De cando o Apalpador comezou a conquistar as rúas de Galicia polo Nadal

A sociedade galega "ten demostrado varias veces unha demanda de identificarse con cousas propias". Ante esa necesidade, a figura tradicional do Pandigueiro gañou moito terreo nos últimos tempos. "Cada vez máis nenos saben quen é" esta personaxe recuperada no seu día pola Gentalha do Pichel e repleta de valores ecoloxistas.

Por Silvia López | Santiago de Compostela | 21/12/2018 | Actualizada ás 21:00

Comparte esta noticia

Xa hai algúns anos des que o Apalpador deu en baixar das altas montañas do Courel e percorrer aldeas, vilas e cidades por toda Galicia. Este carboeiro de grande estatura, barba vermella e boina na testa toma as rúas cada Nadal logo de que a Associaçom A Gentalha do Pichel desenvolvera un labor de investigación e divulgación para recuperar a súa figura. É unha cita case que ineludible estas datas, pero como se explica esta popularización tan relativamente rápida?

O Apalpador
O Apalpador

O éxito na difusión desta personaxe responde a "unha necesidade que hai na sociedade", opina André Seoane, membro da Comisión Histórica da Gentalha do Pichel. A poboación galega "ten demostrado bastantes veces unha demanda de identificarse con cousas propias", así que tirouse da "base etnográfica que xa existía" para salvar esa eiva. "O Apalpador existe e vive actualmente porque había xente que demandaba unha personaxe propia do Nadal que se identificase con Galicia", salienta Seoane. 

Na mesma liña se pronuncia Miguel Penas, activo colaborador das actividades relacionadas co Apalpador e un dos principais impulsores da súa figura na década pasada. "O éxito está ligado a un oco por cubrir, a un nicho de mercado, a unha falta dunha figura propia do Nadal galego", explica. Coida que a cidadanía "admite ben as tradicións propias para construílas ou reconstruílas adaptadas á sociedade actual" e proba diso é o recoñecemento que están gañando outros costumes minoritarios como o Samaín, fronte ao Halloween americano. 

O traballo de investigación da Gentalha do Pichel veu a tapar esa especie de oco ao que se refire Miguel Penas. Precisaron achegarse ao propio Courel e conversar cos máis maiores para descubrir os detalles desta antiga tradición. Nun principio "era dunha zona moi concreta do país", pero logo do esforzo deste e outros colectivos, "popularizouse" por toda a xeografía, "igual ca moitas outras cousas que comezan nun sitio e se van expandindo", di Miguel Penas.

NADAL TRAS NADAL, VAI MEDRANDO

Ademais da agrupación á que se lle atribúe o rescate e adaptación do Pandigueiro -este é outro dos nomes cos que se coñece ao courelao-, a Escola de Ensino Semente Compostela ten tamén moito que dicir ao respecto. Estoutra entidade organiza por sexto ano consecutivo as populares Ruadas do Apalpador. Trátanse de percorridos polas rúas da cidade, no medio de música e castañas. Nesta ocasión, celebrouse este mesmo venres 21, con inicio ás 18.00 horas na rúa Santa Clara, desde onde partiu cara a Praza de Cervantes.

"Estamos contentas porque a campaña de visibilización desta figura está funcionando", comenta Celtia Figueiras (Semente Compostela). Ela percibe que, ano tras ano, vai aumentando o seguimento desta iniciativa e cada vez "máis nenos coñecen o Apalpador, saben que vén do Courel, que trae castañas...". Esa calor da xente tradúcese en "máis actividades" cada Nadal, algo que dende a asociación valoran moi positivamente. 

De feito, a figura do Apalpador xa conseguiu un lugar propio na programación de eventos de centros cívicos, concellos ou colexios educativos. Iso supón que as novas xeracións xa medran conscientes da existencia dunha personaxe do Nadal galega. "Está ben coñecer as tradicións de fóra, como Papá Noel ou o Olentzero, pero en cada sitio hai que apostar polo propio, porque niso consiste a riqueza cultural".

UNHA PROPOSTA DA BASE E CON VALORES RESPECTUOSOS

Outros dos factores que influíron en que a idea do Apalpador se abrira camiño, segundo André Seoane e Miguel Penas, foi o feito de que esta iniciativa partira dos centros sociais. 

"É moi interesante que isto nacera entre a sociedade civil e as institucións o estean apoiando", din. Ademais, valoran especialmente o tipo de mensaxes que se ligaron ao carboeiro no momento da súa reconstrución. "Ao vir dende os colectivos de base, tamén se lle intentaron dar uns valores baseados no ecoloxismo e nunha sociedade sustentable" afastada do consumismo. 

André Seoane destaca que iso foi algo que tiveron moi claro dende o primeiro momento: á hora de lanzar a proposta, envolveríana dese tipo de mensaxes responsables. "Máis ca un Papá Noel que anime a consumir", pretendían recubrir a figura tradicional coa idea de respecto do medio ambiente, por exemplo. Por iso, se o Apalpador courelao deixa algún agasallo máis cás castañas, o máis seguro é que sexan produtos artesanais ou elaborados con material reciclado.

"O Nadal non o temos que importar, porque o autocreamos". Esa é a conclusión que extrae Seoane do asunto: remexer na etnografía popular e darlle unha segunda vida a tradicións que semellaban abandonadas implica avivar a cultura actual. Disque o Apalpador xa ten previsto quedar a vivir no imaxinario infantil colectivo e seguir fretando barriguiñas por moitos anos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

3 Cambotón

Só d´O Courel? En Rodeiro, cando neno, xa me ameazaban co "Poupeiro" do Faro se me portaba mal. Era, basicamente, un Apalpador pero algo menos "amable". Que pregunten aos vellos por Lalín-Deza.

2 Gamela

aquí outro Pandigueiro Capitalista Liberal (Perversión do Apalpador!) https://youtu.be/e2DwyBwkWIk

1 LIGA DA XUSTIZA

creo que subliminalmente están pedindo o voto para o xuiz villano nese congreso a búlgara, ainda van votar o 120 por cento...