Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 09/10/2017 | Actualizada ás 07:57
19 meses. Ese era o tempo que o PSdeG levaba sen secretario xeral, logo de que o 18 de marzo de 2016 dimitise do cargo José Ramón Gómez Besteiro trala súa imputación na operación 'Pulpo'. Desde entón, o partido viviu nun caos interno que levou a exhibir ante a opinión pública a fractura dun partido desnortado. Dende este domingo, o PSdeG xa ten novo líder: Gonzalo Caballero. Este será o encargado de recompoñer a unidade e de recuperar o espazo perdido na esquerda galeguista e o electorado perdido nos últimos anos, que principalmente se pasou a En Marea, ou a abstención.
Durante ano e medio, o PSdeG estivo á deriva, sen secretario xeral e dirixido por unha xestora que se eternizou, designada no seu momento dende Madrid pola entón dirección central do PSOE encabezada por Pedro Sánchez. Trala dimisión deste no aparato central e as convulsións que viviu o PSOE, a comisión xestora liderada por Pilar Cancela foi cuestionada polos baróns socialistas e os susanistas, pero de novo volveu coller aire e pulo tralo convulso regreso de Sánchez á secretaria xeral do PSOE, recuperando as competencias que os opositores lle retiraran.
Neste tira-puxa, no medio da treboada, o PSdeG, descabezado, e cun Xoaquín Fernández Leiceaga discutido como portavoz no Parlamento galego e posible secretario xeral, entraron en escena Gonzalo Caballero e Juan Díaz Villoslada, con propostas practicamente idénticas no que se refire á política social e económica, ambos os dous ao carón de Pedro Sánchez, pero con ideas distintas no plano orgánico para o PSdeG.
O paso atrás de Leiceaga en favor de Caballero semella que foi decisivo para a vitoria deste fronte Villoslada, moi crítico con esta alianza, até o punto de acusar a Leiceaga de ser a opción preferida do PP e, polo tanto, trasladar esa preferencia a Caballero.
Caballero, que representa o sector crítico no partido, que pretende dar maior voz e peso ás bases, xa partía como favorito tras lograr 2.297 avais, fronte os 1.790 do seu rival, ademais de estar apoiado por Leiceaga, que se sumou á candidatura de Caballero tras acadar 1.803. E así se reflectiu nas urnas, cun 58 por cento de apoio a Caballero.
Destas primarias saíu vitorioso ao impoñerse en todas as cidades, agás na súa casa, Vigo, onde manda o seu tío, o alcalde Abel Caballero, co que no disimulou as súas diferenzas e sobre o que agora mandará (é unha incógnita como dixirirá Abel esta nova situación). Pero agora ten por diante un primeiro reto fundamental para recuperar o electorado perdido: coser o partido. Queda por ver se a parte gañadora integra a perdedora, ou se está se deixa integrar, para recuperar a unidade perdida dende tempos de Emilio Pérez Touriño. De momento, Caballaro xa avanzou tras ser elixido que traballará para que haxa integración porque, dixo, "todos son necesarios" nesta nova etapa.
O seguinte paso antes de comezar a nova xeira será a ratificación do novo líder e da súa executiva, que deberá producirse nun congreso, a finais deste mes, que debería dar imaxe de unidade se o PSdeG quere recuperar o perdido. Logo disto, a primeira proba de fogo para o novo PSdeG liderado por Caballero serán as eleccións municipais de 2019, onde, dependendo dos resultados, podería reforzar o seu liderado ou abrir un novo proceso de disputas internas e novas dúbidas sobre o proxecto socialista para Galicia.
Nas súas mans queda este importante reto, no que terá que convivir en bicefalia con Leiceaga, que, segundo o acordado entre ambos os dous, seguirá sendo o portavoz parlamentario dos socialistas mentres Caballero, como Sánchez, se manterá fóra das cámaras de representación para reconstruír e fortalecer o partido. Do secretario xeral do PSOE recibiu precisamente unha das primeiras felicitacións.
Enhorabuena a los nuevos secretarios generales @G_Caballero_M y @JLambanM. Gracias por la participación, militantes del @PSdeG y @aragonpsoe
— Pedro Sánchez (@sanchezcastejon) 08 outubro 2017
Dez minutos antes, Villoslada xa felicitaba a Caballero e á militancia polas votacións e desexaba sorte ao novo secretario xeral, cando aínda non eran oficiais os resultados:
Noraboa a @G_Caballero_M e a toda a militancia do @PSdeG por unha nova lección de democracia. Ábrese un tempo novo. Sorte! #PrimariasPSdeG
— Juan Díaz Villoslada (@juan_villoslada) 08 outubro 2017
Case unha hora e media despois, o novo secretario xeral daba publicamente as grazas e avanzaba as claves para a súa etapa á fronte do partido: máis poder para as bases e un anovado PSdeG para Galicia.
O momento da militancia chegou a Galicia. É o tempo dun novo @PSdeG para cambiar Galicia. Grazas a tod@s! Seguimos‼️ pic.twitter.com/cH0fgIniiF
— Gonzalo Caballero (@G_Caballero_M) 08 outubro 2017
TRAXECTORIA
O único cargo público que ocupou Gonzalo Caballero foi unha concellaría en Vigo durante apenas dous anos, que asumiu tras a retirada da primeira liña do ex-alcalde Ventura Pérez Mariño. Xa en 2007, co seu tío á fronte da candidatura, non foi chamado para revalidar ese posto.
As diferenzas políticas entre Abel e Gonzalo Caballero arrincan en 1998, cando un mozo Gonzalo participou activamente na campaña de Josep Borrell nas primarias nas que se impuxo a Joaquín Almunia, a quen apoiaba entón Abel.
Sucesivos procesos orgánicos non fixeron senón confirmar o distante das súas visións políticas, ata o punto de que Gonzalo tratou sen éxito de arrebatar ao seu tío o control da agrupación de Vigo, tentou pugnar polo liderado do PSdeG fronte a Pachi Vázquez --a quen apoiaba Abel-- en 2009 e novamente probou sorte nas primarias de 2016 para elixir o candidato á Xunta tamén no lado oposto ao rexedor olívico.
O pasado ano, despois de non lograr suficientes avais para concorrer ás primarias nas que os socialistas elixiron o seu candidato á Presidencia da Xunta, aliñouse con Leiceaga, quen ao cabo sairía nos carteis do PSdeG, e quedou a un paso de conseguir un asento no Pazo do Hórreo ao figurar no numero cinco da lista por Pontevedra.
De feito, o non contar cun escano podería constituir un dos seus hándicaps, pois a principal voz do PSdeG non terá, polo de agora, a capacidade para confrontar a súa mensaxe coa do presidente da Xunta. Con todo, é un papel semellante ao que está xogando Pedro Sánchez a nivel estatal, fóra do Congreso dos Deputados. Ademais, Caballero sempre gabou a labor de Leiceaga como portavoz e restou importancia a non ter unha escena institucional, máis partidario de "abrir o partido á sociedade", mentres destaca a "fortaleza" de Pedro Sánchez, nesa mesma situación.
Con 22 anos de militancia ás súas costas, os seus máis próximos destacan del que "coñece ben o partido", un aspecto que será clave na nova etapa que agora comeza. E é que os votos dos seus compañeiros de filas déronlle a chave dun partido fracturado ao redor dos últimos liderados que tivo, do que dan proba as estruturas que aínda controlan José Ramón Gómez Besteiro e Pachi Vázquez, e ao redor de liderados locais como o do alcalde vigués.
En contra deste profesor universitario casado e con dous fillos xoga, segundo destacan algúns membros do PSdeG, o seu carácter "paixoal" e mesmo "esplosivo", pero algúns dos que lle acompañaron ao longo deste proceso subliñan que é unha persoa "reflexiva", "dialogante" e que ten "a cabeza ben amoblada".
Membro do Comité Nacional do PSdeG e tamén do Comité Federal do PSOE, fillo dun histórico socialista ponteareán, non só haberá de 'puír' o seu perfil de crítico para recompor as fracturas internas do partido, senón que tamén deberá traballar para recuperar a actividade dunha formación que acumula algo máis dun ano e medio de interinidade.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.