Intelixencia artificial máis computación cuántica: unha ollada ao futuro desde Galicia

Vicente Moret-Bonillo, profesor da Universidade da Coruña, investigador do CITIC, afonda nas posibilidades que ofrecerá a combinación destes dous campos de investigación.

Por Galicia Confidencial | A Coruña | 16/01/2018 | Actualizada ás 08:30

Comparte esta noticia

Mentres a intelixencia artificial xa forma parte das nosas vidas cotiás, aínda que dun xeito moi sutil —desde aplicacións móbiles até robots básicos—, outro fenómeno que está emerxendo para revolucionar se cabe aínda máis a sociedade en rede e dixitalizada é a computación cuántica, un paradigma distinto ao da computación clásica que se pode dicir que aínda está en fase de ensaio e polo que están apostando xigantes como IBM, Google ou Intel, traballando con prototipos que, esperan, poidan logo converterse nos primeiros ordenadores cuánticos no mercado. Pero, imaxinan un mundo de sumas de intelixencia artificial máis computación cuántica? Que mundo sería ese? Que nos agardaría? Vicente Moret-Bonillo, profesor do Departamento de Computación da Universidade da Coruña (UDC), está explorando o resultado posible desas sinerxias entre dous campos aparentemente desconectados pero condenados a abrazarse.

Intelixencia artificial e computación cuántica.
Intelixencia artificial e computación cuántica.

O profesor e investigador do Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) é experto en intelixencia artificial, informática biomédica e monitorizaión intelixente. Agora, explora as posibilidades que dará a combinación da intelixencia artificial e a computación cuántica, nun artigo publicado na revista científica Progress in Artificial Intelligence, co título 'Emerging technologies in artificial intelligence: quantum rule-based systems'.

Nesta nova aportación, tenta establecer sinerxias entre dúas áreas de investigación e desenvolvemento aparentemente desconectadas: a intelixencia artificiale a computación cuántica. Sobre a base do coñecemento e a experiencia, o profesor pregúntase se a aplicación da computación cuántica podería contribuír a resolver algúns dos problemas que aínda plantexa a intelixencia artificial para os investigadores e se contribuirá a mellorar o rendemento dos sistemas baseados en regras, probablemente a ferramenta máis xeral e popular da intelixencia artificial, pero que, explica o experto da UDC, son "moi sensibles ao tamaño do problema e ás contornas cambiantes", que é o que xenera o temible e famoso cuosto computacional.

A súa nova achega afonda en como técnicas de computación cuántica poderían axudar a resolver os problemas dos sistemas baseados en regras e fai unha construción dun sistema baseado en regras cuánticas que resolve un problema hipotético no campo da medicina.

Por aclarar: a diferenza básica entre a computación cuántica e a clásica radica en que mentres os ordenadores comúns traballan con operacións binarias baseadas en uns e ceros, a computación cuántica permite traballar en múltiples estados, e mentres máis qubits teña, máis complexas serán as interaccións e operacións que poida realizar. Este tipo de computadoras, pola súa capacidade de realizar cálculos moi potentes en pouco tempo, están son utilizados xa en diversas tarefas de investigación, como por exemplo o desenvolvemento e descubrimento de novos fármacos, o deseño de novos materiais, análises financeiras, criptografía e seguridade na nube... e intelixencia artificial.

Nas conclusións do seu traballo, Vicente Moret-Bonillo avanza que "algúns dos problemas da intelixencia artificial se poden resolver de maneira eficiente utilizando técnicas de computación cuántica".

O investigador do CITIC tamén salienta que "o uso de técnicas de computación cuántica acelera notablemente o tempo de execución dun sistema convencional baseado en regras", de xeito que, ainda que "os resultados obtidos por un sistema baseado en regras cuánticas son de natureza probabilística, podemos, polo menos teoricamente, lograr niveis moi altos de precisión".

Finalmente, conclúe cunha predición: "Para que a sinerxia entre a intelixencia artificial e a computación cuántica se faga realidade e non sexa un mero desexo, é necesario que os nosos informáticos sexan capaces de comprender os rudimentos da mecánica cuántica". É dicir, nun futuro non moi lonxano talvez vexamos a informáticos expertos en Física Cuántica ou físicos cuánticos con grandes destrezas informáticas, desenvolvendo algoritmos cuánticos para crear sistemas intelixentes que solucionen problemas cada vez máis complexos.

O que queda patente é que Galicia non quere perder o tren da intelixencia artificial cuántica, o novo paradigma que se aveciña.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Encarnación Molina

Muchas gracias por compartir este artículo. Desde hace tiempo considero que la Inteligencia artificial va a formar cada vez más parte de nuestras vidas, y a la vista está, que cada vez hay más avances al respecto. Estos nuevos paradigmas son, sin duda, nuevos avances importantes que a todos nos incumben. Buena noticia. Un cordial saludo.