Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 19/11/2018 | Actualizada ás 13:51
Unha importante parte do patrimonio galego está en venda. Ducias de aldeas, castelos, pazos e casas señoriais ofértanse en Internet a prezo de saldo. No val do Eo, no concello de Riotorto, na provincia de Lugo, hai un conxunto rural –o de Muiñovedro– á venda por 149.550 euros. Ofrécese no sitio web da Inmobiliaria Aldeas Abandonadas, que concentra a principal oferta de lugares singulares de Galicia á venda. Por que destacamos este? Porque a súa compra é recomendada en Goop, a marca de estilo de vida creada pola actriz estadounidense Gwyneth Paltrow, protagonista de filmes como 'Shakespeare in Love' –pola que gañou un Oscar á mellor actriz–, 'Proof', 'Seven' ou a saga de 'Iron Man', entre outras moitas.
O curioso do asunto non é só que a marca de Paltrow recomende a compra desta aldea galega, tamén o é que a inclúa na súa sección Ridiculous but Awesome Gift Guide (Guía de agasallos ridículos pero incribles), canda outros produtos extravagantes, como unha "lámpada banana" de 340 dólares, unha viaxe en globo sobre o Everest por 5.950 dólares, unha táboa de surf da marca de luxo Hermès por 7.700 dólares ou papel para lear tabaco feito con ouro de 24 quilates por 55 dólares.
Goop enlaza á paxina de Aldeas Abandonadas onde se pode consultar a ficha deste conxunto rural, cunha descrición e varias imaxes da propiedade. Como principal argumento de venda, descríbese como unha "aldea muy bonita con todas sus casas, hórreos, alpendres, bodegas, corrales, etc".
O predio ten unha superficie total de 13.000 metros cadrados, coa opción de comprar outros 30.000. Nese vasto terreo destaca a edificación principa, con "360 metros cuadrados útiles para entrar a vivir con muy pocas reformas, con agua, luz y alcantarillado todo conectado, con todos sus muros y maderas en buen estado", ademais de "tejado nuevo".
O alpendre ten 80 metros cadrados distribuídos en dúas plantas, onde "se puede construir una bonita vivienda", dise no anuncio.
O conxunto inclúe outra edificación de 22 metros cadrados con forno de pan, unha vivenda de dúas plantas con 124 metros cadrados e un anexo de sete metros cadrados, outra casa de dúas plantas para restaurar de 160 metros, un hórreo, un alpendre e palleira de 34,2 metros cadrados "ideal para una vivienda", unha adega de 15 metros cadrados que "se puede utilizar para generar energía eléctrica, pues tiene el canal de traída de agua", un local en "estado regular" de 12 metros, outro de 15 metros con forno de pan e outro anexo de 10 metros e un edificio rectangular de 23 metros.
QUE É GOOP?
Goop é un sitio web creado en 2008 por Gwyneth Paltrow (Los Ángeles, 27 de setembro de 1972). Naceu como un boletín de noticias persoal coas súas recomendacións sobre viaxes, receitas de cociña saudables, agasallos para amigos... Hoxe é un imperio do comercio electrónico centrado en vender un estilo de vida posmoderno, onde teñen cabida desde recomendacións para crear unha empresa de éxito, até consellos de saúde e sexo ou tratamentos de beleza, ademais de obxectos e servizos de luxo. Goop converteuse tamén na marca de ropa de Paltrow.
As extravagancias, os agasallos estrafalarios ou os raros e controvertidos consellos sexuais e de saúde que se verten neste sitio web teñen causado gran polémica en medios de información, redes sociais... e mesmo na comunidade científica, que acusa a actriz de promocionar produtos que non teñen os beneficios para a saúde que asegura. De feito, a marca aceptou recentemente pagar 145.000 euros de multa tras ser demandada pola oficina de protección ao consumidor de California por promocionar unha "esencia floral" que, segundo Goop, podería curar a depresión, e por facer afirmacións non científicas –"lixo", segundo os xinecólogos estadounidenses – sobre as presuntas bondades de introducirse na vaxina uns ovos de xade que vende por 60 dólares, para presuntamente favorecer os orgasmos femininos, fortalecer os músculos vaxinais, balancear as hormonas e mellorar a enerxía.
Pero todo isto non evitou que Paltrow faga unha auténtica fortuna con este negocio. Segundo a revista Time, a marca Goop está valorada en nada menos que 250 millóns de dólares.
GALICIA, A 'GALIÑA DOS OVOS DE OURO': O PATRIMONIO EN VENDA
O abandono do rural e de parte do patrimonio galego deixou un burato polo que se coaron empresas inmobiliarias para facer negocio con aldeas, casas rurais, pazos, castelos, conventos, mosteiros...
Galicia é a comunidade con máis propiedades á venda no sitio web da inmobiliaria Aldeas Abandonadas. En total, véndense 99 aldeas repartidas por España, das cales 36 están en Galicia: 14 na provincia de Lugo, outras tantas na Coruña, seis en Ourense e dúas en Pontevedra. Cataluña segue a Galicia, con 17 aldeas á venda.
En casas rurais, Galicia volve ser un choio. Só no val do Eo hai á venda 124 propiedades e na Mariña, 57. No resto da provincia de Lugo ofértanse outras 113 casas rurais. En segundo lugar sitúase a provincia da Coruña, con 117 casas á venda, seguida por Asturias, con 99; Pontevedra, con 59, e Ourense, con 42. En Cataluña –segunda comunidade autónoma con máis casas rurais á venda– ofértanse 112 propiedades repartidas polas súas provincias.
Pero o que máis chama a atención é a venda de auténticas xoias patrimoniais e arquitectónicas: castelos, pazos, mosteiros, conventos... En total, 154 propiedades históricas e de luxo en Galicia, a galiña dos ovos de ouro para a empresa Aldeas Abandonadas (Cataluña, en segundo lugar, aporta 73 propiedades de carácter patrimonial, histórico e de luxo).
A 37 quilómetros da cidade de Lugo véndese unha aldea que inclúe un convento pegado a un templo románico do século XII que, xuntos, suman 821 metros cadrados construídos nun terreo de catro hectáreas. Por suposto, o conxunto da aldea inclúe máis propiedades: vivenda de 248 metros cadrados, muíño, palleira, alpendre... Todo o conxunto está declarado Ben de Interese Incultural (BIC), atópase nunha variante do Camiño Francés e véndese por tan só 600.000 euros.
Nas Rías Baixas véndese un pazo histórico do século XVII, de máis de 2.000 metros cadrados, por un prezo rebaixado de 750.000 a 675.000 euros. A propiedade inclúe unha torre, hórreo, capela, vivenda de caseiros e alpendre, nun terreo dunha hectárea.
Outro pazo histórico, do século XIII, véndese na Ribeira Sacra. Trátase doutra alfaia do patrimonio galego, preto de Monforte de Lemos, con capela, escudo da familia nobre e documentación no Arquivo do Museo de Lugo. O pazo ten 900 metros cadrados e atópase nun terreo de 22 hectáreas, con viñas e manancial. O seu prezo foi rebaixado de 1.498.500 a un millón de euros.
A media hora de Ourense atópase un mosteiro do século XVIII á venda por 194.550 euros. Ten 1.310 metros cadrados construídos nun terreo de 4.167 metros.
Outro mosteiro do século XVIII, este a nove quilómetros de Pontevedra, rebaixouse de 600.000 a 350.000 euros.
Por 297.000 euros pódese comprar unha casa señorial do século XVIII con escudo, a 56 quilómetros de Lugo por autovía. Ten 369 metros cadrados e un xardín de 74 metros.
Do século XVIII tamén é outro pazo situado preto de Lalín que se oferta por 493.800 euros. Ten unha planta cadrada de mil metros cadrados que discorre arredor dun patio central porticado. A propiedade inclúe un hórreo, capela, pombal e un terreo de 15.000 metros cadrados.
Preto de Lalín véndese tamén outro pazo histórico con escudo, do século XVII. Ten unha torre construída previamente, no século XIII, ademais de capela. Son 861 metros cadrados, construídos e 538 útiles, nunha parcela de 5.616 metros. O prezo: 1.300.000 euros.
E sen abandonar esta área, en Lalín atópase a Casa Pazo-Fortaleza, unha construción medieval do século XI, con 500 metros cadrados nun terreo de 23.000. O prezo foi rebaixado de 795.000 a 385.000 euros.
Outro pazo con escudo, este do século XVIII, véndese por 1,9 millóns de euros nas Rías Baixas, a media hora do aeroporto de Vigo. A propiedade inclúe hórreo, capela e terreo de case 13.000 metros cadrados, parte do cal está destinado ao cultivo de albariño.
Máis antigo é o pazo que se vende por 1.699.000 euros a 22 quilómetros de Pontevedra. Trátase dunha edificación do século XVI con seis hectáreas de leira.
Na mesma provincia véndese un pazo do século XVII por 2.998.000 euros, con 2.240 metros cadrados aos que hai que sumar 480 de edificacións exteriores e 9.000 metros de xardíns.
Entre os máis caros atópase outro pazo do XVII situado na Costa da Morte, con 1.500 metros cadrados habitables. A propiedade inclúe cruceiro, capela, tres hórreos, muíño e manancial, nun terreo de 10.000 metros cadrados. O seu prezo foi rebaixado de 3.900.000 euros a 2.750.000.
Máis antigo, do ano 1583, é o pazo que se vende por 2,5 millóns de euros preto da costa luguesa, nun terreo de catro hectáreas.
E en Sarria véndese a Torre Fortaleza por 750.000 euros. Trátase do único elemento que se conserva da Fortaleza e Mosteiro da Magdalena, do século XIII. Atópase nun terreo de 9.334 metros cadrados.
Na oferta tamén hai castelos, como un do século XIX que se vende na provincia de Ourense por 600.000 euros, con 434 metros cadrados construídos, capela e terreo de tres hectáreas.
Máis moderno, luxoso e caro é outro castelo, do ano 1952, situado a 15 minutos de Vigo e que se vende por un prezo que se rebaixou de 2.300.000 euros a 1.950.000. Ten 675 metros cadrados e un terreo de 2.701.
E en pleno centro de Santiago de Compostela ofértase "un dos mellores edificios históricos da cidade", con "escudo emblemático", segundo o anuncio da inmobiliaria. O seu prezo: 5.250.000 euros. Tal é a súa exclusividade, que a empresa decidiu non revelar máis detalles do inmoble; nin fotos nin descrición "por confidencialidade", din.
Estes son só algúns exemplos do patrimonio galego en venda en Internet, na procura de propietarios que se fagan cargo de auténticas xoais que se están a converter nun reclamo para investidores estranxeiros... e para o sitio web de Gwyneth Paltrow.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.