Por Galicia Confidencial | Compostela | 10/01/2018 | Actualizada ás 11:52
A Inspección de Traballo e Seguridade Social da Coruña terá que analizar se é necesario que a Xunta realice medicións para analizar o efecto do gas radon nas estruturas e o perigo que este pode supor para os traballadores públicos. Será logo dunha denuncia da CIG-Administración ao negarse a propia Administración galega a realizar esas análises.
Este sindicato lembra que varios estudos científicos relacionan o gas radon co cancro de pulmón. Algúns destes estudos cifran no 25% o total de casos de cancro de pulmón detrás dos que se atopa este gas. A emisión deste gas é especialmente alta no noso país e na nosa comarca de Compostela. Resulta moi perigoso en sotos, semisotos, baixos e outras zonas pouco ventiladas
Por iso, manifestou en reiteradas ocasións no respectivo Comité de seguridade e saúde laboral a queixa e inquietude do persoal público polos niveis de gas radon nos edificios administrativos da Xunta de Galicia en Servizos Centrais, sobre todo nos sotos destes, onde normalmente se traballa en xornada ordinaria. E, ademais, pediu que se mediran os niveis deste gas, xa que Santiago de Compostela é unha zona de alto risco pola morfoloxía do seu chan.
“Insistimos que se esta incumprindo toda a normativa sobre esta materia, a sabiendas, dende as Directivas da Comunidade Europea, ata as normas básicas ditadas por a propia Xunta de Galiza, sobre este gas”, apunta.
A CIG- Administración tamén achegou un informe técnico da Universidade de Santiago de Compostela sobre esta problemática. Segundo este estudo, as medicións indican que podería haber risco para a saúde dos funcionarios. De feito, o Consello Galego de Relacións Laborais, organismo que depende da Xunta de Galicia e ten as oficinas en Santiago de Compostela, tivo que facer obras de mellora e de evacuación do gas, polos altísimos niveis de concentración.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.