Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 20/11/2018 | Actualizada ás 14:13
A iniciativa lexislativa popular (ILP) rexistrada no Parlamento galego para promover a protección e mellora dos hábitats do bosque autóctono, así como cambiar a xestión forestal e "parar o eucalipto" non continuará a súa tramitación, unha vez que a súa toma en consideración foi rexeitada cos votos dos deputados do PPdeG. Os socialistas abstivéronse, mentres En Marea e BNG votaron a favor.
O deputado do PPdeG Moisés Blanco remitiuse ao ditame aprobado tras a comisión de estudo de política forestal activada despois da vaga de incendios de outubro do ano pasado, así como ás medidas que o Executivo autonómico, a raíz do mesmo, puxo en marcha. "Non digo que sexa o oráculo da política forestal, pero si un documento moi valioso polas recomendacións do futuro que expón", esgrimiu.
Dito isto, e tras incidir en que non hai unha "correlación" exacta entre os eucaliptos e os incendios como, ao seu modo de ver, expoñen os grupos da oposición e mesmo os promotores da iniciativa, explicou que o Grupo Popular non ve a oportunidade de apoiar a ILP, pero si mantivo "a man tendida a todos para sumarse" ao acordo do ditame da comisión de incendios, que saíu adiante co apoio dos socialistas.
O parlamentario socialista Raúl Fernández tamén se referiu ao ditame que saíu desta comisión de política forestal e destacou que, aínda que a súa formación non subscribía completamente o texto, este si incorporou boa parte das súas propostas e reflicte as expostas polos expertos. Ao tempo, resaltou a importancia do consenso e constatou que "ben merece a pena asumir riscos".
Finalmente, trasladou a "alta consideración" que os socialistas teñen cara ás iniciativas lexislativas populares, pero avanzando a abstención do seu Grupo, deu a entender que o seu voto non sería favorable.
Pola súa banda, tanto o deputado do BNG Xosé Luís Rivas como o parlamentario de En Marea Davide Rodríguez alertaron da presenza "masiva" de eucalipto e coincidiron en que o ditame defendido polos outros dous grupos só supón "máis do mesmo". "As políticas do PP céntranse en traballar para o capital e grandes empresas que depredan todo o que collen por diante, chamémoslle Ence", sentenciou o portavoz do grupo rupturista no debate.
MEDIDAS DA ILP
Previamente, a encargada de defender a ILP foi a presidenta da Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (Adega), Virxinia Rodríguez, quen explicou que unhas 60 organizacións promoven esta proposta que entrou na Cámara coa firma de máis de 40.000 persoas. "É a iniciativa ambientalista máis apoiada na historia do noso autogoberno; só iso xa é un éxito", proclamou.
Entre outras medidas, a proposta reivindicaba "valorizar e favorecer" a conservación do bosque autóctono, fomentando a conservación, a investigación e a sustentabilidade das especies propias e das masas frondosas que aínda están sen inventariar. Rodríguez tamén incidiu na importancia de apostar polos montes de xestión pública.
Pero sobre todo, o texto poñía o foco nunha "moratoria" ao eucalipto. Esta especie ocupa "máis de 500.000 hectáreas en todo o país" e xa excedeu " en máis do dobre da superficie o límite máximo de capacidade establecido para esta especie" no Plan Forestal de Galicia vixente.
Tamén se avogaba pola súa eliminación dos espazos naturais protexidos como 'Rede Natura' e das terras de alto valor ecolóxico. Así mesmo, propoñíase a "prohibición" do eucalipto nitens. Finalmente, apelaba a evitar novas vagas de incendios que, auguraba, "cada vez serán máis intensas" polo cambio climático, se non se actúa para frealo. Para iso, apostaba por aumentar as distancias das plantacións forestais a terras de cultivo, ríos, zonas habitadas ou vías de comunicación.
PEQUENA RIFA AOS DEPUTADOS
Após a intervención dos distintos grupos, Rodríguez lamentou que a iniciativa non fose saír adiante, aínda que deu as grazas pola oportunidade de poder defendela na Cámara galega e defendeu que apoiala si sería un bo punto para empezar a buscar "consenso" para unha nova política forestal.
A representante de Adega aproveitou para amoestar aos deputados cunha pequena rifa. Así, explicou que ela é mestra e que se quedou "sorprendida" coa actitude dos membros do hemiciclo, antes de apelar á necesidade de escoitar mentres os demais interveñen. "Non sabe o favor que me acaba de facer a min", pronunciouse, pola súa banda, o presidente do Parlamento, Miguel Santalices.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.