Hai argumentos sostibles para que parte de Galicia sexa un gran eucaliptal?

Conversamos cos representantes de dúas asociacións de montes con modelos de xestión opostos. Mentres que José Manuel Reguera considera que esta especie xera un motor económico no rural, Joam Evans di que "dá cartos porque non se contabilizan os gastos que asumimos todos", tanto de extinción de incendios como de consecuencias directas sobre os solos, a auga e a biodiversidade.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 15/03/2019 | Actualizada ás 14:05

Comparte esta noticia

A rendibilidade económica da produción de eucalipto é o principal argumento co que se pretende desmontar as ideas que avogan por frear a súa expansión indiscriminada polos montes galegos. Fronte a traballos científicos que demostran que reduce a biodiversidade, afecta aos solos e augas e facilita a rápida propagación dos lumes, o razoamento de defensa é sinxelo: “é máis rendible”.

Neste caso, a resposta é de José Manuel Reguera, presidente da Asociación de Produtores de Montes de Castroverde (Lugo), pero ben podería ser a reacción da meirande parte de agricultores que apostan por este cultivo forestal. “Unha hectárea de terreo con eucaliptos ofrece moitísima máis rendibilidade ca calquera outra plantación, máis ca piñeiros ou incluso terreo agrícola”, asegura Reguera. "Este país, se o poñemos todo a frondosas, sería totalmente improdutivo".

José Manuel Reguera (centro), presidente da Asociación de Produtores de Montes de Castroverde, e Manuel Marey (segundo pola dereita), nunha asemblea do colectivo
José Manuel Reguera (centro), presidente da Asociación de Produtores de Montes de Castroverde, e Manuel Marey (segundo pola dereita), nunha asemblea do colectivo
Natural dunha comarca na que o sector gandeiro e agroforestal ten moito peso, sinala a riqueza económica que deixa o eucalipto na zona. “E iso que aquí non temos moito!”, di, en referencia ás 2.500 hectáreas fronte ás outras 9.000 de frondosas. Non só alude ao diñeiro resultante da venda da madeira, senón á “gran cantidade de man de obra” que rodea a industria.

Joam Evans, da Comunidade de Montes Veciñais de Froxán (Lousame -  A Coruña) e un dos impulsores da iniciativa Brigadas Deseucaliptizadoras, desarma esas formulacións. “Dise que o eucalipto dá cartos porque non se contabilizan os valores negativos que asume a sociedade enteira”. Se se computasen os custos de extinción de lumes, “moitos propagados debido á presenza desta especie”, e se se medisen os beneficios das grandes empresas coma Ence en comparanza cos obtidos pola xente que vende madeira logo de facer grandes investimentos, “acabaríase o negocio”.

INTERESA A INMEDIATEZ

Malia a súa defensa a prol do eucalipto, José Manuel Reguera apoia a diversificación dos terreos para acadar “producións equilibradas” e propón readaptar “aos tempos de hoxe” os PXOM (Plan Xeral de Ordenación Municipal) e a Lei de Montes, “cada vez máis restritiva, sobre todo no interior".  “Eu si que creo que pode haber zonas moi masificadas nas que sexa necesario quitar eucaliptos”, concede. “O que non pode ser é que se prohiba nas zonas do interior e logo se potencie na Mariña. Pouco falta para ir á praia e que che faga sombra un eucalipto”.

“En Galicia hai espazo para todo: para eucaliptos, piñeiros, frondosas, pasteiros... Pero parece que o eucalipto é a árbore maldita. E non é tan malo como o fan. As grandes leiras de millo empobrecen máis a terra, por exemplo”, opina.

Un dos problemas, a ollos de Joam Evans, é que se adoita pensar na inmediatez á hora de buscar a rendibilidade económica. Os eucaliptos presentan quendas de corta de arredor de 15 anos e iso supón un atractivo para os produtores. Porén, el pon de exemplo o caso de Froxán. Nesta localidade, berce das Brigadas Deseucaliptizadoras, iniciaron un “proxecto de longo recorrido” coa repoboación das terras con árbores autóctonas. A deles é unha “aposta de calidade cun aproveitamento multixeracional”. E é que hai que entender, di Joam Evans, que o que sementamos hoxe poida ser aproveitado polos nosos netos.

En relación a iso, fai fincapé noutro aspecto de interese: a fixación de poboación. Nesa procura de resultados temperáns, apunta que o castiñeiro xa ofrece aproveitamento aos 5 anos, cos cogomelos; aos 13, coas castañas; e logo aos 30, coa madeira. Esas fórmulas de explotación económica axudarían, ademais, a asentar poboación no rural, porque implicarían levar a cabo recolleitas do produto en distintas épocas do ano.

“O eucalipto é a especie ideal para o propietario absentista, ese que vive noutro lado e que non come o problema que supón ter iso aí”. Fala, por exemplo, de ver as casas da aldea rodeadas de lume por todos os lados, para logo agradecer o efecto barreira das frondosas que impiden a chegada das lapas ás vivendas. Incluso relaciona a eucaliptización dos montes coa aparición de porcos bravos en zonas insospeitadas, preto de lugares habitados. "O hábitat dos xabarís é unha carballeira. Se desaparece a súa fonte de alimento, terá que buscalo, por iso van a outras plantacións".

Traballos de plantación de especies autóctonas, como carballos e castiñeiros, en terrenos inzados de eucaliptos en Froxán (Lousame)
Traballos de plantación de especies autóctonas, como carballos e castiñeiros, en terrenos inzados de eucaliptos en Froxán (Lousame) | Fonte: Coluna San Fins

A VISIÓN DOS EXPERTOS

Todas estas cuestións -e outras moitas- arredor do debate sobre o eucalipto tamén foron abordadas o pasado luns 11 de marzo na Facultade de Ciencias de Comunicación, no marco da última xornada das Regueifas de Ciencia. O acto presentaba as dúas posturas contrapostas ante a pregunta que daba nome ao encontro: 'Está xustificada a mala sona do eucalipto?'.

Así, no bando que apoiaba o 'si' estiveron presentes Serafín González Prieto, presidente da Sociedade Galega de Historia Natural, e Adolfo Cordero Rivera, profesor titular da Uvigo. No lado contrario, defendendo o 'non', interviron Francisco Díaz-Fierros Viqueira, catedrático emérito, e Manuel Marey, catedrático da área de proxectos de enxeñaría da Universidade de Santiago.

Os primeiros sostiveron que as plantacións de eucalipto deben ser erradicadas consonte as demostracións científicas das súas consecuencias negativas sobre o medio ambiente: o lume esténdese o dobre de rápido nun eucaliptal ca nunha carballeira; reducen a biodiversidade porque non son comestibles para os animais que habitan os nosos montes; afectan ás augas dos regatos, etc.

Pola contra, os argumentos do equipo contrario encamiñáronse cara á condición de "motor económico" desta industria e cara á ausencia de alternativas reais para os produtores, ademais de poñer en dúbida a relación entre a presenza de eucaliptos e os incendios ou a perda de diversidade na flora e fauna.

CRÍTICAS EN EUROPA

Por outra banda, a eurodeputada do BNG, Ana Miranda, vén de acusar o Goberno galego da Xunta de remitir "datos falsos" á UE e alertou que, de confirmarse que non informou sobre a previsión de que se aumente a superficie forestal con eucalipto, podería expor unha denuncia ante o Tribunal de Contas europeo, algo que definiu como "un escándalo institucional".

Plantación de eucaliptos
Plantación de eucaliptos | Fonte: AXM
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 RPk

Eu abogo totalmente pola liberalización do seu cultivo, mais ben, que cada propietario decida libremente o que pranta nos seus terreos, sobre diso pode promocionarse o cultivo de frondosas caducifolias via subvencións ou via garantías de compra, pero sempre garantindo a independencia e o respeto a os dereitos dos propietarios. Eu son de Valdoviño, cultivo eucaliptos e poido decir que non son un señorito, nin un rico ni nada diso, estou na flexibilidade laboral e os fines de semana me adico a labores agrícolas, Poido dicir que a venta de madeira de eucalipto é un apoio económico fundamental para min. Non estou dacordo en que o eucalipto socialice as perdas e privatice as ganancias: en realidade o principal problema dos incendios é que moita xente e moitos concellos fixeron casas a carón do monte, sin ter en conta o risco de incendios, e agora responsabilizan do problema a os propietarios forestais.

1 Pitito

O mais sostibel, o negocio do señorito