Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/03/2018 | Actualizada ás 15:25
Miguel Tellado declarou que, "logo de 16 reunións e oito ofertas á alza" deu por feito que "quedou claro que a solución non depende da Xunta" e manifestou o seu malestar dada a actitude dos sindicatos.
Tellado, igual que o vicepresidente galego, Alfonso Rueda, botou en cara aos representantes dos traballadores que non sometesen a votación a proposta da Xunta. Para o secretario xeral dos populares galegos, os sindicatos están a tomar "unha posición inaudita".
Miguel Tellado declarou tamén que "ademais de ningunear" aos funcionarios ao non escoitar as súas demandas de "rebaixar as pretensións e acurtar os prazos, están a paralizar completamente un servizo porque lles parece insuficiente unha subida do 14 por cento do salario".
Aínda que non o concretou, esta porcentaxe materializaríase entre a subida que oferta a Xunta aos funcionarios de xustiza e o incremento pactado en Madrid para todos os empregados públicos. "Estou convencido de que a inmensa maioría de traballadores de Galicia, públicos e privados, asinarían cos ollos pechados unha subida de entre 3.500 e 4.500 euros ao ano, que sairán dos petos de todos os galegos", subliñou.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.