Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/01/2019 | Actualizada ás 18:09
A dirección de Caixabank expuxo aos sindicatos un expediente de regulación de emprego (ERE) para 2.15l7 empregados, 65 deles en Galicia, onde conta cun persoal duns 800 traballadores e onde propón o peche de 34 oficinas das 190 das que dispón.
En concreto, segundo fontes sindicais consultadas por Europa Press, o mapa de "excedente" de persoal trasladado pola entidade cifra en 32 os traballadores que ao seu xuízo sobran na Coruña, 21 en Pontevedra, sete en Lugo e cinco en Ourense.
Por provincias, o peche de oficinas que pretende a empresa (case o 18% do total) sitúa o maior dato en Pontevedra, 19, seguido das 12 da Coruña, dúas en Ourense e unha en Lugo. O secretario xeral da sección sindical de CC.OO. en Caixabank Galicia, Xoán Carlos Viveiro, criticou que isto "é pouco entendible".
Respecto diso, destacou que nos últimos tempos o banco incorporou empregados en Galicia, onde se están facendo horas extras non remuneradas" en todas as oficinas. "Son moitas contradicións, aínda hai xente en período de probas e estas saídas non se xustifican", subliñou.
De acordo coa formulación que comunicou a dirección, "parece que queren centrar" a redución de persoal en grandes cidades, o que na comunidade galega traduciríase en localidades como Vigo, A Coruña e Ferrol.
"Casa pouco coas declaracións do conselleiro delegado (sobre previsión de resultados). Non se xustifica cos números", insistiu Viveiro, para quen o argumento do incremento de clientes na canle dixital é "unha desculpa", xa que ao mesmo tempo "pretenden aumentar o horario de atención en oficina". "Ou unha cousa ou a outra", incidiu.
O dato de saídas previstas por Caixabank en Galicia supón algo máis dun 8% do persoal na comunidade, algo que, ademais, para este portavoz sindical, non se corresponde co feito de que a entidade nunca acometeu procesos de integración con outras neste territorio, algo que si ocorreu noutras autonomías. De aí, entende, que o número de traballadores e sucursais sexa máis axustado.
Os sindicatos recibiron a primeira comunicación sobre o ERE o 10 de xaneiro e a primeira reunión dentro das conversacións previas foi este xoves. Teñen fixadas outras dúas para os próximos dous xoves, 24 e 31 de xaneiro.
DATOS ESTATAIS
En global, a dirección de CaixaBank expuxo aos sindicatos un ERE para 2.157 persoas, máis do 7% do persoal, no marco do novo plan estratéxico 2019-2021, que contempla unha redución do 18% da rede de oficinas.
En concreto, o excedente de persoal estimado repartiríase en 1.913 empregos da rede de oficinas e 244 de servizos de apoio á rede, que en total suman os 2.157 expostos, sen afectación ao territorio de Barcelona nin Teruel.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.