Por Galicia Confidencial | | 12/01/2018 | Actualizada ás 22:00
Galicia vén vivindo nas últimas décadas sucesivas crises causadas por grandes vagas de incendios. Desde a década de 1970, o índice anual de incendios forestais non deixou de aumentar, pero os efectos políticos comezaron realmente máis tarde, coa tempada de lumes de 1989 —cando gobernaba a Xunta o socialista Fernando González Laxe—, a que orixinou a primeira crise política importante, e que motivou a creación da Subdirección Xeral de Defensa contra Incendios Forestais da Xunta de Galicia. Porén, o ano 2006, co Goberno do bipartito PSdeG-BNG, supuxo un punto de inflexión, xa que a superficie forestal queimada foi superior á de monte baixo e matogueira, causando un forte impacto social e mediático e unha fonda crise política. Dez anos despois, en 2016, co PP de novo no Goberno, produciuse outra grande onda de incendios tamén con importante impacto político. Eses dous anos, 2006 e 2016, foron tomados para comparar a xestión das crises xeradas polos lumes por dous gobernos contrapostos: o de Touriño-Quintana vs o de Feijóo. O autor do estudo, Gonzalo Louzao Dono, concluíu que "o custo político da crise foi moi superior no caso da crise dos incendios de 2006 que no de 2016".
O principal obxectivo do traballo foi estudar a comunicación de crise dos actores implicados naqueles dous anos, e especialmente, de quen debía afrontala, e resolver se aquela propaganda permitiu reducir ou se magnificou o impacto da crise desde o punto de vista político, ou se tivo un impacto reducido na súa percepción por parte dos cidadáns.
O autor do estudo preguntouse cales foron as liñas de xestión da crise, cales foron as liñas de actuación dos principais actores implicados, cal foi a estratexia de comunicación empregada e como se organizou a exposición pública dos líderes políticos. Para resolver estas cuestións fixo unha análise da documentación gráfica e multimedia, así como das públicacións da prensa durante os períodos das dúas crises. Tamén analizou o papel dos distintos actores implicados no desenvolvemento das dúas crises mediante entrevistas telefónicas de panel semiestruturadas. E aplicou unha análise de sistema de fases a estas crises.
AS VAGAS DE 2006 E 2016
A crise do ano 2006 supuxo para o Goberno bipartito PSdeG-BNG "unha fonte de desgaste político", apunta Louzao.
No estudo lembra que a crise sucedeu fundamentalmente na primeira metade do mes de agosto daquel ano, entre o 4 e o 15 de agosto, cando se rexistraron 1.970 incendios forestais, principalmente nas provincias da Coruña e Pontevedra, que concentraron o 85% do total da superficie queimada.
A Xunta de Galicia cifrou as hectáreas queimadas en 77.776, o Ministerio de Medio Ambiente en 86.033, o Centro Europeo de Información Forestal en 88.232 e o CSIC en 92.058 hectáreas, recóllese no estudo. Esas discrepancias, apunta o autor, débense fundamentalmente ás diferenzas entre os períodos de referencia usados. Pero malia a maginitude da catástrofe, o Partido Popular decidiu pola súa propia conta e risco magnifcala aínda máis e nas súas comparecencias usou "datos irreais, chegando a falar de 175.000 hectáreas", dato "claramente desproporcionado", subliña Louzao. Ademais, a cifra total de vítimas mortais foi de 4 persoas, cunha ferida moi grave.
No ano 2016 os incendios volvéronse reproducir con virulencia, pero nun contexto político diferente. "Núñez Feijoó, como parte do seu plan de aforro, decidira retardar a posta en marcha do dispositivo antiincendios para aforrar, cousa que comprometía a capacidade de resposta da Xunta para facer fronte ós incendios", salienta o autor do estudo comparativo.
Os incendios producidos durante a tempada estival do ano 2016 foron menos devastadores, cun total dunhas 20.000 hectáreas calcinadas. Nesta ocasión foi Ourense unha das provincias máis castigadas, xunto con Pontevedra, e A Coruña.
Neste ano, "a crise comezou nun momento no que xa se estaba a falar do problema da ausencia de medios de extinción debido ós retallos da Xunta de Galicia polo plan de aforro impulsado por Núñez Feijoó", clarifica Louzao.
ERROS E ACERTOS DO BIPARTITO E DO PP
Tras realizar a análise da documentación, publicacións e entrevistas realizadas, Louzao conclúe que o Goberno do bipartito sufriu maior desgaste pola crise dos incendios que o do PP.
Con todo, matiza que no caso do Goberno liderado por Feijóo "non se produciu un triunfo completo", xa que "existen claras deficiencias de xestión, e inclusive poderiamos dicir que o impacto podería ser moi superior para a administración de Núñez Feijoó de houberse producido a crise no período no que decidiu non activar o dispositivo antiincendios como era habitual".
Louzao considera que a redución de operativos foi "claramente unha aposta arriscada" que supuxo un "risco potencial". Porén, "o feito de realizar unha comunicación axeitada" desde o Goberno do PP "paliou os erros obxectivos de cara ó impacto político sobre a cidadanía galega".
Por outra banda, explica, no caso dos dous gobernos, o do bipartito e o do PP, "o aspecto da prevención foi completamente desatendido, dada a aplicación practicamente nula dos plans forestais".
"Se ben a Xunta tratou de lanzar un plan para reducir os tempos de resposta en aras de reducir o número de lumes que se convertían en incendios, isto quedou nunha mera declaración de intencións que non tivo consecuencias no actuar das forzas de resposta a disposición da Xunta de Galicia", aporta no estufo.
En canto á resolución da crise e a como tentaron paliar as consecuencias dos incendios, destaca que ambos os gobernos tomaron medidas de repoboación e de indemnización dos danos, se ben escapa ao alcance deste traballo o estudo econométrico de se as axudas eran correspondentes aos danos causados cuantitativamente.
Louzao móstrase especialmente duro e contudente no aspecto da aprendizaxe da crise, que "case nin merece comentario na crise do 2016, porque foi realmente nulo". O investigador observa que co Goberno de Feijóo "non se produciu ningún tipo de intento de efectuar unha aprendizaxe respecto da crise", ao seu xuízo, "porque a Xunta nunca admitiu ter cometido erro ningún na xestión, e polo tanto, quizais entendese que de facer un trato semellante dos feitos a posteriori, sería tido en conta como unha asunción de responsabilidade política no sucedido".
Tamén se mostra crítico co Goberno da Xunta do bipartito, que en 2006 "cometeu erros graves á hora de organizar a cadea de comunicación e de abordar a crise nun primeiro momento, aínda recoñecendo que se enfrontaba a unha ameaza cuantitativamente máis importante, tal e como amosan as hectáreas queimadas e o número de incendios simultáneos nun e no outro caso".
Para Louzao, "iso foi o que provocou un deterioro na imaxe de goberno" do bipartito, xa que, engade, foi percibido pola sociedade galega como un goberno "inoperante por dar información ás veces excesiva en canto que alarmista, discordante e cunha representación dispersa".
"O feito de que moitos dos incendios fosen provocados levou ó Goberno a lanzar manifestacións contundentes contra os incendiarios, sen que estes chegasen a desprazar no centro da responsabilidade ó goberno, cousa que si conseguiu en moita maior medida o goberno de Núñez Feijoó", compara o investigador.
Louzao considera que tamén puido ter influencia o feito de que "o electorado de esquerdas sobre o que se sustentaba o bipartito é máis susceptible de verse influído por cuestións ecolóxicas e medioambientais do que o é o goberno conservador".
Pola contra, si cre que o Goberno do bipartito "acertou no modo de resolver materialmente a crise en canto ás repoboacións forestais e a indemnización dos danos, así como en lanzar un programa de revisión do aproveitamento do monte e da organización dos medios de extinción". Neste último aspecto enxalxa que "as melloras foron bastante positivas", xa que desde aquela crise de 2006 "os procedementos de actuación quedaron moito máis claros e unificáronse os mandos, feito do que se beneficiou o goberno posterior", apunta.
En canto ó aproveitamento do monte e as cuestións ecolóxicas e de estruturación económica do monte, conclúe que "os resultados foron moito máis modestos" para o bipartito, xa que malia poñer en marcha "medidas lexislativas e un programa forestal ambicioso", salienta que "non chegou a materializar en medidas concretas".
Así por exemplo, entre as medidas pedidas polos ecoloxistas e recollidas polo Goberno, recorda que "o cambio de modelo dende o eucalipto ás especies endémicas nunca se chegou a producir, nin se tomaron medidas en canto á reordenación do solo".
En definitiva, conclúe, "ambos gobernos actuaron de forma defectuosa na xestión da crise, con algúns acertos puntuais, e sobre todo con moitos erros". Con todo, "a Administración de Feijoó foi a que mellor levou a crise políticamente, saíndo indemne dos ataques da oposición e conseguindo evitar que a crise minase a súas posibilidades electorais", mentres que no caso do bipartito, aquel Goberno "sufriu duras críticas".
"Nese sentido podemos dicir que a comunicación da crise foi moito mellor executada no ano 2016", remata Louzao no seu estudo, titulado "Xestión de crises dos incendios en Galicia: comparación das crises do 2006 e do 2016", feito como traballo final do Master en Marketing, Consultoría e Comunicación Política da Facultade de Ciencias Políticas e Sociais da Universidade de Santiago de Compostela.
FASE DA CRISE | ACCIÓNS |
Evitar a crise |
-Non identificaron correctamente os sinais e alertas -Non imaxinaron o peor escenario posible -Non contaban con un protocolo de actuación claro para actuar fronte ós incendios -Xogaban co inconveniente da improbabilidade de que acontecera o que aconteceu |
Preparar a crise |
-Non existía un plan de actuación claro -Non se cumpriron os protocolos estritamente -Faltaron adestramentos e simulacros -Exceso de información -Non existía unha cadea de mando testada -Protocolo de seguridade en caso de crise inexistente ou non cumprido -Non tiveron suficientemente en conta os posibles efectos colaterais |
Entender a crise |
-A crise non se entende ata as primeiras dúas vítimas -Ao principio non botaron de axuda externa (goberno central e internacional) -A comunicación cos demais actores implicados non foi a correcta -A comunicación cos cidadáns foi caótica excesiva causando o pánico e magnificando o problema |
Conter a crise |
-Souberon rectificar e cambiar o mando da xestión da crise engadindo novos actores con maior credibilidade -Non se asumiron responsabilidades nin erros -Fallo na elección do portavoz -Erros na comunicación a todos os niveis -Algúns profesionais apagalumes non se sentiron identificados coa actuación da Xunta -A mala comunicación dos actores contribuíu a reducir a confianza no goberno -Non xestionaron correctamente o fluxo de información -A comunicación interna non era boa, non existía unha mensaxe unificada |
Resolver a crise |
-Non existía un relato único -Rapidez de actuación -Non houbo total transparencia nos procesos -Non existiu total claridade na argumentación -Sen consecuencias políticas inmediatas |
Aprender da crise |
-Souberon recoñecer o erro no mando da xestión de crise -A mala sorte existe e as crises poden pasar |
FASE DA CRISE | ACCIÓNS |
Evitar a crise |
-Non só se incrementaron as precaucións habituais senón incluso que os plans de prevención de incendios recibiran menos atención ca en anteriores anos -Abandonárase calquera intento de reformular o modelo de explotación, e moito menos de reordenación do solo forestal |
Preparar a crise |
-Reduciuse o número de efectivos con respecto a anteriores anos -Subestimáranse os recursos necesarios e reduciuse a temporada de actividade do dispositivo antiincendios. Se estes se tiveran desatado só unhas semanas antes, os resultados serian moito peores |
Entender a crise |
-Cando se produciu unha escalada no número de incendios, a cadea de mando respondeu axeitadamente no sentido de visualizar que os incendios superaban os medios de extinción que conviña ter dispoñibles para a súa extinción -O goberno polo tanto, entendeu que se atopaba ante un problema de incendios forestais superior o normal con celeridade |
Conter a crise |
-Pese a identificar o problema, os medios de extinción non se incrementaron, polo que a crise non foi contida axeitadamente desde o punto de vista obxectivo -A Xunta organizou un bo sistema de comunicación e deu unha imaxe sólida e de confianza, polo que a contención da crise foi axeitada dende o punto de vista comunicativo. |
Resolver a crise |
-O goberno resolveu a crise correctamente, dando unha imaxe de control, e cando a deu por finalizada, xa non supoñía un problema político -Bo manexo dos tempos por parte do goberno -As acusacións lanzadas contra os “ecoterroristas” sen que esa expresión identificara a ninguén en concreto, conseguiu facer un home de palla que o goberno anterior non lograra. |
Aprender da crise | - A aprendizaxe da crise foi nula. Non se fixo ademán de mellora en ningún dos aspectos clave do problema dos incendios |
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.