José Manuel Rey: “A min non me gustaría que viñeran aquí os do meu partido a dicir con quen teño que gobernar”

O candidato do PP en Ferrol é claro e contundente á hora de falar de posibles alianzas electorais tras o 26M. “Non participarei en ningún goberno de coalición porque a miña coalición é cos ferroláns”, apunta ao destacar que, en cuestións de pactos, non se fía de ningún partido, incluído o seu propio. Nesta entrevista destaca que, como conselleiro, investiu máis en Ferrol para “axudar descaradamente” á cidade. Tamén critica a Narón, o concello “do ti vai facendo” por aumentar poboación a costa dos servizos de Ferrol e cre que as críticas continuas de La Voz de Galicia aos gobernos das mareas “non teñen que ver con cuestións económicas”.

Por Xurxo Salgado | Ferrol | 20/05/2019 | Actualizada ás 21:36

Comparte esta noticia

Ti es de Ferrol. Xa fuches alcalde e marchaches de conselleiro e agora volves desembarcar nesta cidade. Estabas máis cómodo en Santiago de conselleiro ou, agora, volvendo a Ferrol?
Cando estamos en responsabilidades públicas non se pode pensar tanto en termos de comodidade, como de responsabilidade. Vendo o que foron estes últimos catro anos na cidade, foron moitos os que me pedían que me presentara para ter un proxecto en Ferrol de certa estabilidade como o que houbo nos catro anos nos que fun de alcalde. E eu, desde ese punto de vista, non podía fallar a tanta xente. E por iso decidín deixar a consellería e vir aquí a preparar un equipo.

Precisamente por iso. Non cres que deixar unha consellería como a a que levabas ti ( Política Social)  que, ademais, era unha das pontentes dentro da Xunta conlevou un gran sacrificio persoal para ti?
O tempo que estiven foi unha etapa profesional, e tamén persoal, impresionante. Ademais, a min me tocou un momento de crecemento das contas públicas.

Efectivamente, a partir do 2015...
E eu collín unha consellería moi interesante para darlle un xiro á política social. E tiven a sorte de collela cun orzamento de 500 millóns de euros e puiden deixala con 700 millóns. Isto é unha cifra económica que sei que queda moi mal cando falamos de Política Social pero poidemos facer moitas cousas en maiores, infancia, nas entidades de discapacidade. Era un proxecto en crecemento de abordar cousas novas e moi ilusionante... Pero, en fin....

Claro... Recibes a chamada de Alberto, do presidente, que che di: “Tes que ir a Ferrol que temos que recuperala”. Non si?
Non foi unha chamada. Foi unha decisión persoal.

O de vir aquí foi unha decisión persoal?
Unha decisión moi meditada, claro que si.

Pero non me negues que houbo quen che dixo que tiñas que vir...
Por suposto o presidente tiña moito interese. Tamén o partido, pero eu priorecei moito máis a estabilidade desta cidade. E eu pensei que na miña persoa se podía dar ese feito de tentar gobernar novemente Ferrol. Porque Ferrol sempre foi moi complicada de gobernar porque é unha cidade dunha complicada fragmentación social que se plasma nas diversas opcións políticas. E desde a democracia eu fun o único que conseguiu aunar unha maioría en torno a un proxecto.

Feijóo e Rey Varela nun mitin do PP
Feijóo e Rey Varela nun mitin do PP

"A min me vota máis xente da que lle vota ao meu partido"

É certo. Fuches o único que conseguiches ter unha maioría ampla aquí, que iso é moi difícil...
Si, si. O segundo mellor resultado de todos os partidos. Nunha na cidade tivera once. Por iso eu estoulle tan agradecido aos ferroláns e non a un partido. Porque a min me vota máis xente da que lle vota ao meu partido, porque senón eu non tería os resultados que tiven en en 2011 e en 2015. Por iso eu non respondo á chamada dun partido, senón de moita xente.

Por iso mesmo, non me negarás que, cando recibes a chamada do presidente , pois xa teñas claro o de volver vir a Ferrol?
Si, claro. Por suposto.

E hai outros precedentes; Elena Muñoz en Vigo, Agustín Hernández en Santiago, Jesús Vázquez en Ourense. E xa sabes nalgúns casos como rematou
No meu caso xa era unha etapa posterior.

Pero ti coñeces xa certos precedentes. Non temes fracasar esta segunda vez?
Nunca se debe temer un fracaso se o intentas con toda a ilusión e pos toda a túa ilusión. O fracaso non é cando tes o respaldo maioritario.

Xa, pero por iso cho digo. E que no teu caso ter o respaldo maioritario pode implicar que sexas alcalde ou que sexas líder da oposición?
Se os ferroláns queren que estea de líder da oposición pois terei que asumilo.

Entendo que seguirás e non marcharás se non chegas á alcaldía?
Ese é o meu compromiso.

E entón como non seguiches de líder da oposición cando perdiches en 2015?
Pois ...

Houbo xente que interpretou que os abandonaches logo de non poder acceder á alcaldía?
Eu tiven oportunidade de entrar na Xunta grazas a un ofrecemento do propio presidente. E eses ofrecementos son únicos porque non se soen repetir porque é o do tren que non pasa dúas veces polo mesmo sitio. E, entre ficar aquí cun tripartito enfrontado desde o primeiro momento, ou poder axudar a Ferrol desde a Xunta, pois decidín apoiar Ferrol desde a Xunta. Eu participei, desde a Xunta, en máis decisións de investimentos para esta cidade que todo o investimento que fixo o propio Concello de Ferrol. E fíxeno para axudar descaradamente a Ferrol. Algúns deses investimentos levabamos moitosimo tempo agardando; a área sanitaria, o plan Rexurde de Ferrol vello para comprar edificios enteiros, a residencia de maiores, os servizos sociais... Iso non é deixar abandonada unha cidade.

"Axudei en todo o que puiden a Ferrol desde a Xunta"

José Manuel  Rey Varela no Día do Maior
José Manuel Rey Varela no Día do Maior

Xa, pero igual que investiches en Ferrol desde a consellería tamén investirías en Ourense, e noutras cidades e concellos. Supoño que iso xa entra dentro do traballo dunha consellería, aínda que a ti, particularmente, che interesaría máis investir en Ferrol porque é a túa cidade
Iso é porque Ferrol precisa un plus da Xunta de Galicia porque hai uns datos que avalan ese plus de investimento. Tamén entendo á xente que di que eu marchei de Ferrol pero, insisto, eu vivín todo este tempo en Ferrol e axudei en todo o que puiden a Ferrol desde a Xunta porque precisa a axuda da Xunta e do Goberno español para saír adiante.

E, unha vez que decides vir, por que renovas ese equipo de concelleiros que ti montaches hai catro anos?. Xa non che vale ese 50% que renovaches?
Porque eu creo na renovación permanente. É moi bo. Hai cousas que inflúan na confección das listas e non é unha cuestión de que non valgan. Temos que ir adaptándonos a cada momento. E nisto temos que ser ambiciosos. Por iso incorporo a xente independente porque a miña referencia non é só a dun partido. E logo iso xo valorarán os ferroláns.

Sobre isto... Unha apreciación. A Casado acábanlle de dimitir dúas persoas independentes das súas listas. Un deles o seu gurú económico. Ían como independentes na lista. Non temes que che poida pasar algo semellante a ti?
Eu descoñezo o que suceden noutros ámbitos. Eu, nos dez primeiros postos, incorporo a tres independentes do mundo da cultura, do deporte e da educación. E eu creo no seu compromiso con esta cidade porque non é fácil que persoas profesionais decidan dar este paso. E iso é de agradecer.

E nisto ten que ver máis a túa figura, a de José Manuel Rey, ou as siglas do PP?
Están co proxecto de Ferrol e co proxecto de José Manuel Rey.

Fálame agora do proxecto para a túa cidade?
Pois mira, hai varios eixos. O primeiro é o de promoción económica e emprego porque temos a cidade coa peor taxa de ocupación e por iso temos que xerar emprego e oportunidades. Tamén está o da atención ás persoas, que é fundamental. E, logo, tamén temos que impulsar o Plan Xeral de Ordenación Municipal que limitiu o crecemento da cidade e tamén apostar polo solo industrial.  Eu iniciei no meu mandato o o novo PXOM pero, claro, nun mandato non dá tempo. E aí quedou no caixón, parado. E isto cando temos ao noso carón un concello de “ti vai facendo”.

E que tal son as relacións co concello de “ti vai facendo” (Narón)?
Eu non son partidario do “ti vai facendo”, nin de facelo perfecto para desenvolver 30.000 m2 e 1.000 vivendas. En todo caso, eu o que quero é ter boas relacións porque somos un eixo urbano conxunto. Pero tamén hai que ter en conta que durante os últimos anos ese concello se estivo beneficiando dos servizos urbanos de Ferrol. Eles gañando poboación e nós perdendo e a costa de que nós lle paguemos servizos. É culpa nosa tamén non aproveitar as nosas posibilidades, como a do crecemento, que eles souberon aproveitar dun xeito extraordinario.

Pois igual é iso, que eles aproveitan as súas oporunidades e vós non?
Por iso digo que hai que modificar parámetros fundamentais desta cidade, e un deles é o PXOM. E logo está o convenio con Defensa que eu asinei que quedou catro anos perdido.

E que incluía?
Pois solo industrial.

E tamén está o de tirar o famoso muro e abrir Ferrol ao mar. Unha idea que leva case 30 anos en programas e que nunca se fai...
Eu asinei o convenio de abrir Ferrol ao mar.

"Trátase de transformar unha cidade, como fixo Vigo, por exemplo"

Pero, insisto, iso xa se leva pedindo desde os anos 90 e nunca se fai...
Tiñamos un convenio asinado para un concurso de ideas porque non todo ten que xirar en torno a tirar o muro, senón da transformación dunha cidade. Vigo, por exemplo.

Que é socialista, por certo...
Eu falo das cidades en xeral. Pero, póñote o caso de Cartagena. En todo caso, estes proxectos foron a longo prazo. E logo tamén no meu mandato aprobaramos o plan de rehabilitación pero tamén é difícil. Nos barrios non hai xa case actividade. Se perden os veciños, perden todo.

Aí está. Para min a chave está en que vexo que Ferrol, desde a primeira vez que eu vin aquí nos 90, está perdendo a vitalidade que tiña. E iso, José Manuel, non é cuestión dun problema só de Ferrol en Común. Por que perde Ferrol ese histórico dinamismo que tanto a carecterizou?
Porque non tivo un proxecto de transformación da cidade como tiveron outras cidades en Galicia da man de gobernos estables e que duran máis alá dunha lexislatura. Ese é desde o meu punto de vista a raíz da cuestión.

Pois entón volvemos a unha das miñas primeiras cuestións; o caos político que hai nesta cidade á hora de gobernar...
Efectivamente.

Por iso digo. Por que ti, que fuches o que mais concelleiros tiveches pero resulta que os catro anos tamén che botaron fóra. É dicir, que houbo xente que non aprobou a túa xestión. E, nestas eleccións, dame a impresión que a cuestión está moi equilibrada. Podes gobernar ti, coma non...
Eu podo darche a miña versión pero terán que ser os ferroláns os que decidirán. O que está claro que as cidades que se transforman é porque teñen un liderato forte, do partido que sexa, e procesos duradeiros no tempo. Eu se me volvo presentar tamén me pesa completar ese proxecto que iniciei e que puiden pensar desde a distancia durante todo este tempo e aprendendo tamén de erros que cometín.

Ti estiveches gobernando co apoio de Independentes por Ferrol, do ex conselleiro Juan Fernández. Un partido co que tamén vós tivechedes moitas tensións
Si, é certo. Xa che digo que en Ferrol, as coalicións, gobernara quen gobernara, estiveron sempre marcadas por moitisimas tensións que levaron á paralización de moitos temas. E é triste dicir que a única lexislatura onde se aprobaron os catro orzamentos foi a miña.

Tamén co de Juan Juncal, do PP, houbera problemas
Si, certo. Era entón eu concelleiro e aprobamos só dous orzamentos municipais de catro. Por iso eu insisto en que Ferrol precisa unha maioría ampla.

Pero se miramos as enquisas dos partidos e a propia tradición desta cidade semella que non vai haber maiorías amplas. Ti veste gobernando con outros partidos?
O meu primeiro compromiso é que só goberno se son o máis votado e o segundo é que non estou disposto a gobernar baixo a presión permanente doutro partido. Non participarei en ningún goberno de coalición porque a miña coalición é cos ferroláns.

E se Cs ou Vox son a chave de goberno?
Eu francamente creo é moi difícil que estes dous partidos teñan representación o 26 de maio.

"Eu non estou pola labor de subastar as concellerías e o goberno"

E entón como é posible que na esquerda haxa varias alternativas con posibilidades e na dereita só o PP?
Porque eu aglutino o voto dun espectro amplo. Xo veremos o domingo pola noite pero eu non estou pola labor de subastar as concellerías e o goberno porque actualicei un proxecto, con 150 reunións con veciños, e agora non o vou a someter a escrutinio doutras formacións porque esta cidade non pode permitirse estar parada por líos de partidos. E eu non me fío de ningún, nin tampouco do meu. Xo dixen varias veces.

Non obstante, o teu partido está gobernando con Vox e Cs en Andalucía e é probable que acabe gobernando con Cs en cidades e autonomías tras o 26M?
Eu non creo que iso sexa o que precisa Ferrol. E eu son o candidato e, polo tanto, son o responsable de facerlle un plantexamento aos ferroláns e de cumplir ese plantexamento.

Entón vas por libre, porque se Bea Mato, por poñer un exemplo, ten posibilidades de gobernar na Coruña, ou Jesús Vázquez en Ourense, pactando con outros partidos, ti cres que tamén farán como ti queres facer?
Eu opino dos temas de Ferrol, pero tampouco me gusta que ninguén veña aquí a opinar dos temas de Ferrol.

Logo tampouco eu podo opinar dos temas de Ferrol?
Non home. Quero dicir que cada sitio é diferente. A min non me gustaría que viñeran aquí os do meu partido a dicir con quen teño que gobernar.

Pero ti tes un presidente provincial, un presidente galego, un presidente español do teu partido que algo terán que dicir, digo eu...
Eu débome aos que o 26M van coller a papeleta que é a cousa máis importante que pode facer unha persoa.

Iso soame moi personalista, José Manuel, este discurso teu de marcar o terreo...
Será un discurso moi de alcalde.

Ou moi localista... Ou, se queres, moi “caballerista”, xa que antes aludías a Vigo... E falando do PSOE. Non cres que a ti tamén che pode afectar a onda socialista que se respira logo das xerais?
É inegable que está moi presente na campaña.

Eu entendinlle a Jorge Suárez que se eles, se non son os máis votados, favorecerán un goberno de esquerdas
Eu o que non teño ningunha dúbida é que senón teño unha maioría ampla para gobernar vanse xuntar dous, tres, catro ou cinco. Pero creo que o que temos constatado é que a xente está cansado de ver esa desunión entre partidos.

Ollo, que tamén pasou co PP...
Si, certo. Co PP tamén. Xo admitín. Por iso a xente está cansa. E tamén está cansa de que voten todos xuntos para a investidura e ao minuto seguinte xa se estean pelexando. E eu me vou eu a someter a esa mesma situación logo de ter sido alcalde e conselleiro?. Pois a verdade que non.

Pero Jorge Suárez asegura que desde o minuto cero tivo a un gran medio, en concreto La Voz de Galicia, en contra, zoupándolle cada dous por tres. Que opinas disto?
Eu penso que cando es alcalde tes que ser quen de suscitar consensos na medidas das posibilidades e ter cintura política para que todo o mundo reme nunha dirección.

Pero non falamos a nivel político, falamos a nivel mediatico...
Si, si. Eu refírome a todos os niveis. Eu creo que hai que ter capacidade para entenderse, sendo alcalde.

El di que o problema non é falar, senón diñeiro. Que ou pagas ou tes montada a campaña en contra por parte de La Voz
Eu non creo que por cuestións económicas poidan adoptarse comportamentos que teñan que ver coa  cobertura informativa dun concello. Tamén creo que tampouco os concellos están como para poder condicionar a determinados medios. Pero esta é unha opinión totalmente persoal.

Es consciente José Manuel que a esta altura da partida es o único alcalde con posibilidades serias de manter unha gran cidade para o PP. Non te ves como unha especie de Cid Campeador dentro do PP?
Eu véxomo con José Manuel Rey, cun equipo de ferroláns buscando o mellor para o futuro desta cidade.

Preguntocho porque se fracasas ti, é probable que o PP quede sen gobernar unha gran cidade, á espera do que pase en Ourense
Eu espero que iso non suceda.

E se sucede e as deputacións seguen tamén en mans do PSOE?
Pois haberá que facer unha reflexión moi fonda.

E non cres que se iso pasa, Alberto Núñez Feijóo vai quedar moi tocado?
O presidente da Xunta está desenvolvendo unha lexislatura que aínda non acabou. E eu vexo un goberno traballando con moita intensidade e hai un proxecto moi sólido. E levo moito tempo escoitando iso de que Feijóo vai ir a Madrid. Pero eu, que traballei tanto tempo con el, e vin a intensidade do seu traballo e dos seus obxectivos, pois o vexo centrado en Galicia para completar ese proxecto.

Pero se vai mal nestas municipais?
Veremos. A mellor enquisa é a do 26M. Eu seino ben que o vento de cola das enquisas dábame a favor e logo pasou o que pasou. Non hai que fiarse. Os tempos cambiaron e non hai que deixarse levar e tamén hai unha volatilidade que é difícil de diagnosticar.
Comparto contigo ese punto de vista porque a nivel políticos estamos nun dos momentos máis...

Apaixoante
Efectivamente... A política é apaixoante, pero tamén convulsa.

Xa para rematar. Deixoche un minuto de ouro para que convences aos ferroláns que están indecisos...
Eu presentome cun proxecto, cun equipo centrado en Ferrol e preparado para gobernar desde o primeiro minuto e facer realidade este proxecto. Porque ou se repite un periodo de inestabilidades con tripartitos ou cuatripartitos ou ter un goberno para traballar polo presente e polo futuro de Ferrol.

José Manuel Rey, candidato do PP en Ferrol
José Manuel Rey, candidato do PP en Ferrol | Fonte: PP Ferrol
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta