Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 17/11/2017 | Actualizada ás 12:31
Dúas lendas vivas do rock duro, os grupos Kiss e Scorpions, serán cabezas de cartel da décimo terceira edición do Resurrection Fest Estrella Galicia, que se celebrará en 2018 do 11 ao 14 de xullo no seu emprazamento habitual de Viveiro (Lugo).
A organización do festival galego confirma tamén a presenza de Stone Sour, Ministry, At The Gates, Anti-Flag, Overkill, Alestorm e The Art Is Murder.
As entradas estarán á venda ao prezo actual até o vindeiro martes 21 de novembro ás 23,59 horas. Os billetes diarios poranse tamén á venda o luns 20 de novembro ás 10,00 horas.
O festival deu a coñecer a listaxe completa da primeira quenda de anuncios, con máis de 50 bandas. O total ascenderá a máis dun cento.
LISTA COMPLETA
A lista completa inclúe a Kiss, Scorpions, Stone Sour, Ministry, At The Gates, Anti-Flag, Overkill, Alestorm, Exodus, Riot Propaganda, Zebrahead, Saint Vitus, Suffocation, Thy Art Is Murder, Cancer Bats, Evergreen Terrace, Stick To Your Guns, The Qemists, Leprous, Voodoo Glow Skulls, Rise of the Northstar, Igorrr, Stoned Jesus, Monolord, The Lurking Fear, Rotten Sound, Jinjer, Harakiri For the Sky, Get The Shot, Rolo Tomassi, Mars Red Sky, The Voynich Code, Nostromo, Imperial Jade, The Wizards, Sugus, Dawn Of The Maya, Teksuo, Trono de Sangre, Somas Cure, Bellako, Against The Waves, Malämmar, Ósserp, Ciconia, Aposento, Bloodhunter, Aathma, Ànteros, Santo Rostro, Boneflower, Montañeros de Kentucky e Pandemia.
A organización explica que a "intención inicial" era publicar todo o cartel, "pero moitas bandas non están listas", así que "máis adiante pecharase toda a programación con outro anuncio que equilibrará o cartel".
KISS, POR VEZ PRIMEIRA EN GALIICA CUNHA ACTUACIÓN ESPECIAL
O Resurrection Fest mostra o seu "orgullo" por poder anunciar que, "por primeira vez na historia, unha das bandas máis famosas do mundo do rock estará en Galicia", por Kiss.
"Os americanos virán desde Estados Unidos explicitamente para tocar en España nunha das súas poucas datas a nivel mundial que darán en 2018 e teremos en Viveiro o concerto máis especial até a data entre todas as súas visitas a España, coa súa produción completa e longa duración", destaca.
Engade que "proximamente" anunciará "unha sorpresa moi especial sobre esta actuación". "Será todo un orgullo ter a Gene Simmons, 'The Demon', Paul Stanley, e o resto da banda encabezando o día grande do festival, o sábado 14 de xullo", subliñan os organizadores.
SCORPIONS, LENDA DO ROCK ALEMÁN
Sobre "outra das bandas máis influentes da historia do rock", Scorpions, indican que tamén estarán en Viveiro e encabezarán un dos días do festival, o venres 13 de xullo. Desde Alemaña, actuarán en Viveiro por primeira vez, con temas "tan míticos como 'Rock You Like A Hurricane', 'Still Loving You' ou 'Winds of Change', entre moitos outros".
OUTROS DESTACADOS
"Por petición popular", sinalan, "por fin" estará no Resurrection Corey Taylor. Xa que a súa outra banda, Slipknot, está de descanso, resalta que será "a única data en España de Stone Sour" e "un dos pratos fortes do cartel". Presentarán o seu último disco 'Hydrograd' e tocarán todos os seus clásicos.
No referente ao metal extremo, anuncian a "vellos amigos e moitas bandas novas que nunca estiveron no festival", entre eles Ministry, At The Gates, Overkill, Alestorm, Thy Art Is Murder, Exodus, Suffocation, Leprous e Igorrr.
No escenario de punk e hardcore, Anti-Flag volve de novo a Viveiro "máis grandes ca nunca", e tamén estarán Zebrahead, Riot Propaganda (o proxecto de rap metal dos Chikos del Maíz e Habeas Corpus), Cancer Bats, Stick To Your Guns, Voodoo Glow Skulls, Evergreen Terrace ou Rise of The Northstar, entre outros. The Qemists, como proposta alternativa, levarán a súa mestura de drum'n'bass e música electrónica.
Ao 'Desert Stage' subiranse grupos como Saint Vitus, God Is An Astronaut, Stoned Jesus, Harakiri For The Sky, Monolord, Rolo Tomassi e Mars Rede Sky.
En canto a bandas estatais figuran os xa mencionados Riot Propaganda, The Wizards, Somas Cure, Imperial Jade, Teksuo, Against The Waves, Trono de Sangre, Boneflower, Ósserp e Malämmar, entre outros.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.