Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/04/2019 | Actualizada ás 15:35
A xunta de goberno do Concello de Santiago aprobou este venres o convenio co Consorcio para a cesión das obras do legado do pintor Carlos Maside, adquiridas grazas ao financiamento do organismo interadministrativo e a Deputación da Coruña.
Diso informou este venres en rolda de prensa o rexedor compostelán, Martiño Noriega, quen detallou que este acordo é o paso previo necesario para a exposición pública da obra nunha zona do Pazo de Fonseca cedido pola Universidade de Santiago de Compostela (USC).
En concreto, a adquisición do legado Maside para a súa exposición pública foi posible grazas ao acordo asinado entre o Consorcio e a institución provincial, que financiaron a compra de 21 obras con achegas respectivas de 215.000 euros. Na operación, ademais, conforme destacou o alcalde, implicouse a USC, que cede o espazo do Pazo de Fonseca no que se exhibirá a obra.
Precisamente, Martiño Noriega mostrou a súa satisfacción polo feito de que "un proxecto de cidade como é recuperar e mostrar o legado Maside" sexa "compartido por todas as administracións a través do Consorcio, e tamén por outra institución fundamental de Compostela como é a súa Universidade".
AMPLIACIÓN DO MUSEO DO POBO GALEGO
Na reunión da xunta de goberno, ademais, acordouse conceder a licenza necesaria para executar o proxecto de adecuación da parte sur do convento de San Domingos de Bonaval. En concreto, trátase dunha actuación financiada polo Consorcio e que permitirá ampliar o espazo expositivo do Mueso do Pobo Galego.
Precisamente, o Consorcio aprobou o xoves, no seu consello de administración, a concesión dunha subvención directa para acometer esta rehabilitación, que permitirá ampliar o espazo en 1.600 metros cadrados. Por último, tamén se acordou ampliar en dous meses o prazo de execución de dúas obras: a pasarela do CEIP de Fontiñas e a ampliación do patio e dotación do parque infantil do CEIP Quiroga Palacios.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.