Por E.P. | LUGO | 12/07/2018 | Actualizada ás 14:09
O promotor da acción disciplinaria que desenvolve o Consejo General del Poder Judicial (CGPJ) en relación á xuíza de Vixiancia Penitenciaria número 3 de Lugo, María Jesús García Pérez, propuxo a súa suspensión cautelar por un máximo de seis meses, despois de comprobar "indiciariamente" que cobra por botar o tarot e que o seguiu facendo aínda cando transcendeu publicamente a súa actividade como vidente.
A mediados do pasado mes, o CGPJ abrira un expediente disciplinario a esta xuíza pola suposta comisión dunha falta "moi grave" por anunciarse como tarotista e vidente e levar a cabo estas prácticas. Segundo informou este xoves o CGPJ, a decisión de suspendela de forma provisional ampárase na suposta comisión dunha "falta moi grave" prevista no artigo 417.6 da Lei Orgánica do Poder Xudicial, consistente no "exercicio de actividades incompatibles co cargo de xuíz ou maxistrado", establecidas no artigo 389 desa norma.
O promotor da acción disciplinaria considera que as actuacións practicadas no expediente permitiron acreditar "indiciariamente" que a maxistrada "vén exercendo unha actividade de cartomancia a través da baralla do tarot, aceptando diñeiro a cambio", e que "seguiu facéndoo" incluso despois de que, tanto o TSXG como o propio promotor da acción disciplinaria, abrisen dilixencias informativas ao ter coñecemento desa actividade.
GRAVIDADE DOS FEITOS
A suspensión cautelar da maxistrada por un período máximo de seis meses adóptase "en vista da gravidade dos feitos, da natureza da sanción que se lle podería impor en caso de apreciarse a comisión da falta -que podería chegar a ser a de expulsión da Carreira Xudicial- e da posibilidade de reiteración da conduta".
Antes de decidir sobre a proposta de suspendela de forma cautelar, a comisión disciplinaria do CGPJ dará audiencia á maxistrada expedientada e ao Ministerio Fiscal para que fagan as alegacións que estimen oportunas.
TRAXECTORIA
O proceso contra a xuíza iniciouse despois de que o TSXG trasladase un escrito do presidente da Audiencia Provincial de Lugo no que comunicaba que tivera coñecemento de que a maxistrada "de forma pública reparte panfletos publicitarios (...) anunciándose como tarotista e vidente con gran experiencia en botar as cartas de tarot".
Este escrito deu lugar a unhas dilixencias informativas por parte do promotor de acción disciplinaria, ás que se uniron varias informacións xornalísticas nas que se afirmaba que a propia maxistrada realizou a citada actividade. Concretamente, o xornal 'El Progreso' de Lugo narrou nas súas edicións en papel a experiencia de incógnito nunha sesión de tarot, así como 'La Voz de Galicia', que tamén publicou esta práctica.
A polémica rodeou a esta xuíza en varias ocasións, posto que segundo publicou 'El Confidencial' o pasado mes de xuño, o CGPJ abriu dilixencias a María Jesús García en 2001 por "bailar como 'stripper' nun local de Canarias, onde tiña o seu destino profesional entón. No seu momento, segundo esta mesma publicación, alegou que era un 'hobby'.
Entón, fontes do poder xudicial confirmaron que nos últimos catro anos e medio esta xuíza non contara con ningunha outra dilixencia aberta. No entanto, en Galicia, a xuíza tamén tivo como destino Santiago de Compostela e chegou a motivar unha queixa pública do Colexio de Avogados compostelán por levar ás vistas un gato.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.