O Pindo, agardando por un saneamento integral desde hai 20 anos

Unha analítica das augas residuais desta zona de Carnota demostra a necesidade de acometer un saneamento de urxencia.

Por Galicia Confidencial | O Pindo | 11/10/2017 | Actualizada ás 10:59

Comparte esta noticia

Unha nova analítica demostra a falta de saneamento das augas do Pindo. Despois de varios meses denunciando os malos cheiros, sobre todo dende a rotura dunha dos tubos vellos nun temporal de inverno, os veciños confirmaron os seus temores. 

Saída do colector vello de saneamento no Pindo chea de contaminación por fecais
Saída do colector vello de saneamento no Pindo chea de contaminación por fecais | Fonte: Quino Pais

É na zona da Praza onde os malos cheiros son xa insoportables, porque ao non chover, vai seco e o mar aínda que coas mareas vivas, non dá dilúido “tanta merda”, segundo os veciños. Por iso, pediron un informe á empresa BioControl para coñecer o alcance real da falta de saneamento. Un informe completamente válido mesmo para levar ao xulgado (así o avala o certificado ENAC co que conta a empresa) e que mesmo podería levar a Augas de Galicia a prohibir o baño despois de que os veciños o presenten como denuncia no xulgado.

As cifras falan por si soas. É certo que as augas residuais contan con valores relativamente semellantes de coliformes que os datos que dan as augas recollidas nun dos puntos menos contaminados da zona de debaixo da praza, arredor de 10.000.000ucf / 100ml de coliformes totais. Pero é que o límite permitido de coliformes para augas de baño ronda os 200ucf/100ml (100 para as augas potables), o que dá conta do salto de magnitude.

8 anos esperando polo novo saneamento

Os veciños denuncian que a situación é clara. É palpable que a rede de saneamento carnotá está vella. E por iso a Xunta decidiu facer un colector xeral novo, que recolle dende o Ézaro e conecta coa depuradora de Carnota, situada en Panchés, e que funciona perfectamente. O caso é que ese colector leva 8 anos en obras e non dan acabado. Con varias empresas declaradas en quebra, a Xunta non consegue acabar o colector, mentres o Concello si que ten preparados as novas tubaxes para conectalas ao novo colector. Pero mentres non estea activo, o vello saneamento é o que está asumindo toda a carga.

Depuradora de Carnota en Panchés
Depuradora de Carnota en Panchés | Fonte: QPC

Todos os grupos municipais están de acordo na necesidade de acometer xa o saneamento. O pleno municipal aprobou un escrito no que denuncia a situación que arrastra a vila dende hai 20 anos nos que as casas levan botando directamente as augas residuais no regato do lugar.

Este mércores o alcalde Ramón Noceda ten reunión co Augas de Galicia. Unha cita á que irá escoltado por varios veciños cargados de sinaturas. “Imos reunirnos coa Xunta e imos cos veciños, para apuralos, a ver se recollen dunha vez a obra e conectan de verdade o novo colector”, asegura o alcalde.

Segundo diversas fontes, pode ser que a mediados deste mes de outubro a Xunta recolla a obra, pero o Concello asegura que vai revisar que todo funcione correctamente para logo non ter que asumir obras que non lle corresponden.

Do medio colaborador QPC

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta