Desfeita en Riazor

Paso atrás do Dépor tras caer 1-2 co Girona, nun partido cunha desastrosa arbitraxe, con dous penaltis inexistentes e dous goles anulados aos branquiazuis por fóra de xogo. Os de Pepe Mel, dous puntos por riba do descenso.

Por gcdeportes | A Coruña | 24/10/2017 | Actualizada ás 00:08

Comparte esta noticia

Ficha técnica:
Deportivo 1:
Francis; Juanfran, Raúl Albentosa, Sidnei, Luisinho; Guilherme, Celso Borges; Fede Cartabia (Bakkali, 77’), Emre Çolak (Florin Andone, 72’), Fede Valverde (Adrián López, 63’) e Lucas Pérez.
Girona 2: Bounou; Pablo Maffeo, Ramalho, Espinosa, Juanpe, Aday (Mojica, 79’); Aleix García, Borja García (Douglas Luiz, 59’), Pere Pons (Granell, 59’), Portu e Kayode.
Goles: 0-1: Aday, de penalti (min. 25). 1-1: Lucas Pérez, de penalti (50’). 1-2: Portu (minuto 71).
Árbitro: Gil Manzano (estremeño). Amarelas a Albentosa (24’), Fede Cartabia (76’) e Ghilherme (83’) no Dépor e a Pere Pons (27’), Ramalho (50’), Granell (66’), Aday (69’), Mojica (80’), Aleix García (90’); Bernardo (95) e Douglas Luiz (96) no Girona.
Incidencias: partido da 9ª xornada de Primeira División disputado no estadio municipal Abanca-Riazor ante 17.584 espectadores.

Raúl Albentosa protesta ao árbitro tralo penalti sinalado.
Raúl Albentosa protesta ao árbitro tralo penalti sinalado. | Fonte: lfp.es

“O equipo vai a máis”, aseguraba Pepe Mel na previa. Pero ante o Girona, paso atrás. Por dúas veces, o Dépor viuse por debaixo no marcador, e o 1-2, a vinte minutos do final, foi demasiado golpe. Entre o empate de Lucas Pérez e o segundo do Girona, coa entrada de Adrián López, foron os mellores minutos branquiazuis, pero sen acerto de cara ao gol. De novo Pepe Mel contra as cordas e de novo o Dépor, 16º con dous puntos sobre o descenso, con urxencias. E co cabreo da afección tralo asubío final.

Pepe Mel apostou por Lucas Pérez en punta e deixou a Florin Andone no banco, repetindo no centro da defensa Raúl Albentosa con Sidnei e Francis na portaría. O primeiro remate entre madeiras do Dépor chegou no minuto 36. Antes, os de Pepe Mel dominaban pero sen moito énfase, e o árbitro converteuse en protagonista sinalando un penalti inexistente de Raúl Albentosa sobre Kayode. Aday fixo o 0-1 dende os once metros. O Dépor buscou o empate antes do descanso: a Sidnei saiulle desviado un remate coa testa e o árbitro anulou dous goles deportivistas por fóra de xogo.

Tralo paso por vestiarios, e tralo susto cun remate de Aleix García que Francis despexou a córner, o árbitro tentou compensar o erro do primeiro tempo e sinalou outro penalti inexistente de Ramalho sobre Lucas Pérez. O de Monelos firmou o empate no minuto 50. Co pulo do gol e a entrada de Adrián López tras cinco partidos ausente, o Deportivo xogou os seus mellores minutos, pero faltoulle precisión na área: Adrián, tras un magnífico control, disparou frouxo, e un centro raso do asturiano non atopou rematador.

O Girona resistiu os momentos de apuro e golpeou de novo o Dépor no minuto 71: centro de Maffeo, deixada coa testa de Kayode e gol por baixo de Portu. Quedaron tocados os de Pepe Mel, e malia que Andone tivo unha ocasión coa testa, estivo máis preto o terceiro do Girona á contra, co Dépor rachado sobre o campo. Primeira vitoria a domicilio en Primeira División na historia do Girona, que con 9 puntos adianta o Dépor, con 8, na táboa. O descenso, a tan só dous puntos.

Florin Andone laiase dunha ocasión errada polo Dépor.
Florin Andone laiase dunha ocasión errada polo Dépor. | Fonte: lfp.es

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Pastelao

Fóra Pepe Miel!!