Por Europa Press / Redacción | TOLEDO | 09/05/2019 | Actualizada ás 17:46
O Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS) proxecta a vitoria do PSOE nas eleccións europeas do próximo 26 de maio e outorga escano aos galegos Nicolás González Casares (PSOE) e Francisco Millán Mon (PP). Concretamente, a enquisa predí entre 17 e 18 eurodeputados para os socialistas e entre 11 e 12 aos populares, o que sitúa na Eurocámara a ambos os candidatos, que concorren en senllas listas no posto número oito.
Pola súa banda, a eurodeputada Ana Miranda (BNG), que é a número cinco da candidatura Agora Repúblicas (xunto a ERC e EH-Bildu) quedaría sen escano de forma directa, pero si tería representación ao longo da lexislatura, como xa ocorreu nesta que agora termina.
Segundo os datos do CIS, a candidatura 'Agora Repúblicas' que agrupa a ERC, Bildu e BNG, obtería tres escanos con entre un 5 e un 7 por cento dos votos da lista que encabeza Oriol Junqueras, en prisión provisional polo 'procès' independentista.
Os tres escanos deixarían en mellor situación á coalición --suman, iso si, os tres xa logrados por separado na anterior lexislatura--, que ten o compromiso de que as tres principais forzas políticas poidan asumir o escano de forma proporcional aos seus votos durante a lexislatura. Desta maneira, estes resultados outorgarían ao Bloque a posibilidade de acceder de forma directa ao Parlamento Europeo moito antes que neste mandato, segundo as fontes nacionalistas consultadas.
Ademais, o CIS proxecta para a Coalición por unha Europa Solidaria (PNV, Geroa Bai, Compromiso por Galicia e Coalición Canaria) un deputado. Neste caso, tal e como confirmaron fontes da formación galega, o escano non ten carácter rotatorio, pero o acordo de coalición si outorga a capacidade directa de presentar iniciativas na Eurocámara a Compromiso por Galicia, como nesta lexislatura pasada, na que superaron as 80.
De confirmarse os datos do CIS, a coalición Compromiso por Europa, que agrupa a Compromís, En Marea e a Chunta, quedará sen escano, o que deixaría fóra a Lídia Senra. En 2014 Compromís e CHA concorreron xunto a Equo e lograron un eurodeputado.
A eurodeputada galega acudiu nas pasadas eleccións europeas na coalición Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe), que sumou a Anova e Esquerda Unida, cando aínda non existía En Marea e Podemos presentouse por separado. Agora os socios de En Marea dividíronse e a candidata ás europeas, que se aliou coa dirección de Luís Villares, podería perder o seu escano se se cumpre este prognóstico.
Así, aínda que o escano desta coalición sería rotatorio no caso de que os seus principais socios non lograsen representación directa nas urnas, o CIS deixa completamente fóra a todos eles da Eurocámara, polo que tampouco se daría esta posibilidade.
Tampouco lograría escano nas urnas a ex-senadora galega e candidata número dez nas listas de Unidas Podemos, Vanessa Angustia. A aspirante --membro de Esquerda Unida-- tamén concorreu nas xerais do pasado 28 de abril para a Cámara Alta, pero non revalidou.
PSOE E PP
O PSOE será o partido máis votado en España nas eleccións europeas do día 26 de maio, con entre o 29 e o 31 por cento dos votos e logrará entre 17 e 18 eurodeputados, segundo a enquisa publicada este xoves polo Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS).
O CIS dá ao PP o segundo posto, cun 18-20 por cento dos votos e 11 ou 12 escanos no Parlamento Europeo. En terceiro lugar a enquisa arroxa case un empate entre Ciudadanos, co 14-16 por cento de votos e 8 ou 9 escanos, e Unidas Podemos Cambiar Europa co 13-15 por cento e 8 escanos.
A sondaxe prevé a entrada de Vox na Eurocámara con entre o 7 e o 9 por cento dos votos e 4 ou 5 asentos e que consiga escano o ex-presidente da Generalitat Carles Puigdemont.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.