Carlos Aymerich: "Estamos vendo como a Xunta e o Goberno central usan Alcoa para apuntarse un ao outro"

O día 8 de abril presentábase “Informe Xurídico sobre a Adquisición Pública das Factorías de Alcona na Coruña e Avilés”, redactado polo profesor titular de Dereito Administrativo da Universidade da Coruña, Carlos Aymerich. O informe quería mostrar que o Estado podería facerse coas factorías de Alcoa na Coruña e Avilés de maneira transitoria para despois buscar investidores. Por que non é así?

Por Moncho Mariño | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/05/2019 | Actualizada ás 08:05

Comparte esta noticia

-A idea era facer pública Alcoa Coruña e Avilés de maneira transitoria para unha busca de investimento.
Cando se fai un informe sempre hai unha pregunta, unha encarga da CIG neste caso. Así pois, dentro das posiblidades que ofrece o artigo 128 da Constitución española, pois cabería a intervención da empresa, a nacionalización do sector ou, o que eu denomino no informe, o exercicio ordinario da iniciativa pública, que é este caso. Sería que o Estado, a Xunta de Galicia dentro das súas posibilidades, as institucións públicas, exerzan esa iniciativa pública que lle recoñece a Constitución en pé de igualdade cos suxeitos privados. Isto para garantir a viabilidade e o emprego en Alcoa e a actividade industrial. Todo isto é conforme co sistema constitucional español, mesmo a propia existencia da SEPI, así o avala e ademais é algo normal noutros países europeos, pois é compatible co dereito comunitario.

Carlos Aymerich
Carlos Aymerich | Fonte: parlamentodegalicia.es

-E por que non se fan este tipo de intervencións se mesmo as autoridades europeas e as normativas da UE así o permite?
É unha cuestión política. Tamén na política hai modas, levamos moitos anos de dominio ideolóxico do que podemos chamar “neoliberalismo”, que din o mesmo que Vox, os poderes públicos non teñen competencias para  intervir na economía, a creación de emprego só debe depender dos particulares, da iniciativa privada e que o mercado é o mecanismo máis óptimo para a asignación de recursos. Cando parte desa ideoloxía se aplica ademais dunha maneira fundamentalista como se fai nestes momentos, pódese dicir como dixo a ministra Maroto cando se fixo esta proposta, que non estamos nun país comunista. Pregúntome se Alemaña ou Italia son países comunistas ou se os países da UE son repúblicas soviéticas, porque en todos eles de maneira moi normal exercen esa iniciativa pública na economía. No informe aparece o exemplo de Portovesme en Italia, onde o Estado italiano e o Goberno sardo mercan esa fábrica de Alcoa e logo os dous executivos xestionan a busca dun investidor privado para manter a produción que é o que non acontece aquí. Todo por esa resistencia do goberno español para exercer a iniciativa pública e Alcoa, quen dirixe o proceso de busca de investidores. Hai un conflito de intereses porque, está Alcoa interesada en ter competidores no  mesmo mercado que ela actúa?

-Se no caso italiano se puido facer, España por que non o fai tendo o mesmo dereito que Italia?
Porque é unha cuestión de vontade política. Desde o punto legal é viable e mesmo desde o punto de vista legal europeo tamén. Mais non todo o que se pode facer xuridicamente se fai, por que? Porque fai falta vontade política e dun goberno comprometido.

-Durante o goberno do bipartito na Xunta, o que era conselleiro de Industria tivo que ir a Bruxelas para ver que había un acordo segredo sobre os estaleiros de Ferrol. Estaría ocorrendo o mesmo con Alcoa? Un pacto en que interveña a UE e o Estado?
Non, creo que non mais por unha razón. Non estamos falando de axudas públicas, non hai un procedemento aberto que foi o que aconteceu no caso dos estaleiros. Deuse un procedemento por infración das normas sobre axudas públicas da UE para o sector naval, como consecuencia dese procedemento, a decisión da Comisión e logo aceptada polo goberno español, foi que se concederan axudas de maneira ilegal, había que devolvelas, e puxéronse unhas condicións que afectaron ao goberno español. Dentro desas condicións estaban as que afectaban aos estaleiros de Ferrol. Este non é o caso, porque non hai ningún procedemento aberto por infracción da normativa europea en materia de axudas de estado, así que non hai intervención ningunha da UE. Aínda máis, debería habela, porque se se fai a adquisición da maneira que indica o informe, non sería unha axuda pública. Sería, como no caso italiano, unha intervención estatal, adquisición de activos  industriais nunha acción de mercado. Por tanto, non podemos isto como unha axuda pública.

-Busca de rédito político con Alcoa?
Estamos vendo que tanto a Xunta como o Goberno central están usando o tema Alcoa para apuntarse un ao outro. O goberno galego só sinala co dedo o executivo central, cando debera ter un papel máis activo neste proceso, que non o está tendo.

-Os traballadores e traballadoras cos que falou Galicia Confidencial din que a empresa non fixo investimentos en remodelación e mellora das factorías. Podería crearse unha comisión de investigación para coñecer se en Alcoa se xoga de mala fe impedindo investimentos en melloras e posta ao día?
Aí hai un contrato. Cando a finais dos 90 INESPAL, o grupo público do aluminio, foi vendido a Alcoa, asináronse unha serie de acordos cuns puntos como que Alcoa se comprometía a manter o emprego, investir nas fábricas, o goberno español comprometíase a manter durante quince anos o prezo da enerxía. Que casualidade que cando remata ese compromiso Alcoa comeza a poñer problemas en 2013. Eu creo que antes dunha intervención dos parlamantos, que claro que poden intervir, hai que esixir ao goberno español a revisión do contrato e esixa a Alcoa todos e cada un dos compromisos que asumiu. Se se repasa o caso italiano, Alcoa tivo que poñer 20 millóns de euros, porque os mesmos accionistas recoñecían que pechar a fábrica lles saía moi caro, pois había que descontaminar as terras, investimentos importantes. Pois esa é outra arma que ten o goberno central e o goberno galego, por certo con competencias en materia ambiental, para esixir que Alcoa se mova nun sentido determinado. Insisto, hai unha diferenza entre o caso italiano e o español. O primeiro é unha intervención directa dos poderes públicos para procurar investidores. No caso de aquí, Alcoa é quen busca investidores e así, non sei ata que punto non hai un conflito de intereses, ata que punto podemos confiar en Alcoa en manter a produción no seu mercado, en manter a única fábrica de alúmina, a de San Cibrao, vai ser vendida a un prezo competitivo. Son estas e moitas cuestións as que deberan ser obxecto de traballo, mais teño a impresión de que non é así.

-E agora mesmo, como se pode afrontar este asunto?
Agora cun goberno de maioría parlamentaria e máis estable no ámbito español, habería que esixir á nova maioría que actúe.

-E de non presionar a Xunta ao Goberno central, de onde sairía a forza para facelo?
Debería saír dos deputados e deputadas de Galicia, PSOE, Podemos, pero antes terían que asumir defender antes os intereses de Galicia que obedecer as ordes emitidas polos seus partidos en Madrid.  c

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

¿E logo de vender INESPAL imos recomprar unha industria obsoleta... ou temos que regalarlle o prezo da enerxía de por vida a Alcoa mentres os demáis a pagamos a prezo de ouro ? ¿Ou imos "nacionalizar" tamén as empresas enerxéticas? O señorito Aymerich fala por non estar calado... (que por certo agás nos programas da TVG levaba moito tempo sin dicir tonterías !)