Veciños de Touro presentan alegacións contra a drenaxe temporal das balsas na mina de Explotaciones Gallegas S.L.

Os veciños alegan que a empresa non quere asumir o tratamento axeitado para os pasivos medioambientais. Tamén denuncian a deficiente xestión dos residuos durante décadas.

Por Galicia Confidencial | Touro | 19/02/2019 | Actualizada ás 12:46

Comparte esta noticia

Membros da “Plataforma veciñal Mina Touro-Pino Non” achegaron o pasado luns dezaoito de febreiro a documentación na Xefatura Territorial da Consellería de Economía Emprego e Industria, contra Explotaciones Gallegas S.L. O motivo foi a petición da empresa para drenar temporalmente as balsas con metais pesados situadas na antiga explotación. Segundo informa a plataforma no seu comunicado “proba da contaminación é que debido á acidez das augas se desenvolveron organismos extremófilos, dos que a empresa refire un suposto interese científico para non teren actuado antes”.

Presentación das alegacións contra a drenaxe na mina de Touro
Presentación das alegacións contra a drenaxe na mina de Touro | Fonte: Plataforma Mina Non

Os veciños e veciñas de Touro ven esta actuación de Explotaciones Gallegas S.L., como “inaceptable” e  “que non se resolva un problema de contaminación tan grave coa
desculpa dese suposto interese científico
”. Os regatos que cruzan as antigas instalacións da mina, “daban servizo ás comunidades por onde ían pasando” e agora mesmo “levan anos privadas dese recurso e soportando a contaminación”.

Desde a Plataforma Veciñan Mina O Pino-Touro Non, tampouco aceptan que a empresa “delegue as súas responsabilidades e confíe na dilución da contaminación no río máis grande do que eses regatos son tributarios, o Ulla”. A Plataforma sinala “estudos recentes baseados nas propias analíticas das estacións de control de Augas de Galicia, incluídos o Lañas e o Ulla, indican que se superan as normas de calidade ambiental para moitos elementos”.

Sobre o proxecto de drenaxe, a oposición veciñal baséase en que se trata “dunha medida temporal, para pouco máis de 6 meses, sen indicar que ocorrerá unha vez superado ese período”. Aseguran que tampouco “aborda o problema, para evitar que as drenaxes contaminadas cheguen ao Lañas, fálase de recoller as súas augas e bombealas á balsa de Vieiro, que é unha antiga corta mineira inundada”.

A conclusión da Plataforma é que “o único que se vai conseguir é mover as augas contaminadas dun lado a outro da explotación mineira, agravando aínda máis a contaminación da balsa de Vieiro”. Ademais de “agravarse tamén a afección sobre o regato Pucheiras, tributario do Brandelos, que ao bordear esa balsa sofre importantes problemas de contaminación”. E malia a que se indica que esas augas “van ser bombeadas á balsa de Vieiro para “o seu posterior tratamento”, logo non se concreta o tal tratamento que corrixa a hiperacidez desas augas nin a súa carga en metais pesados”. “ A veciñanza demanda un proxecto no que aporte unha solución definitiva para recuperar a calidade das augas e dos solos en toda a área da contorna mineira”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta