Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 15/01/2019 | Actualizada ás 14:00
O Streptococcus bovis é unha bacteria capaz de infectar a vacas e chegar a contaxiar a humanos e está relacionada, entre outras doenzas, co cancro colorrectal. Atópase no grupo do que os expertos chaman infeccións emerxentes. Agora, un equipo científico resolveu que en Galicia existe "unha correlación significativa entre as taxas de bacteriemia [presenza de bacterias no sangue] por Streptococcus bovis e a densidade do gando, o que suxire unha posible transmisión de Streptococcus bovis das vacas ás persoas".
A investigación está asinada por científicos do Hospital Universitario Lucus Augusti (Lugo), Complexo Hospitalario Universitario da Coruña, Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela, Complexo Hospitalario Universitario de Ourense, Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol, Complexo Hospitalario Universitario de Vigo, Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra e Hospital Povisa de Vigo.
O traballo, titulado 'Correlation between Streptococcus bovis bacteremia and density of cows in Galicia, northwest of Spain', vén de ser publicado na revista científica Infection. Os autores fixeron un estudo retrospectivo para o período 2005-2016 de todos os casos de bacteriemia causada por Streptococcus bovis en Galicia. Os investigadores analizaron a asociación entre a taxa de incidencia de bacteriemia e o número de bovinos por provincia e comarca.
Incluíronse 677 casos de infectados, cunha media de idade de 76 anos (69.3% homes). As infeccións máis frecuentes foron endocardite (234 casos, 34,5%), bacteriemia primaria (213 casos, 31,5%) e infección biliar (119 casos, 17,5%). En 252 pacientes detectáronse neoplasias de colon (37,2%).
A mortalidade foi do 15,5% (105 casos) e a taxa de incidencia anual foi de 20,2 casos/106 habitantes. Ademais, atopáronse correlacións coa densidade do gando, pero non coa ruralidade.
Ao comparar as provincias, atoparon que as taxas son moito máis altas en Lugo que no resto de Galicia. E comparando as provincias de Ourense e Lugo —cun predominio da poboación rural e unha alta proporción de anciáns—, marcáronse as diferenzas nas taxas de bacteriemia: 15,8 fronte a 43,6 casos por 106 habitantes, respectivamente. Lugo ten o 47,7% do gando galego e o 6% Ourense, aínda que esta última provincia é, con todo, a líder en gando ovino, porcino e avícola.
CANCRO COLORRECTAL E OUTRAS DOENZAS
Diversos estudos teñen xa demostrado desde a década de 1970 a relación do Streptococcus bovis co cancro colorrectal.
Algúns deses estudos evidenciaron que entre o 25 e o 80 por cento dos pacientes con bacteremia por Streptococcus bovis teñen tumores colorrectais e a incidencia de asociación de neoplasia de colon con endocardite por Streptococcus bovis apareceu entre o 18 e o 62 por cento dos suxeitos.
Outros estudos mostraron que eventos de bacteriemia por Streptococcus bovis teñen unha elevada mortalidade hospitalaria e requiren con frecuencia procedementos cirúrxicos, e afectan principalmente a pacientes maiores con co-morbilidades.
Investigacións feitas en Galicia tamén demostraron que pode producir meninxite, aínda que é excepcional e representa menos do dous por cento do total de casos de meninxite adquirida en adultos.
Con todo, os científicos galegos din que existen poucos datos sobre a epidemioloxía das infeccións causadas por esta bacteria que se transmite do gando aos humanos. Algúns estudos suxiren que tanto a residencia en áreas rurais como o contacto co gando poderían ser factores de risco potenciais.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.