O plástico que tiramos ao mar libera compostos orgánicos que estimulan o crecemento das bacterias mariñas

A revista Nature Communications publica os resultados dun estudo realizado polo Instituto de Investigacións Mariñas de Vigo e o Instituto de Ciencias do Mar de Barcelona.

Por Galicia Confidencial | Vigo | 12/04/2018 | Actualizada ás 18:02

Comparte esta noticia

Científicos do Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC), en colaboración coa Universidade de Viena, estudaron como afectan os residuos plásticos guindados no mar aos niveis máis baixos da cadea trófica, os microbios. Os resultados mostran que estes residuos liberan carbono orgánico disolto na auga: ata 23.600 toneladas métricas por ano. A maior parte deste carbono é consumido rapidamente polas bacterias mariñas, as cales ven estimulado o seu crecemento.

Plásticos no mar
Plásticos no mar | Fonte: NOAA.

A investigación, liderada por Cristina Romera Castillo durante o seu contrato postdoutoral na Universidade de Viena (Austria), contou coa participación de científicos do Instituto de Ciencias do Mar en Barcelona e do Instituto de Investigacións Mariñas en Vigo, ambos os dous do CSIC.

Os detalles da investigación, financiada pola Austrian Science Fundation e o CSIC no marco do proxecto MODMED, publícanse na revista Nature Communications.

“Ata agora coñecíanse os efectos nocivos dos residuos plásticos en animais, desde pequenos invertebrados a baleas, pero ignorábase como afectan aos microbios mariños, incluídas as bacterias”, explica Cristina Romera, que actualmente é investigadora postdoutoral ‘Juan de la Cierva’ no Departamento de Oceanografía Física do Instituto de Ciencias do Mar (ICM).

“O obxectivo do noso estudo era cuantificar canto carbono orgánico proveniente dos residuos plásticos se libera ao medio mariño e que consecuencias ten para as bacterias”, engade Xosé Antón Álvarez Salgado, Profesor de Investigación do CSIC no Laboratorio de Xeoquímica Orgánica do Instituto de Investigacións Mariñas.

Para a investigación, o equipo realizou unha serie de experimentos nos que distintos tipos de plástico flotando en auga de mar eran expostos á radiación solar durante períodos dunha semana e un mes. Utilizáronse os tipos de plástico que se atopan en maior proporción no océano: polietileno de alta e baixa densidade ( HDPE e LDPE, respectivamente) e polipropileno (PP). Os plásticos estudados incluían envases e bolsas de plástico ( PE e PP) de supermercado. Observouse que todos eles liberaban carbono orgánico á auga de mar, tanto se foran expostos á radiación solar coma se non.

“Tendo en conta que cada ano se verten ao océano ata 12 billóns de toneladas de plástico, os nosos resultados suxiren que este plástico libera anualmente unhas 23.600 toneladas métricas de carbono orgánico”, sinala Cristina Romera.

Nunha segunda fase, engadíronse bacterias á auga de mar que contiña os compostos liberados polo plástico. Observouse que tras cinco días as bacterias consumiran o 60% do carbono orgánico disolto liberado polo plástico. Ademais, nos casos nos que o plástico non fora exposto á radiación solar previamente, as bacterias consumiron máis carbono e creceron máis rapidamente.

“Isto indica que a radiación solar produce cambios estruturais nos compostos liberados polo plástico, que poden inhibir o crecemento das bacterias”, comenta Xosé Antón Álvarez Salgado.

Calcúlase que na superficie do mar flotan actualmente máis de cinco trillóns de anacos de plástico e as previsións apuntan a que os residuos plásticos que se verten aumentarán ata 10 veces na próxima década, segundo din os investigadores.

“Isto incrementará proporcionalmente a cantidade de carbono orgánico, con consecuencias para o crecemento bacteriano e, á súa vez, para outros organismos acuáticos e para o ciclo de carbono nos océanos”, destacan.

“Os plásticos expostos á intemperie experimentan procesos de degradación e envellecemento, que provocan a súa ruptura en anacos pequenos. Os máis diminutos, os microplásticos (con tamaños inferiores a cinco milímetros), poden provir de produtos de cosmética, que utilizan micropartículas plásticas. Son tan pequenos que escapan aos filtros das depuradoras”, explican os investigadores. Ademais, apuntan, “os plásticos conteñen aditivos que lles confiren propiedades de elasticidade e durabilidad, e que poden transferirse á auga.

O plástico pode liberar compostos orgánicos ao medio mariño, e hai factores, como a radiación solar, que estimulan a liberación deses compostos”.

A contaminación dos océanos por plástico é unha das principais preocupacións ambientais na actualidade. “Coñecer os procesos físicos, biolóxicos e geoquímicos que marcan o destino final destes plásticos é fundamental para entender o seu impacto na saúde dos océanos”, din os científicos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta