Temas: LUGO ENERXíA

Lugo, capital das enerxías renovables, eficiencia enerxética e innovación e xestión transversal da enerxía

A cidade da muralla acolle o maior congreso do sector enerxético en Galicia que contará coa participación de empresas, investigadores universitarios e centros de investigación relacionados co sector da enerxía.

Por GC Emprende | Lugo | 03/11/2017 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

Lugo acollerá a IV edición do Congreso Galego de Xestión Enerxética Xenergal 2017, que se celebrará os vindeiros días 8 e 9 de novembro. Unha cita que xirará en torno ás  enerxías renovables, eficiencia enerxética e mantemento de edificios, iluminación, innovación e xestión transversal da enerxía.

Presentación do  IV Congreso Galego de Xestión Enerxética en Lugo
Presentación do IV Congreso Galego de Xestión Enerxética en Lugo | Fonte: Deputación de Lugo

O congreso articularase nun total de trece mesas específicas e contará coa participación de empresas, investigadores universitarios e centros de investigación relacionados co sector da enerxía e o número de asistentes inscritos xa supera o centenar. Conta ademais co apoio de catorce institucións, entre as que se atopan colexios profesionais, clusters da enerxía geotermica e das enerxías renovables ou asociacións profesionais como a da construción de Lugo.

Compromiso co aforro enerxético

Está organizado polo Colexio de Enxeñeiros Industriais de Galicia (ICOIIG), coa colaboración do Executivo Provincial e do Concello de Lugo e foi presentado este xoves polo presidente da Deputación, Darío Campos Conde, xunto ao Concelleiro de Desenvolvemento Sostible de Lugo, Daniel Piñeiro Villares. Tamén participaron o decano do ICOIIG, Oriol Sarmiento, e o Director de Xenergal, Fernando Blanco.

Campos Conde destacou a importancia desta cita do sector enerxético en Galicia, que contará cun total de 36 relatorios aceptados, mentres que Piñeiro Villares amosou “o compromiso do Goberno de Lugo co aforro enerxético e coa reducción de emisións de gases de efecto invernadoiro”. 

Nesta liña o edil tamén subliñou as accións que o Concello acometerá a través do Lugo Smart City, financiado nun 80% con fondos FEDER, para avanzar en cidade intelixente e sostible, como a xestión de residuos sólidos urbanos a través de sensores de almacenamento conectados vía GPRs ou 3G nos colectores.

Na súa intervención, Oriol Sarmiento reivindicou “o papel dos enxeñeiros industriais na xestión da enerxía, cunhas competencias recoñecidas desde 1935”. Pola súa banda, Fernando Branco indicou que “a xestión da enerxía é unha necesidade no mundo da empresa e administración pública derivada da necesidade de diminuír as emisións de Gases de Efecto Invernadoiro e de garantir a seguridade de todas as instalacións tanto en empresas como administracións públicas”.

Consultas

A relación de relatorios aceptados pódese consultar en http://xenergal.icoiig.es/ponencias-aceptadas/; sendo os autores pertencentes a empresas, grupos de investigación universitarios ou organismos públicos. A organización de Xenergal inclúe a celebración da V Xornada Eólica de Galicia e da segunda edición do Seminario Técnico Galego de Iluminación.

Temas: LUGO ENERXíA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta