Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/02/2019 | Actualizada ás 11:25
Greenpeace presentou ante a Fiscalía de Medio Ambiente de Galicia unha denuncia na que solicita que se investigue o "incumprimento" por parte da Xunta e de empresas do sector forestal galego da lexislación que obriga a verificar que a madeira que entra no mercado da UE a través de empresas de Galicia "é legal e non procede da violación de dereitos humanos ou do desacato das leis ambientais".
De maneira especial, a denuncia céntrase no caso da entrada de madeira de teca de Myanmar que foi utilizada para a fabricación da cuberta instalada no cruceiro que construía o estaleiro vigués Fillos de J. Barreiras para a compañía de iates de luxo The Ritz-Carlton.
A organización ecoloxista xa expuxo este feito o pasado mes de outubro, facendo fincapé en que o Ministerio de Agricultura recomenda non importar madeira de teca de Myanmar polo "elevado risco de incumprir coas esixencias establecidas polo Regulamento da Madeira da EU".
"Galicia é unha das principais portas de entrada de madeira de orixe ilegal ao mercado español e europeo", declarou Miguel Anxo Soto, responsable da campaña de Bosques de Greenpeace. "E é obvio que quen está ao cargo de facer cumprir a lexislación non está moi interesado en establecer os controis necesarios para garantir que as empresas están a realizar unha vixilancia debida sobre os seus provedores para evitar comerciar con este tipo de madeira", subliñou.
Segundo a lexislación europea, nacional e galega, apunta Greenpeace, a Xunta de Galicia está obrigada a establecer controis periódicos ás empresas do sector forestal que importan madeira desde terceiros países para "verificar que dispoñen dun sistema de dilixencia debida a través do cal se avalía e minimizan os riscos de importar madeira procedente de actividades forestais ilícitas".
Greenpeace tamén sinala no seu escrito á Fiscalía a "preocupación" expresada pola última Memoria da Fiscalía Xeral do Estado, referida a 2017, "onde di que, a pesar das leis que obrigan ás administracións públicas a levar a cabo controles sobre os axentes que introducen madeira na Unión Europea, nin a administración central estaba a levar control algún, nin as comunidades autónomas tiñan nese momento estrutura algunha, nin se estableceron criterios para realizar a dita tarefa".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.