Protestas en defensa do mel galego

O Sindicato Labrego Galego (SLG) e a Asociación Galega de Apicultura (AGA) protestarán o día 11 de decembro xunto con outras organizacións que farán o mesmo noutras cidades do Estado.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/12/2018 | Actualizada ás 20:36

Comparte esta noticia

A mobilización inscríbese nunha convocatoria da Coordinadora de Organizaciones de Agricultores y Ganaderos (COAG). Así, haberá mobilizacións en dezaoito cidades baixo o lema “En defensa do noso mel, por un sector apícola rendible e sostible” . O SLG e a AGA farán unha protesta o 11 de decembro en Compostela en defensa da produción de mel en Galicia.

Mel de Galicia.
Mel de Galicia.

Os apicultores e apicultoras convocadas, concentraranse fronte a grandes superficies comerciais para reclamar maior control das importacións e dos sucedáneos de mel de baixa calidade, especialmente de China. Tamén esixirán unha etiquetaxe máis transparente que obrigue a detallar o país de orixe.

Entre os lugares onde se levarán adiante as protestas do sector apícola están Almería, Córdoba,  Logroño, Málaga, Oviedo, Pamplona, Santiago de Compostela, Sevilla, Tenerife, Valencia e Zaragoza, entre outras máis. Segundo o comunicado emitido polo SLG, todas estas protestas teñen de trasfondo “denunciar os abusos da industria do mel a produtores e produtoras, por unha banda, e ás persoas que consumen, por outra”. A convocatoria faise baixo o lema “En defensa do noso mel, por un sector apícola rendible e sostible”.

Tanto o SLG como AGA, participarán nunha concentración fronte o centro comercial As Cancelas, en Compostela, a partir das 11:00 horas. Durante este acto, realizarán “a lectura dun manifesto reivindicativo e repartiremos folletos divulgativos entre as persoas que accedan ao centro comercial para informar da confusa etiquetaxe que utilizan as grandes industrias que envasan mel para enmascarar importacións e sucedáneos de mel de baixa calidade”.

A organización deste acto sinala tamén que “a situación é perversa e insostible; producimos un dos mellores meles do mundo, pero a industria deixou de mercalo porque prefire abastecerse de importacións de baixa calidade de terceiros países”. Desde COAG, apuntan ademais que o propio Parlamento Europeo describe os efectos desta situación nun dos seus últimos informes “as importacións de baixa calidade, a adulteración e os sucedáneos distorsionan o mercado e exercen unha presión continua sobre os prezos e, en última instancia, sobre a calidade do produto no mercado interior”. COAG apunta tamén que “en 2017 alcanzáronse cifras récord de importación. Nunha década duplicouse a entrada de mel foráneo, a nivel estatal, pasamos de 16.000 toneladas en 2007, a 32.000 na última campaña”.

A Asociación Galega de Apicultura quixo sumarse tamén a este acto “co obxectivo de divulgar a importancia do consumo de mel galego, fronte a produtos importados que non garanten calidade nin beneficio para a nosa sociedade”. AGA sinala que “o mel producido en Galicia é un mel proveniente das flores silvestres dos nosos montes e elaborado, maioritariamente, de forma artesanal por medianos/as e pequenos/as apicultores e apicultoras, polo que conserva todas as súas propiedades e sabor, que o distingue claramente doutros meles”.

Consumindo mel galego, estamos apoiando a apicultura no noso país, co beneficio que aporta tanto para a economía local como para o medio ambiente, a través da polinización que realizan as abellas, indispensable para o mantemento da biodiversidade e da produción agrícola e froiteira”, din desde AGA. Ademais indican que “para asegurarse o consumo deste mel de calidade diferenciada, o único que hai que facer é buscar a etiqueta da Indicación Xeográfica Protexida "Mel de Galicia" nos lineais dos supermercados ou mercar en feiras ou mercados locais, onde apicultores e apicultoras de confianza ofrecen os seus meles de produción propia”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta