Por Galicia Confidencial | Lugo | 21/06/2018 | Actualizada ás 08:00
A lexionela é unha causa cada vez máis frecuente de pneumonía adquirida en Galicia. Na área de Lugo acadou taxas tan elevadas nos últimos anos, que se sitúan entre as máis altas de España. Así o confirma un recente estudo realizado por investigadores do Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA).
Os investigadores realizaron un estudo retrospectivo de todos os pacientes con antixenuria positiva para lexionela no Hospital Universitario Lucus Augusti de Lugo desde 2001, ano en que se introduciu a antixenuria como proba diagnóstica no centro, ata 2015. Analizáronse datos epidemiolóxicos, factores de risco, achados clínicos, radiolóxicos, analíticos e evolutivos.
Os resultados mostraron que "existe un claro predominio en homes de idade avanzada, cunha elevada porcentaxe de comorbilidades". Por outro lado, "aínda que a mortalidade foi reducida, continúa sendo un patóxeno frecuente nas pneumonías que requiren ingreso na UCI", destácase no estudo
Os autores do estudo salientan que a maioría dos datos da pneumonía por lexionela en España proceden da área mediterránea, e apenas existen estudos na zona do Noroeste, polo que este traballo supón unha aportación novidosa para describir a situación desta enfermidade infecciosa en Galicia.
Para o estudo foron analizados 136 casos rexistrados. Ao comparar os primeiros cinco anos do estudo cos outros cinco últimos, a incidencia aumentou de 10,9 a 64,5 casos/1.000.000 de habitantes; ademais, o número de peticións de antixenuria incrementouse 3,4 veces, e con respecto a outras pneumonías, a lexionela pasou do 0,9 ao 15% delas.
A idade media dos afectados foi de 64,1 anos, e o 84,6% foron homes. O 74,3% tiña comorbilidades. Ademais, os homes foron significativamente máis novos (62,7 ± 16,6 vs 71,9 ± 17,3) e consumían máis alcol (26,1% vs 0%) e tabaco (67,8% vs 14,3%).
Por último, o 88,9% dos afectados diagnosticáronse dentro das primeiras 72 horas e a maioría recibiu levofloxacino (95,6%). O 85% dos afectados necesitou ingreso hospitalario, o 11,7% foi trasladado ça UCI e o 4,4% dos pacientes faleceu.
"Coincidindo coa introdución da antixenuria, obsérvase un aumento de incidencia de pneumonía por lexionela na nosa área sanitaria, con taxas nos últimos anos que se sitúan entre as máis altas" en España, salientan os autores do estudo.
Dos datos analizados despréndese que "a incidencia da pneumonía por lexionela aumentou durante o período estudado e é moi elevada nos últimos anos", subliñan os investigadores, que destacan que "a idade media e a porcentaxe de comorbilidade son máis elevados que noutras series" do Estado.
Malia isto, tamén é salientable que" a mortalidade foi reducida, probablemente debido ao diagnóstico precoz, grazas ao uso cada vez máis frecuente da antixenuria e ao emprego de quinolonas".
O estudo, titulado 'Neumonía comunitaria por Legionella pneumophila: estudio de 136 casos', vén de ser publicado na revista científica Medicina Clínica.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.