Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/12/2018 | Actualizada ás 14:13
A Policía Nacional está á espera de realizar "os exames forenses e toxicolóxicos" para determinar como se produciu a agresión sexual denunciada por unha moza en Lugo esta fin de semana. Pretenden constatar se lle deron algunha substancia, como burundanga, para anularlle a "vontade".
Así o indicaron fontes policiais, que confirmaron que dous homes de nacionalidade romanesa de 38 e 43 anos foron detidos e trasladados ás dependencias de Comisaría da Policía Nacional de Lugo á espera de pasar a disposición xudicial por un suposto delito de abusos e agresión sexual sobre unha moza de 25 anos.
A denuncia foi presentada este domingo despois de que a moza denunciante aparecese nunha pensión preto do centro da cidade, na Praza Mártires de Carral, logo dunha noite de festa, xunto a un dos detidos ao que non coñecía de "nada", segundo relataron fontes da investigación.
Desde as 3.00 horas da noite do venres ao sábado, até as 11.00 horas, a muller non lembra nada, só que estaba nesa habitación da pensión de Lugo onde se atopaba espida. A moza atopábase "desorientada", xunto a un home "ao que non coñecía de nada".
Agora a Policía Nacional está á espera de que, nas próximas horas, pasen a disposición xudicial estes dous homes detidos, aos que tamén se vincula coas drogas. Os axentes policiais non teñen constancia de que roubasen á moza.
OUTRO POSIBLE CASO
Segundo publica La Voz de Galicia, outra moza de 27 anos acudiu tamén durante esta fin de semana ao Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA) con síntomas coincidentes con tomar algunha substancia similar á coñecida como burundanga.
Neste caso, concreta o diario, presentaba unha forte dor de cabeza, entre outros síntomas que a levaron a demandar asistencia sanitaria. Tampouco era consciente do que lle ocorrera varias horas da noite anterior, na que saíra de copas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.