Os investigadores da Universidade de Santiago protestan pola súa situación precaria

A Asemblea de Investigadoras de Compostela lamenta a falta de resposta do equipo de goberno da universidade para dar solución á necesidade de mellora das condicións laborais deste colectivo.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 13/11/2018 | Actualizada ás 13:09

Comparte esta noticia

A Asemblea de Investigadoras de Compostela (AIC), da que forman parte diferentes colectivos do persoal de investigación da Universidade de Santiago de Compostela, acordou na última xuntanza, celebrada o 29 de outubro, facer pública a súa preocupación pola falta de resposta por parte do novo equipo de goberno da USC para dar solución á súa precaria situación. 

Mobilización dos precarios
Mobilización dos precarios | Fonte: GC

A AIC lamenta o "silencio" e a "falta de resposta" ante as demandas que se lle trasladaron ao vicerreitor de Investigación e Innovación da USC, Vicente Pérez, nunha reunión mantida o pasado 5 de outubro. Neste encontro, presentáronselle as necesidades máis urxentes relativas ás condicións laborais "de inestabilidade e precariedade" nas que traballa o persoal investigador. 

A maiores, os investigadores tamén se amosan preocupados pola distribución dos recursos económicos destinados á investigación. "A USC inviste máis diñeiro en pagar indemnizacións e costas xudiciais por demandas laborais de contratos irregulares e en fraude de lei, do que inviste en sufragar algúns proxectos de investigación", critican. Así mesmo, lamentan que a USC "non respecte a Carta Europea do Persoal Investigador, o Código de Conduta para a Contratación do Persoal Investigador e outros compromisos de obrigado cumprimento para seguir mantendo o selo HR de Excelencia en Investigación, arriscándose a perdelo". 

UN "COMPROMISO ESQUECIDO"

Despois de reunirse durante a campaña electoral co daquela candidato, Antonio López, este comprometeuse a manter xuntanzas regulares coa AIC en caso de ser elixido reitor. Segundo explican, López puxera de manifesto a súa intención de buscar solucións aos problemas do persoal de investigación (investigadores, técnico e de xestión) e mesmo chegara a incorporar algunha das demandas deste colectivo na súa campaña electoral. "Comprometeuse publicamente a solucionar urxentemente a nosa situación", aseguran dende a AIC.

De feito, Antonio López, xa co seu actual cargo de reitor, afirmou no acto de apertura deste curso que o seu equipo consideraba "da máxima relevancia e urxencia avanzar na regulación e mellora das condicións laborais do importantísimo número de traballadores contratados con cargo ao capítulo VI para atender necesidades de investigación (arredor de 1000 persoas)”. Á súa vez, o novo xerente, Javier Ferreira, recoñecía nunha entrevista publicada o 29 de xullo en La Voz de Galiciater 900 persoas contratadas con cargo a proxectos de forma precaria”.

Porén, dende a AIC insisten na "falta de resposta" e sosteñen que os compromisos adquiridos polo novo reitor "parecen caer no esquecemento". "Descoñecemos se o novo equipo de goberno non sabe, ou simplemente non quere, solucionar os problemas existentes", declaran.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta