Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/03/2018 | Actualizada ás 14:01
A Xunta e o Parlamento de Galicia celebraron senllas concentracións na mañá deste xoves para reivindicar o seu "compromiso coa igualdade" no Día Internacional da Muller, que se conmemora este 8 de marzo.
Ás 12,00 horas da mañá, a totalidade do Goberno galego, encabezado polo presidente galego, Alberto Núñez Feijóo; participou xunto a traballadores da Administración autonómica nun acto en San Caetano onde a secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, leu un manifesto no que instou a avanzar cara a un modelo de sociedade "corresponsable".
Á mesma hora, ás portas do Pazo do Hórreo, o presidente do Parlamento, Miguel Santalices, deu comezo a cinco minutos de concentración para conmemorar o Día da Muller e mostrar o "compromiso coa igualdade" da Cámara galega.
Este acto non contou coa participación de representantes de En Marea e Bloque Nacionalista Galego. Tampouco acudiron deputadas do PSdeG-PSOE, grupo que estivo representado polo seu portavoz, Xoaquín Fernández Leiceaga, e outros parlamentarios socialistas.
SAN CAETANO
No Edificio Administrativo de San Caetano, baixo a lema 'Iguais e libres', a totalidade do Goberno galego participou na concentración con motivo do 8 de marzo xunto a traballadores públicos da Administración autonómica.
A encargada de ler a declaración institucional da Xunta foi a responsable de Igualdade do Executivo autonómico, Susana López Abella. No texto, o Goberno galego resalta o emprego como "a principal ferramenta para combater a desigualdade" entre sexos.
Nesta liña, aposta por "impulsar a igualdade no acceso, permanencia e condicións no emprego", "acabar coa discriminación e a fenda salarial", avanzar cara á "presenza equilibrada en todos os postos directivos e de toma de decisións conforme aos principios de mérito e capacidade", e, por último, "fomentar o emprendemento feminino".
Con todo, resalta que "é indubidable que a plena igualdade no ámbito laboral só será posible se existe unha asunción equitativa do traballo doméstico e de coidados no ámbito do fogar", polo que chama a artellar "un modelo de sociedade corresponsable no que homes e mulleres compartan de maneira equilibrada responsabilidades domésticas e familiares, no marco do necesario cambio cultural ao redor dos usos do tempo".
Para iso, a Xunta sinala que é preciso "impulsar" a "concienciación" para lograr unha "organización social corresponsable e de horarios máis racionais", así como que deben "reforzarse" os "recursos destinados á conciliación da vida laboral, persoal e familiar".
Por último, reivindica a necesidade de "derrubar os obstáculos que dificultan a incorporación en condicións de igualdade e a promoción profesional das mulleres", un obxectivo para o que "resulta imprescindible seguir traballando para eliminar os estereotipos e roles que sustentan a desigualdade de xénero".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.