Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/05/2019 | Actualizada ás 14:43
A institución Valedor do Pobo logrou o seu obxectivo de trasladar a parada de autobús situada na Avenida de Lugo á altura da Residencia Barroso, nas inmediacións da estación de tren de Santiago de Compostela, polas dificultades que tivo unha persoa invidente para atopala.
A valedoría interveu e solicitou o traslado da citada parada ao coñecer a situación que sufriu unha persoa cega o pasado mes de marzo. Tal e como explicou a institución nun comunicado, a persoa afectada, que viaxaba soa, atopouse con serias dificultades para atopala porque "a parada aparecía mencionada de maneira imprecisa na páxina web da compañía de autobuses Monbus e carecía de marcadores para persoas con deficiencias visuais". Por iso, necesitou da axuda de varios cidadáns para dar con ela.
Deste xeito, a valedora do Pobo, Milagros Otero Parga, pediu "explicacións tanto á Dirección Xeral de Mobilidade da Xunta de Galicia como á dirección da compañía Monbus en Galicia". Ambas as entidades, segundo explicou a valedoría, "confirmaron a necesidade dun traslado efectivo de emprazamento da parada en cuestión, así como a activación de medidas correctoras para mellorar a accesibilidade da mesma".
Así, procedeuse desde o concello ao cambio da parada a un emprazamento "máis próximo, visible e ben sinalizado". Concretamente, agora está en fronte á estación de tren, na Rúa do Hórreo antes do cruzamento coa rúa Santiago León de Caracas, a 20 metros do centro de saúde.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.