Por Galicia Confidencial | Nogueira de Ramuín | 11/03/2019 | Actualizada ás 22:15
Son Carla Souto, unha artista plástica que leva uns meses vivindo no rural para desenvolver un proxecto artístico, concretamente en Loureiro, Nogueira de Ramuín (Ourense).
O pasado 8 de Marzo aconteceu un feito moi importante neste pobo galego: a primeira manifestación da súa historia. E non foi unha manifestación calquera, se non unha manifestación feminista. E non será a última.
Decidimos organizar isto na mesma noite anterior ao ver as reducidas posibilidades de mobilización ás manifestacións oficiais. As que se encontraban máis perto eran a de Ourense, a 26,3 km ou Monforte de Lemos a 35 km aproximadamente. O coche de línea que se move entre aldeas cara a cidade ten só dous traxectos ao día: un de ida ás 7 da mañá e outro de volta ás 18:30h, polo que os horarios non nos permitían asistir. Así que fixemos cartaces anunciando a folga e os colocamos nos lugares máis estratéxicos para que o maior número de xente os vise. Estes lugares eran o centro do pobo, a parada do bus, o bar, o poblado do lado e o centro cívico (actualmente en desuso) coñecido polo nome do Teleclub. Con isto, e cunha mistura entre o boca a boca e as redes sociais conseguimos pór as persoas do lugar en pé, que saísen das súas casas e loitasen pola igualdade e polos nosos dereitos.
Encontrámonos ás 19h no coñecido (polo menos para nós) Cruce de Loureiro, onde se sitúa a parada do bus. Lugar de reunións e ponto de encontros, transición entre camiños e casas. Había mulleres de diferentes xeracións acompañadas dalgúns homes de diferentes rangos de idade, que apoiaban a causa, cunha chea de pancartas que facían referencia a situacións cotiáns de desigualdade entre homes e mulleres. A creación destas pancartas xa deu pé a situacións nas que as mulleres deixaban de facer as tarefas cotiáns de coidados ou da casa para invertir un pouquiño de tempo no seu. Deste xeito, podíamos ler nelas "Manolo, hoxe fas a cena solo", "En Loureiro e en Pombeiro a cena que a faga o panadeiro", entre outras frases que facían referencia á vida do día a día neste lugar e a persoaxes que o habitan pero que, sen dúbida, teñen connotacións xerais para calquera muller sexa cal sexa o lugar onde vive. Fomos polo medio do vecindario e polas súas inmediacións chamando á porta das casas para que se unisen máis persoas á causa.
Destes cartaces, o que máis furor causou foi o que dicía "As mulleres do rural tamén poden ir ao bar". Sí, é un feito. As mulleres poden ir ao bar pero este bar, o único que hai, sempre está cheo de homes bebendo e berrando. Despois de facer varias veces a ruta da manifestación que creamos entre todas, acabamos todas xuntas no bar. Neste caso, non fixemos a folga de consumo pero xuntamos catro mesas do bar e sentámonos todas xuntas a falar e compartir as nosas impresións desta nova experiencia e outras tantas que aquí temos vivido.
Onte fomos nós as que berramos no bar. Falamos moi alto e moi claro.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.