O PSOE pide o voto a "todos os galegos que non queiran que a ultradereita decida o Goberno de España"

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, advirte de que "cada voto que vaia ao PP en Galicia vai permitir que a ultradereita poida decidir o futuro do país".

Por Europa Press / Redacción | LUGO | 18/04/2019 | Actualizada ás 12:54

Comparte esta noticia

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, pediu o voto para o PSOE a "todos os galegos que non queiran que Vox poida decidir o Goberno de España". En Viveiro, e tras "3.500 quilómetros percorridos por Galicia" na primeira metade da campaña para as xerais, Caballero asegurou que os socialistas buscan "gañar as eleccións dunha forma clara" e "ampla".

Gonzalo Caballero, en campaña electoral
Gonzalo Caballero, en campaña electoral | Fonte: EP.

"O mellor que lle pode pasar a España e a Galicia" é que "Pedro Sánchez poida gobernar o país durante os próximos anos catro anos", declarou.

Aínda coas boas perspectivas que apuntan as enquisas, o líder dos socialistas galegos indicou que o seu partido "non quere gañar as enquisas", se non "as eleccións", polo que, reivindicou, "cada voto é importante". "Sabemos que cada voto que vaia ao PP en Galicia vai permitir que Vox e a ultradereita poidan decidir o futuro do país no que vivimos", dixo Caballero.

Neste sentido, apostou por "mobilizar todos os votos progresistas" para evitar que "a ultradereita" teña "abertas as portas da Moncloa por un só voto". "Que todos os que non queren s ultradereita, voten ao partido socialista", sentenciou Caballero, para quen "o voto útil só ten unhas siglas: as do Partido Socialista, as de Pedro Sánchez", para que "a ultradereita non acceda ao Goberno de España".

UN PP "DESNORTADO"

O secretario xeral dos socialistas galegos pediu aos votantes que aposten "pola forza política que cambiou España para ben" e que, en Galicia, "traballa a pé de país, para os galegos", fronte a un PP "que está desnortado". "Feijóo non é capaz de coller o impulso político que tiña no pasado", dixo Caballero, para quen a vitoria dos socialistas sería "o primeiro anuncio de que o tempo político de Feijóo chega ao seu fin".

A nivel estatal, o socialista galego tamén tivo palabras para os populares, que, na súa opinión, perderon "a moderación", o "centro político" e "o rumbo". "Ese PP que se presenta ás eleccións non ten a sensatez e o rumbo necesarios que posibilite un Goberno capaz de atender a todos", dixo, Caballero, "Pablo Casado non ten a talla suficiente para ser o presidente do Goberno que España necesita".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

2 Galeguiña

Claro, mellor que gobernen os independentistas e os nacionalistas xenófobos coma Torra (enchidos de odio hacia España) co apoio de comunistas e radicais de esquerdas que avogan pola destrucción da democracia representativa e alentan rexímenes coma o de Venezuela ou Cuba. Iso é o que lle convén á maioría dos cidadáns españois.

1 Outrois

Tome a medicación e acougue. A súa moderación é como a praxe do psoedg, imos de guais pero somos tan reaccionarios coma o pp. Menos concordato e máis república, menos Madrid e máis Galiza...

1 Escairón

A foto dos socialistas coas confrarías de semana santa é mortal. Igual de laicos ca de republicáns ca de galegos... P$©€dgaliciña.