Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 18/10/2017 | Actualizada ás 08:00
A enorme vaga de incendios que asolou estes días Portugal, Galicia e Asturias levou á Unión Europea (UE), a través do EU Science Hub —o servizo de ciencia e coñecemento da Comisión Europea—, a emitir un comunicado no que alerta de maiores e máis intensos lumes no futuro e das graves consecuencias que terán para a saúde pública pola contaminación do aire.
O informe anual dos incendios forestais do Centro Común de Investigación, máis coñecido como JRC (en inglés, Joint Research Centre) confirma unha tendencia cara a tempadas de incendios máis longas e intensas en Europa e rexións veciñas, con incendios forestais que se sucederán ao longo de todo o ano e non só en tempada cálida. O informe coincide cun estudo internacional que conclúe que as tendencias mundiais de incendios forestais poderían ter importantes implicacións para a saúde debido ao aumento das emisións nocivas.
A UE recoñece que malia os esforzos das autoridades, a tendencia actual é cara a estacións de incendios máis longas con picos de intensidade de lume que causan cada vez máis incendios catastróficos, como os que se sucederon en Portugal tanto este verán como o ano pasado, ou os que están acontecendo en pleno mes de outubro en Galicia e o país veciño.
Se o ano pasado Portugal sufriu moitos lumes en pouco máis dunha semana que queimaron máis de 100,000 hectáreas de terra e contribuíron significativamente aos resultados xerais da tempada de incendios, agora, con máis de 700,000 hectáreas de terra xa queimadas no que vai de 2017, os novos lumes forestais que azoutan Portugal "serán lembrados como dos máis devastadores en Europa", salienta o servizo de ciencia e coñecemento da Comisión Europea.
Os últimos datos do Sistema Europeo de Información sobre Incendios Forestais (EFFIS) suxiren que case todos os incendios forestais son provocados polo ser humano, e moi poucos resultan de fenómenos naturais, como un raio por exemplo. Con todo, os científicos da UE observan que as condicións cálidas e secas inducidas polo cambio climático están contribuíndo a provocar incendios cada vez máis severos e unha maior frecuencia de pequenos lumes que se volven incontrolables.
MÁIS CONTAMINACIÓN NO AIRE
Ademais do perigo inmediato para a vida e o sustento, o servizo de ciencia e coñecemento da Comisión Europea subliña que o fume destes incendios destrutivos tamén representa un risco substancial para a saúde humana. Neste contexto, un grupo internacional de investigadores do JRC, a Universidade de Lund en Suecia e o Centro Nacional de Investigacións Atmosféricas dos Estados Unidos (NCAR) tentaron investigar ese risco. Os seus resultados foron publicados na revista científica Atmospheric Chemistry and Physics. Os científicos utilizaron modelos matemáticos para simular como é de probable que se produzan incendios forestais e como a liberación resultante de pequenas partículas na atmosfera da Terra pode afectar a calidade do aire.
As directrices da Organización Mundial da Saúde (OMS) establecen que mesmo concentracións moi baixas de contaminación de partículas pequenas poden ser perigosas. Os valores de referencia establecidos para os países son unha concentración anual media inferior a 10 microgramos por metro cúbico e unha media diaria inferior a 25 microgramos por metro cúbico.
As simulacións feitas por estas científicos atoparon que, cando os países implementan medidas efectivas para reducir a contaminación do aire, as emisións dos incendios forestais poden non facer que os niveis medios anuais suban por enriba dos limiares recomendados polas directrices. Os científicos observaron este resultado para a maioría das rexións do mundo. Con todo, durante as tempadas de incendio, estas emisións poden causar unha forte contaminación do aire, con severos impactos na saúde. "A medida que estas tempadas de incendios se alonguen, inevitablemente crecerán os problemas potenciais para a saúde", advirten os científicos da UE.
O JRC está a liderar unha iniciativa global no contexto do programa do Grupo de Observacións da Terra (GOE) e EU Copernicus para desenvolver un Sistema Mundial de Información sobre Incendios Forestais (GWIS), destinado a monitorear e avaliar as tendencias e os efectos dos incendios forestais a nivel global.
"As políticas de calidade do aire actualmente non apuntan a incendios forestais. E ata o momento, non existe un método amplamente aceptado para o manexo de incendios forestais que se demostrase que conduza a reducións duradeiras da actividade do lume ou emisións. Este feito, xunto coa tendencia evidente no informe de incendios forestais de 2016 e a severa tempada de incendios observada en Europa este ano, destacan a necesidade de que os países continúen colaborando para atopar o mellor xeito de xestionar os incendios de maneira efectiva", conclúe o servizo de ciencia e coñecemento da Comisión Europea.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.