Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/02/2019 | Actualizada ás 14:16
A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, afeou á Xunta de Galicia o seu "deixamento de funcións" para combater a presenza do xabaril nas contornas urbanas. En rolda de prensa, Méndez emprazou ao Goberno galego a que "exerza as súas competencias e tome con carácter de urxencia medidas para controlar estas poboacións".
"En Lugo vivimos unha situación que non é allea a outras cidades e a outros municipios que cando menos está a causar preocupación e inquietude entre os veciños, xa que os xabarís están a entrar na cidade. Non podemos obviar que este é un problema que levamos sufrindo durante anos, que ademais está a ser un contratempo contra o rural. O que ten que facer xa a Xunta é a xestión e ordenación do territorio", afirmou.
A rexedora acusou ao Executivo galego de "non" ter "unha planificación real. "E é que nunca se fixo un plan de xestión desta especie, nin un censo da súa poboación a nivel provincial", lamenta. A isto suma nos seus criticas que a Xunta trate de "responsabilizar aos concellos sen abordar a situación". "O único que fixo foi enviarnos ao Concello de Lugo catro mapas que recollen os terreos cinexéticos, as que son zonas de exclusión onde está prohibida a caza, que son máis de 3.000 hectáreas, das cales 2.085 son de chan rústico e por tanto non se pode aplicar a lei de chan, e 1.700 de propiedade privada".
MÁIS DE 300 ACCIDENTES
O goberno local de Lugo realizou un "traballo" que se deu a coñecer a "técnicos da Xunta" e que se trasladará de "maneira oficial" ao Goberno galego para o plan de control de xabarís.
Dito estudo contén "o cinco puntos máis conflitivos" respecto de accidentes de tráfico provocados por fauna salvaxe, "maioritariamente xabarís", entre 2016 e 2018. Suman un total 318 nestes dous anos.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.