Nova sanción contra a mineira de Touro por desbordamento dunha balsa

A asociación Aldea Viva dá a coñecer unha nova multa de Augas de Galicia á empresa da mina de Touro, Explotaciones Gallegas S.L. Esta é a segunda sanción en pouco máis dunha semana por outra vertedura que alterou a calidade das augas

Por Galicia Confidencial | | 26/09/2018 | Actualizada ás 13:23

Comparte esta noticia

A sanción que se lle impón a Explotaciones Gallegas S.L., é por unha cantidade de 20.000 euros. Anteriormente, unha semana antes, a mesma empresa era multada con 30.000 euros pola verdedura de augas residuais, que segundo a administración causaron “a alteración da calidade das augas por concentración de contaminantes superiores ós límites autorizables”.

Balsa mineira de Bama
Balsa mineira de Bama | Fonte: Aldea Viva

As sancións de Augas de Galicia están relacionadas co desbordamento da balsa mineira de Bama no mes de febreiro que afectou ao río Brandelos, afluente do Ulla. A Asociación Aldea Viva “censuraba o descontrol e irresponsabilidade da empresa propietaria dos terreos” os mesmos onde “pretende poñer en marcha o proxecto de megaminería”. Aldea Viva di nun comunicado que “un mes despois do suceso o conselleiro de Industria, Francisco Conde, informaba da tramitación dun expediente sancionador” logo dunha pregunta do grupo parlamentario En Marea, “xustificando en parte o acontecido polas condicións climatolóxicas, e recoñecendo o desleixo da administración durante todos estes anos”.

Para Aldea Viva “agora Augas de Galicia depura as responsabilidades e deixa sen xustificación tanto ó conselleiro Francisco Conde como á mineira de Touro”. Ademais, a asociación asegura que no informe de Augas de Galicia “os episodios de choiva como os acontecidos no pasado mes de febreiro non son infrecuentes na zona, e constátase que a empresa non tomou ningunha medida preventiva para evitar o vertido polo que se lle incoa este procedemento”.

Na súa análise “o organismo público tamén rexeita a argumentación da empresa que intenta eludir as reponsabilidades negando que o vertido ilegal altere a calidade da auga”. Neste senso Augas de Galicia afirma que as diferentes analíticas demostran o contrario “logo do desbordamento constátase un incremento notable na concentración de sulfatos no río Brandelos entre augas arriba e augas abaixo do vertido e tamén un incremento moi considerable dos parámetros de cobre e manganeso”.

Para Aldea Viva  a resolución destes dous expedientes sancionadores con resultado de culpabilidade a Explotaciones Gallegas S.L “deberían ser motivo abondo para que a administración galega rexeite o proxecto mineiro xa que queda constatada a incompetencia e ausencia de responsabilidade da empresa dende que chegou ó municipio”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta