A taxa de suicidios en Galicia é de 12 persoas por 100.000 habitantes, con case unha morte ao día, a máis alta en España

O pasado ano sucidáronse un total de 324 persoas. O Movemento Galego de Saúde Mental reclama maior dotación económica para os plans de prevención.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/09/2018 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

O suicidio é a principal causa non natural de mortalidade dos galegos. De feito, somos canda os asturianos os que presentamos tradicionalmente a maior taxa de suicidos en España. O pasado ano, a mortalidade por suicidio en Galicia situouse en 324 persoas, cunha taxa de 11,9 persoas por cada 100.000 habitantes, o que supón unha media de "case unha morte diaria" por esta causa —a media española é de 8,7 suicidios por cada 100.000 habitantes—, segundo denuncia o Movemento Galego de Saúde Mental, que reclama maior dotación económica para os plans de prevención.

Depresión
Depresión | Fonte: Harvard Health Publishing.

Con motivo da celebración este 10 de setembro do Día Mundial de Prevención do Suicidio, a asociación convocou un acto público ás 20.00 horas na praza de Praterías, en Santiago de Compostela, en paralelo ás accións que se desenvolverán a nivel mundial, nunha xornada de "sentimento" polas "mortes evitables", de "denuncia da pasividade dos gobernantes" e de "reivindicación de medios, acción e compromisos".

A entidade fai referencia á situación, en concreto, de Galicia e lembra as manifestacións da Consellería de Sanidade cando o pasado ano se deu a coñecer o Plan de Prevención do suicidio para Galicia, nas que se recoñecía que a morte por esta causa é "un problema de saúde pública de primeira orde" e debe ser "unha prioridade multisectorial".

Con todo, a pesar disto, denúnciase que, un ano despois, o Plan "continúa sen compromisos de execución, sen responsables da súa materialización, sen dotacións económicas nin profesionais, sen prazos, sen concrecións de actuación" e convertido "nun plan de papel".

"Foi un ano sen accións significativas de prevención como para que merezan tal nome, continuándose tan só coas escasas actuacións que xa viñan desenvolvendo na actividade ordinaria do Sergas", denuncia a entidade.

Durante este período, segundo o Movemento galego de Saúde Mental, rexistráronse, mesmo, dous falecementos de dúas persoas por estas causas en espazos sanitarios, nunha constatación de que "nin nestes lugares implantáronse programas e protocolos de prevención".

Por iso, a organización acusa aos responsables de saúde de Galicia dunha "desidia desesperante" e tacha de "indignante" e de "utilización política e propagandística" o uso do plan de protección de saúde, reclamando á Xunta o "cumprimento das súas obrigas coa prevención".

De forma paralela, tamén pon o foco no "compromiso" que a cidadanía debe asumir sobre este tema, para facer fronte ao estigma, dar visibilidade a unha morte con efectos tan graves e apoiar a quen se atopa na condición "máis vulnerable".

SUICIDIOS EN CENTOS HOSPITALARIOS

No inicio deste ano coñecíase que unha paciente ingresada na Unidade de Hospitalización Psiquiátrica (UHP) do Hospital Gil Casares, pertencente ao Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS), se suicidara cando se cumpría un ano dende que se denunciou o falecemento, tamén por suicidio, doutra paciente ingresada na outra UHP do CHUS, no Hospital Médico Cirúrxico de Conxo. 

"Traxicamente a hospitalización realizada para previr o seu suicidio foi o marco no que este ocorreu, polo que na súa dimensión sanitaria cómpre o seu tratamento (investigación, comprensión e propostas de medidas a adoptar para prevención futura) dende a consideración de incidente crítico", comentaron desde o Movemento Galego da Saúde Mental.

O risco de suicidio de persoas ingresadas en unidades de hospitalización psiquiátrica é "unha das problemáticas máis importantes e frecuentes" nas UHP, polo que "a súa prevención e a modificación dos factores que sustentan ese risco é unha das actuacións máis importantes neses espazos asistenciais", salientaron desde este movemento cívico.

GALICIA TEN A TAXA MÁIS ALTA DE SUICIDIO XUVENIL

O suicidio é a terceira causa de morte no grupo de idade de 15 a 29 anos, superado só polas causas externas de mortalidade e os tumores, de acordo co Instituto Nacional de Estadística INE. Os datos de 2017 indician que 310 nenos e mozos menores de 30 anos se quitaron a vida en España, 329 en 2014 e 304 en 2015, o que supón case un 8 por centro do total de mortos por suicidio. Un estudo estatal sobre o suicidio e as causas que poden levar a este tipo de actos apunta a Galicia como a autonomía coas taxas máis altas na poboación nova.

O informe, asinado por Noelia Navarro Gómez, investigadora da Universidad de Almería, e publicado na revista Clínica y Salud, mostrou que no que se refire ás taxas de suicidio por comunidades autónomas, a máis elevada dáse en Galicia (7,16 suicidios por cada 100.000 mozos), seguida de Navarra, A Rioxa e Ceuta (7,04, 6,09 e 5,71 suicidios por cada 100.000, respectivamente). As taxas máis baixas atópanse en Cantabria (1,17), Castela León (2,74) e Cataluña (3,13).

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 4 comentarios

3 Milucho

Os datos que reflicte o artigo non son totalmente correctos. As taxas de suicidio por comunidades autonomas son moito mais altas: http://fonte.es/A-PORTADA/2018-01-2... Por que non se di que se suicidan tres veces mais homes que mulleres?

2 Wasabi

He escuchado muchas veces que dicen que quien se suicida es bien cobarde, yo creo que todos no podemos llevar los problemas de la misma manera. La depresión es un problema importante en la sociedad, y pocos saben sobre llevarlo. https://www.wasabi10.com/

1 Eusiho

Tamen hai quen di que hai que ser moi valente para facelo. De todos xeitos, deberiase divulgar mais e mellor o que a depresion é, e outras enfermidades, e que se soubera ben a onde hai que ir para tratarse.

1 lamentable.

Así tratamos a los seres humanos... una persona al día... lamentable. Esta es la gran política de nuestro país....