Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/10/2018 | Actualizada ás 14:00
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, criticou que o Goberno central non gastase a partida económica reservada nos orzamentos xerais de 2018 para empresas electrointensivas, tras o anuncio do peche das plantas de Alcoa na Coruña e en Avilés.
Preguntado ao respecto nunha rolda de prensa na Xunta, Feijóo confirmou que o director de Alcoa en Galicia se puxo en contacto este mesmo mércores co conselleiro de Economía para transmitirlle a noticia do peche de ambas as plantas e reprobou que, a pesar de que "é certo" que os prezos da enerxía en España "prexudican á competitividade das empresas electrointensivas, sempre houbo unha solución no últimos dez anos".
"Sempre estivemos a traballar co Goberno central para atopar unha solución", engadiu, antes de lembrar que tanto o conselleiro de Economía da Xunta como o seu homólogo no principado de Asturias transmitiran a súa preocupación sobre esta cuestión ao actual Goberno central, sen recibir resposta.
Tras confirmarse uns peches que tachou de "mala noticia", avanzou que manterá unha conversación telefónica na mañá deste mércores co responsable do Goberno do Principado de Asturias, Javier Fernández, para "traballar para avaliar a situación e actuar de forma coordinada".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.