Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/06/2018 | Actualizada ás 14:21
Diversos colectivos e entidades que promoven a iniciativa lexislativa popular (ILP) para un novo modelo forestal en Galicia, que defende unha "moratoria" na plantación de eucaliptos, entregaron este venres no Parlamento galego un total de 42.328 firmas de apoio para o seu debate na Cámara.
En declaracións aos medios, o portavoz do colectivo Cousas de Raíces, Fins Eirexas, destacou que se conseguiu "o obxectivo", ao reunir catro veces máis das sinaturas necesarias para presentar unha ILP. E tamén por "poñer na primeira liña do debate social e político a problemática" do medio rural, "e moi especialmente dos incendios e o eucalipto".
"Creo que conseguimos romper coa omertá do eucalipto", asegurou Eirexas, xa que os apoios "non viñeron unicamente de organizacións ecoloxistas", senón de entidades "sindicais, gremiais, de produtores, culturais, de moi amplo espectro". Sobre este extremo, remarca que a "moratoria" do eucalipto é algo que "acaba de facelo Portugal", "aprobado anteriormente polo Goberno da dereita", porque "viron" que esta especie "descontrolada é un problema".
CHAMA A QUE O PP A QUE SEXA "SENSIBLE"
Esta proposta avoga por un modelo de aproveitamento "multifuncional e sustentable" no que "se poña coto dunha vez por todas" á "imparable expansión do eucalipto" e "de empresas como Ence que perpetúan este modelo disruptor no medio rural". Neste sentido, espera que o grupo maioritario na Cámara, o PPdeG, "sexa sensible" a estas demandas, e incorpore estas propostas que, "fundamental, son o cumprimento das leis vixentes".
De feito, este membro tamén da asociación ecoloxista Adega lembra o incumprimento do plan forestal galego de 1992, que proxectaba a metade do medio millón de hectáreas de eucaliptos existentes na actualidade en Galicia, mentres non se levou a cabo un inventario de frondosas autóctonas neste cuarto de século.
"BENVIDO FEIJÓO AO CUMPRIMENTO DA LEI"
"Parece que agora Núñez Feijóo acaba de descubrir que hai unha lei de defensa e prevención de incendios forestais que obriga a manter unhas franxas limpas de vexetación ao redor de núcleos habitados", ironizou Eirexas. A continuación, queixouse de que esta lei data de 2007, pero "ata agora a Administración limitouse a mirar para outro lado". Nesta liña, considera que a pasada vaga de incendios de outubro "é un exemplo moi claro" de que "esa eucaliptización masiva revelouse como unha das causas destes lumes".
Por todo iso, os impulsores desta lei apostan por unha "loita diferente e efectiva contra os incendios", "Benvido o señor Feijóo e o Partido Popular ao cumprimento da lei", afirmou, pero avisa de que "agora o que queda é traballar non só cumprindo a lei, senón para reverter a actual situación de eucaliptización masiva", que supón "unha perda de bosque autóctono".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.