O río Portapego segue nun estado lamentable polas verteduras da mina de Touro

A Plataforma Veciñal Mina Touro-O Pino Non denuncia "o silencio administrativo dos gobernos locais de Ignacio Codesido e Manuel Taboada e da Xunta de Galicia".

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 10/03/2018 | Actualizada ás 15:12

Comparte esta noticia

O río Portapego foi condenado a morrer hai anos, desde que recibe verteduras constantes da mina de Touro. Desde que se empezaron a explotar as minas de cobre, primeiro morreu o Brandelo e logo o Portapego, cuxas augas na acrtualidade son dunha intensa cor marrón debido á oxidación dos metais pesados que arrastra. Para constatar o lamentable estado deste río, a Plataforma Veciñal Mina Touro-O Pino Non vén de tomar novas imaxes deste afluente don río Ulla, que desemboca na ría de Arousa.

Río Portapego contaminado pola mina de Touro
Río Portapego contaminado pola mina de Touro | Fonte: Mina Touro-O Pino Non

A plataforma volve reiterar as denuncias que desde hai moito tempo se veñen producindo pola contaminación que afecta aos ríos da zona, procedente da mina de Touro. Lonxe de solucionarse esta situación, o Portapego e outrros afluentes do Ulla seguen sendo correntes de contaminación. A preocupación dos veciños ante este desastre medioambiental aumentou ante a posible reapertura da mina de cobre que pretenden explotar Cobre San Rafael e a multinacional Atalaya Mining nos municipios de Touro e O Pino.

Con estas novas imaxes do Portapego, tomadas este sábado, a Plataforma Veciñal Mina Touro-O Pino Non responde á campaña destas empresas para instalar unha megamina a ceo aberto para a extracción de cobre nos municipios de Touro e O Pino, con previsións de convertela nunha megamina de 122,7 quilómetros cadrados.

"As veciñas e veciños de Touro e O Pino continúan a denunciar as verteduras da anterior explotación —abandonada no ano 1986 pese a que xa se esixía a restauración dos terreos—, ante o silencio administrativo dos gobernos locais de Ignacio Codesido e Manuel Taboada e da Xunta de Galicia, que apela a unha legalidade que en Touro e O Pino non coñecen dende hai 30 anos", expoñen desde a plataforma veciñal contraria á actividade mineira.

Mentres Cobre San Rafael apela á "tranquilidade" e a Xunta de Galicia á "legalidade", os denunciantes preguntan ao presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, "como é que levamos 30 anos sen coñecer esa legalidade?".

Río Portapego contaminado pola mina de Touro
Río Portapego contaminado pola mina de Touro | Fonte: Mina Touro-O Pino Non

A plataforma recorda que o Proxecto Touro continúa os seus trámites na Xunta de Galicia "malia que segundo a Lei 3/2008 non se debe someter a trámite un novo proxecto sen proceder previamente á restauración do desastre ambiental provocado por anteriores explotacións", recordan.

"O desastre ambiental de Touro e O Pino son vertidos e drenaxes constantes que destruén o noso medio e atacan os nosos modos de vida e a nosa saúde", alertan os contrarios ao proxecto mineiro.

Hai apenas un mes, a asociación Aldea Viva convidaba ao Goberno galego e membros do Partido Popular a dar unha volta polo paseo fluvial da capital municipal de Touro e observar o "lamentable estado das augas do río Portapego, tributario do propio Ulla". E asociacións como Salvemos Cabana ou Adega xa denunciaron anteriormente a situación deste afluente do Ulla e as eivas do novo proxecto mineiro para a súa recuperación, xa que non se contempla abordar a contaminación do Portapego nin da balsa hiperácida de Angumil.

"O proxecto tira para adiante esquecendo solucionar desfeitas anteriores", laiouse Adega, para a que "a restauración destes puntos contaminados tería que ser unha esixencia incluida no proxecto de restauración ambiental das novas minas". É dicir, "se se retoma a explotación debería retomarse tamén a restauración", ten advertido Adega.

Salvemos Cabana, que xa ten documentada fotograficamente a contaminación deste río, avisou xa en setembro de 2017 que "anteriores episodios de minería metálica en Touro xa provocaron un problema ambiental de case imposible solución en augas superficiais e subterráneas", e que "ríos como o Brandelos, Laña, Pucheiras, Felisa e Portapego sufriron os seus efectos, o que levou ao Defensor del Pueblo en 2015 a reclamar á Xunta unha actuación eficiente polo desastre ambiental xerado pola actividade extractiva".

Con todo, a día de hoxe o Portapego segue sendo un río morto pola contaminación mineira.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta