal que levou a Pedro Sánchez primeiro e dimitir e logo volver á secretaría xeral do PSOE, como no modelo de partido en Galicia ou o modelo de Estado e o referendo de independencia en Cataluña.

Tanto Caballero como Villoslada queren erixirse nos cabezas dun cambio no PSdeG. Do mesmo xeito, ambos os dous acúsanse mutuamente de ser herdeiros da chamada 'vella política'. No cara a cara que mantiveron esta semana reproduciron as xa acostumadas acusacións e quixeron reivindicarse como a opción para lograr a unidade no partido e para recuperar o espazo do galeguismo e da esquerda que lles restou En Marea.

Máis aló das políticas económicas, sociais e identitarias que propoñen para o país, nas que coinciden no fundamental, os dous candidatos discrepan principalmente no modelo de partido que queren construír e para o que Caballero —quen nunca disimulou as súas diferenzas co seu tío Abel Caballero, alcalde de Vigo— propón acabar co poder das baronías, termo que rexeita usar Villoslada. Iso si, ambos os dous póñense ao carón de Pedro Sánchez, co que coinciden na súa mensaxe, que queren facer chegar aos galegos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 pe$oe= facismo

pero enton o dos traidor leitugas non van ir a Barcelona, din os pe$oes, ou mellor dito do que queda do retrete de facer manifestación con falanxe das jons, pero iso si din que os lideres non, que vaian as bases, a porse do lado do facismo monoarquico do pepeiro... o pe$Oe e o lixo mais grande do mundo mundial, que tristeza onde vai esta tropa sinon a roubar e rirse da clase traballadora son expañolentos van coa bandeira co trapo da monoarquia nos calzons! VERGONZA!!!! VERGONZA!!!!