Sánchez anuncia eleccións para o 28 de abril

Finalmente non haberá un superdomingo en maio, tal e como pedía o PP.

Por Galicia Confidencial | Madrid | 15/02/2019 | Actualizada ás 10:36

Comparte esta noticia

Pedro Sánchez acaba de anuciar adianto electoral. Será para o 28 de abril. Unha data que coincide despois da Semana Santa e un mes antes das municipais e europeas.

Pedro Sánchez, presidente do Goberno español
Pedro Sánchez, presidente do Goberno español

Foron os partidos da dereita e ultradereita os que pedían un adianto urxente logo de fracasar os orzamentos, pero nos últimos días, e despois de que se avanzara que isto se produciría, preferían que as eleccións se atrasaran un mes máis para facelas coincidir coas xerais e as municipais.

Segundo fontes consultadas, Sánchez elixiu a data para evitar celebrar un superdomingo electoral e para converter estas xerais nun plebiscito entre esquerdas e dereitas. Estas fontes cren que haberá unha forte mobilización do voto de esquerda e que iso pode beneficiar ao líder do PSOE.

As últimas eleccións xerais celebráronse o 26 de xuño de 2016, tendo que ser convocadas polo Rei nunha situación insólita ante a incapacidade dos grupos parlamentarios para apoiar a investidura dun presidente do Goberno tras os comicios de decembro de 2015.

Tras estas segundas eleccións de xuño de 2016, Mariano Rajoy foi investido presidente do Goberno en outubro dese ano con maioría simple en segunda volta, con apoio do PP, Ciudadanos, Coalición Canaria, UPN e Foro Asturias; e a abstención de gran parte dos deputados do PSOE.

TRAXECTORIA DE SÁNCHEZ

Esta postura dos socialistas provocou que Pedro Sánchez deixase o escano no Congreso, aínda que recuperaría o liderado do partido nas primarias que os socialistas celebraron en maio de 2017 impóndose en primarias á entón presidenta andaluza, Susana Díaz, e ao histórico dirixente vasco Patxi López.

Un ano despois de erixirse de novo como líder dos socialistas, Sánchez deu o paso de presentar unha moción de censura contra Mariano Rajoy tras a sentenza da Audiencia Nacional condenando ao PP como partícipe a título lucrativo da trama Gürtel.

A moción foi debatida no Congreso os días 31 de maio e 1 xuño de 2018 e foi aprobada con 180 votos a favor, 169 en contra e 1 abstención. Votaron a favor os deputados do PSOE, Unidos Podemos, ERC, PNV, PDeCAT, Compromís, Bildu e Nueva Canarias.

Oito meses despois, Sánchez anunciou a convocatoria de eleccións xerais pondo así fin ao Goberno máis breve da democracia. Os comicios do 28 de abril serán as décimo cuartas eleccións desde a Transición e as terceiras de Felipe V como Rei.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta