Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/01/2019 | Actualizada ás 19:41
A eurodiputada Lídia Senra denunciou este xoves, durante unha sesión da Comisión de Agricultura e Desenvolvemento Rural do Parlamento Europeo, a "contaminación provocada pola produción industrial" do modelo Coren na comarca da Limia. A súa intervención tivo lugar durante o punto da axenda de traballo reservado para establecer un intercambio de puntos de vista co Comisario de Agricultura e Desenvolvemento Rural, Phil Hogan.
Os deputados debateron cuestións relacionadas coa denominada 'nova arquitectura verde' e as propostas lexislativas para a PAC despois do 2020. "é fundamental abordar o modelo de produción, abordar a regulación da produción, abordar mercados e abordar os prezos", insistiu Senra, que criticou a "continua política de parches da UE".
"Agora, incluso en Galicia, temos unha forte crise pola contaminación do cebo industrial. Na comarca da Limia a auga está fortemente contaminada e a solución que se está dando é acaparar terra para convertela en depósitos de máis xurros que están a empeorar aínda máis a contaminación da auga", dixo Lídia Senra.
Por iso, Senra pediu á Comisión e ao Parlamento que vaian "ao fondo" e "repensen o tipo de desenvolvemento rural que está a ter a UE", para "realizar todas as modificacións precisas ata conseguir un modelo que garanta que todas as persoas que se dediquen á actividade agraria ou gandeira poidan vivir do seu traballo".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.