Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/02/2019 | Actualizada ás 17:00
Os traballadores do servizo de Urxencias do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS) rexeitaron este martes por 72 votos en contra e 64 favor a última proposta da xerencia sanitaria compostelá, polo que seguirán a folga.
Así o confirmou o presidente da Comisión de Especializada, Camilo Agulleiro, quen asegurou que o comité de folga "ten que acatalo", tras ser rexeitada a proposta por unha diferenza de oito votos, e reunirase este mércores.
Na xornada de votación deste martes, celebrada entre as 8,00 e as 16,00 horas, participaron 138 traballadores dos 206 do censo, o que supón o 67%, destacou Agulleiro.
Dos votos emitidos, 64 foron a favor da proposta da xerencia, o que supón o 46%, mentres 72 persoas rexeitárona, o que implica o 52%, mentres que dous votos estaban en branco.
"Vistos os resultados os traballadores ratifican que queren seguir coa folga e lograr unha mellor proposta por parte da xerencia", indicou a comisión de especializada.
MOBILIZACIÓNS
Para o comité de folga, o último documento presentado pola xerencia —con 11 enfermeiras, 11 auxiliares e dous médicos máis— supón "un avance" con respecto á anterior exposta en decembro, pero "non cobre" as súas reivindicacións. De feito, lamentaron que se manteñan pechados "dez ocos" en Urxencias.
Por todo iso, os traballadores seguirán coa folga que manteñen desde hai 13 semanas e, como avanzaron na concentración deste luns, tras tres meses consecutivos estudarán en próximas reunións "intensificar" as mobilizacións.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.