Unha monxa condenada a 21 meses acusada de quedar con 17.500 euros dun convento de Vigo

Os feitos ocorreron cando a relixiosa era administradora do seu convento e quedou con cheques que puxo a seu nome.

Por Europa Press / Redacción | VIGO | 28/11/2018 | Actualizada ás 18:33

Comparte esta noticia

A relixiosa A.Y.K. aceptou a pena de 21 meses e un día de prisión por falsificar varios cheques para cobrar e quedar con 17.500 euros da orde relixiosa do mosteiro da Visitación (Salesas) de Vigo. A acusada admitiu os feitos nunha vista de conformidade celebrada este mércores no xulgado do Penal número 1 de Vigo, para evitar ir a prisión, xa que inicialmente a Fiscalía pedía para ela dous anos e medio de cárcere.

Xulgados
Xulgados

Esta monxa foi finalmente condenada a 21 meses e 1 día de prisión por un delito de falsidade documental en concurso cun delito de estafa, e aplícaselle a circunstancia atenuante de recoñecemento dos feitos. Tamén se lle impón unha multa de 1.084 euros.

Ademais, en concepto de responsabilidade civil, a acusada deberá devolver os 17.500 euros á federación de mosteiros á que pertence a orde; así como outros 800 euros a unha farmacéutica á que tamén pediu diñeiro facéndolle crer que era para axudar a outras persoas. O tribunal accedeu á suspensión da execución da pena durante un período de 2 anos, coa condición de que A.Y.K. non delinca nese tempo, e pague polo menos 100 euros ao mes para reparar a súa responsabilidade civil.

FEITOS

Os feitos polos que foi acusada remóntanse a novembro de 2016 cando esta monxa, aproveitando o seu cargo como administradora do convento, fíxose con varios cheques que encheu ao seu nome e cobrou ao longo dos meses, até maio de 2017. En total, cobrou 17.500 euros en diferentes sucursais da cidade de Vigo.

Ademais dese diñeiro, pediu tamén diñeiro a unha farmacéutica, aproveitando a confianza que esta lle tiña, e facéndolle crer que o diñeiro era a orde e para axudar a outras persoas. Deste xeito, logrou que a boticaria lle dera outros 800 euros.

A.Y.K., que foi expulsada da orde, remitiu en xullo de 2017 unha carta á superiora do convento na que admitiu que quedara co diñeiro, pero non explicaba para que o utilizou. Do mesmo xeito, no xuízo celebrado este mércores, non declarou nin se pronunciou respecto do destino do diñeiro.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta