Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 18/06/2018 | Actualizada ás 20:24
Alberto Núñez Feijóo levaba dúas semanas esfollando a margarida... e decidiu quedarse. O actual presidente da Xunta de Galicia e do PP galego xerou estes días unha enorme expectación mediática, a que non lograron os demais candidatos. Este luns, a atención foi máxima. Feijóo chegou entre os aplausos dos seus, unhas 700 persoas convocadas no Hotel Palacio do Carmen, un lugar simbólico para o líder conservador, xa que foi alí, hai 13 anos, onde lanzou a súa candidatura para suceder a Manuel Fraga, e logo, o 2 de abril de 2016, entre lembranzas a Fraga e algunhas bágoas, anunciou que se presentaría a un terceiro mandato na Xunta de Galicia. Hoxe fíxoo para anunciar que non se move de San Caetano.
Feijóo comezou o seu discurso, en castelán, ás 20.11 —ante o máximo órgano do PP galego, a xunta directiva autonómica— para "decir lo que pienso", dixo, sobre o proceso aberto no PP estatal. "Como sabéis, me he dedicado muchos lustros de mi vida a la defensa de los intereses generales", expresou antes de fachendar da "única maioría absoluta" en España, polo que considerou "lexítimo" e "responsable" pensar en optar a liderar o PP a nivel estatal.
Tras agradecer os "afectos" recibidos de todo o Estado, expresou que a súa decisión sería "coherente con mi opinión como con mis actos". "Soy el presidente de Galicia porque mi único pacto ha sido con los gallegos, porque una mayoría de ciudadanos así lo ha decidido en las urnas. Para mí ser presidente de Galicia es la mayor de mis ambiciones políticas", sentenzou un emocionado Feijóo entre bágoas e aplausos, que prometeu defender os intereses de Galicia no Estado.
"En el año 2016 pedí a los gallegos su confianza y apoyo para cuatro años más; me comprometí con ellos hasta el año 2020. Sin haber completado mi compromiso no puedo fallar a los gallegos, porque sería además fallarme a mí mismo", anunciou ás 20.20 horas. "Ya lo he dicho", engadiu coma quitándose unha lousa de enriba.
Feijóo defendeu así a súa "coherencia" e pediu ao PP que "abra una nueva etapa que marque la diferencia con los demás partidos". Así, xustificou que non pode deixar a Xunta para non ser incoherente e criticou o "ego que impera" noutros partidos.
"Voy a seguir trabajando para el Partido Popular desde el PP de Galicia y, sobre todo, voy a seguir defendiendo los intereses de Galicia", concluíu Feijóo 16 minutos despois de comezar o seu discurso.
FEIJÓO, MÁIS TRANQUILO
O presidente da Xunta apelou este martes para esperar a que finalice o prazo de presentación de candidaturas para o congreso extraordinario que o PP celebrará en xullo e asegurou que será "posteriormente" cando o PP galego "meditará e avaliará" cal lle parece que "pode ser a mellor opción para o futuro" do seu partido en España.
Manifestouno nunhas breves declaracións aos medios de comunicación que o esperaban á entrada do Parlamento, en cuxo hemiciclo, un día despois de anunciar que non optaría a suceder a Mariano Rajoy, seguiu o arranque do pleno, antes de desprazarse á área de goberno da Cámara, para recibir ao embaixador da República Dominicana, Olivo Rodríguez Huertas.
Preguntado acerca de se está máis tranquilo despois de comunicar aos seus a súa decisión de non pugnar por liderar o PP de España, asegurou que "si" e apostou agora por esperar a ver que pasos se dan no seu partido, convencido de que, aínda que xa hai "bos candidatos", presentaranse máis.
"Imos ver que facemos no congreso; presentaranse bos compañeiros (...) Imos esperar a que finalice o prazo e, posteriormente, o PPdeG meditará e avaliará cal nos parece que pode ser a mellor opción para o futuro do PP de España", aseverou o presidente galego.
AS OUTRAS CANDIDATURAS
O prazo para a presentación de candidaturas finaliza o mércores, pero esta mesma mañá transcendeu que a exvicepresidenta do Goberno Soraya Saenz de Santamaría prevé presentar a súa candidatura á presidencia do PP.
Coa entrada de Santamaría na batalla sucesoria son xa cinco os candidatos que aspiran a liderar o PP, despois de que nos últimos días anunciasen a súa candidatura José Manuel Margallo, Pablo Casado, José Ramón García Hernández e José Luis Bayo.
Pola súa banda, María Dolores de Cospedal convocou unha Xunta Directiva Rexional do PP en Castela A Mancha onde desvelará os seus plans de futuro. Precisamente, tras a renuncia de Feijóo, hai temor no partido a que se poIda desatar unha guerra interna ante a sucesión de Rajoy.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.