Realmente estase erradicando a violencia de xénero?

O 25 de novembro é o Día Internacional para a eliminación da Violencia contra as Mulleres. Vinte e cinco anos despois da súa instauración, as accións violentas contra mulleres continúan. As novas xeracións están reproducindo roles nas relacións que deberían terse superado. A implantación dun método educativo que axude á eliminación de estereotipos sexistas sería unha das solucións.

Por Moncho Mariño | Santiago | 23/11/2018 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

As políticas e iniciativas dirixidas á eliminación da violencia machista tiveron nos últimos anos unha importante implementación. Aínda así, o camiño aínda se comezou a andar. Máis de dúas décadas despois de instaurar a celebración do día que pide a eliminación de todo tipo de acto violento contra as mulleres, no noso país seguen aparecendo casos de agresións machistas. A todo isto, engádeselle tamén unha especie de “retroceso” na educación afectivo-sexual entre a xente máis nova menor de dezaoito anos. Un dato que algunhas institucións e expertos consideran preocupante.

Violencia de xénero
Violencia de xénero | Fonte: Getty Images.

A ONU declarou o 25 de novembro como o día que recorda a todos e todas que algo falla na sociedade, ou sociedades, porque é un problema planetario. Tanto era e é así que houbo que tomar cartas no asunto, crear un compromiso mundial sobre algo que, coñecido, era aceptado como un elemento máis no transcorrer das sociedades fosen cales fosen os seus valores e principios.

AUMENTA A VIOLENCIA CONTRA AS MULLERES?

A pregunta non está exenta de motivos. Só con prestar atención aos medios, podería constatarse unha aumento deste tipo de violencia. “Hai unha maior visibilización desa violencia, tamén hai avances pero a violencia segue, pero algo se fixo para que xa non sexa tan tolerable” din desde a Plataforma Feminista Galega, organización que participará dentro dos actos convocados por todo o feminismo galego “apoiando todas as súas accións”.

“Hoxe en día denúnciase máis porque desde hai anos a violencia machista figura dentro dos primeiros puntos nas axendas políticas” di Susana López Abella, secretaria xeral de Igualdade dependente da Vicepresidencia da Xunta de Galicia. “Creo que as campañas e os recursos postos polas diferentes administracións fan que as mulleres teñan máis confianza e denuncien”.  A Secretaría Xeral de Igualdade celebrará o 25 de novembro cunha marcha que comezará no Monte do Gozo e acabará na Praza do Obradoiro. Alí lerase un manifesto sobre a data e as súas implicacións.

Teléfono 016 contra a violencia de xénero
Teléfono 016 contra a violencia de xénero

“Hai máis visibilización pero tamén hai un aumento se miramos os datos oficiais” di Marta Lois, concelleira de Igualdade do Concello de Santiago. “Ese aumento constátase pero o que non hai é un histórico, un relato que poidamos comparar co que ocorría hai trinta anos porque non se recolleron enquisas”. Para Lois o dato máis preocupante é que a violencia machista parece ter aumentado sobre todo na xente máis nova.

QUE PASA COS MÁIS NOVOS?

A consecución dun modelo educativo para crear unha sociedade sen violencia machista é un obxectivo que aínda non se cumpriu. Niso están de acordo a maioría das fontes consultadas por Galicia Confidencial. Que ocorre entón coa xente máis nova?

Temos unha educación que non é igualitaria, que non está funcionando nos centros de ensino, pois hai colexios privados que segregan por sexos” din desde a PFG. “Si que é necesario evitar condutas machistas mediante a formación e educación afectiva e sexual” suliña López Abella, que sinala como unha das iniciativas do seu departamento é “levar aos sete campus das tres universidades galegas talleres contra as agresións sexuais, unha iniciativa que está dando bos resultados”.

O Concello de Santiago realizou un estudo sobre a afectividade e sexualidade en diferentes centros de ensino. Este estudo logo de elaborado, veu a dicir que “moitos comportamentos responden á asunción de estereotipos dentro do marco de relacións amorosas” apunta Marta Lois que engade “para o 40% dos rapaces é normal sentir celos, ademais de deixar ver o sexismo benévolo, aquel sexismo paternalista ou condescendente coas mulleres”.

QUE FACER?

Marta Lois ten claro que boa parte dos sesgos asumidos sobre amor romántico “están marcados por elementos como letras de cancións” que son consumidas de maneira masiva pola mocidade. O caso é que a concelleira de Igualdade contempla a necesidade de “políticas urxentes de sensibilización” sobre este fenómeno. O departamento municipal de Igualdade compostelán editou unha guía e un cómic para que a xente máis nova recoñeza os puntos que definen un comportamento sexista cara as súas compañeiras. Pero ademais “isto conséguese de maneira máis profunda coa introdución de formación en igualdade de xénero nas aulas” remata Lois.

“Aínda son moitos os pasos que se deben dar” sinala Susana López Abella, “no noso caso temos tamén un programa de  formación contra a violencia de xénero para axentes dos corpos e forzas de seguridade, que tamén inclúen Protección Civil e outros colectivos como funcionarios da administración e entre xuíces e xuízas”.

Este último colectivo apuntado pola secretaria xeral de Igualdade, está no punto de mira de moitas organizacións feministas a prol da igualdade e da eliminación da violencia contra as mulleres. Neste sentido a PFG sinala que “vivimos nunha sociedade patriarcal que non vai deixar de existir nunha xeración” por iso consideran que a “hai que modificar condutualmente a través da educación e concienciación mediante pautas dentro da mesma sociedade”, pero concretando máis sobre o colectivo de xuíces “haberá persoas dentro dese estamento que ao mellor fixeron a súa revisión pero a maioría non”.

A chegada a un estadio de violencia cero sobre as mulleres é algo que, como apuntaban algunhas das fontes consultadas, tardará en chegar. Actualmente a visibilización da violencia machista, mesmo dentro de áreas tradicionalmente moi pechadas e onde se asumía esta violencia como algo “natural”, está cambiando uns comportamentos que poderán dar máis froitos en décadas vindeiras. Polo de agora, preocupa iso si, a maior aceptación de puntos de vista sexistas entre a xente máis nova, un indicador dunha posible falla no sistema educativo. 

Viñeta de Hermanager sobre a violencia de xénero
Viñeta de Hermanager sobre a violencia de xénero
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta