Pepe Bugallo: “Convencínme de volver presentarme tras dicirmo máis de mil persoas en menos dun ano”

Foi alcalde de Compostela en anos difíciles. E, de feito, recoñece que perder a alcaldía en 2011 foi, en parte, un erro del. Pero agora di que se presenta con novos ánimos e tras constatar que foi a xente o que o animou a facelo. Critica duramente a Martiño por non saber a xestionar a cidade e, sobre todo, pola súa “agresiva” campaña. Destaca as coincidencias que ten co BNG e lembra que o seu goberno con eles foi “unha experiencia xeitoisa”. Tamén opina da relación cos medios e deixa claro que nunha hai que levarse mal con eles.

Por Xurxo Salgado | Compostela | 21/05/2019 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Oito anos e estamos aquí outra vez, noutra entrevista, falando sobre o concello...

Xosé Sánchez Bugallo
Xosé Sánchez Bugallo | Fonte: FB S. Bugallo

Si, efectivamente.

E que pasou para que volveras á loita municipal?

Pasou que eu estou profundamente decepcionado da marcha da cidade nestes últimos oito anos. Primeiro co desastre da etapa de Conde Roa que foi como un elefante nunha cacharrería e, agora, outros catro anos de cidade durmida, sen proxecto, sen xestión e sen investimentos de Martiño Noriega.

E por iso decides volver?

Pois porque estou disgustado coa situación da cidade e porque o meu partido me invita a volver.

Sánchez Bugallo nun mitin
Sánchez Bugallo nun mitin | Fonte: FB S. Bugallo

Pero ti xa anunciaras que te retirabas da vida municipal. Por iso me estrañou que volveras...

Si, certamente. Pero hai aproximadamente ano e pouco falou comigo o que era secretario provincial, Julio Sacristán, e veume cunha enquisa que fixeron e lle saía que tiña que volver. Eu quedei un pouco sorprendido. “Como que teño que volver?”, preguntei. En todo caso, quedamos en pensar sobre o tema e volver falar un pouco despois. Dinlle á cabeza, falei con xente e constatei que había xente que me pedía volver e foi como me fun convencendo.

Ousexa, que unha enquisa que che dá Julio Sacristán cambia todo?

O que cambia é que me pidan que volva.

A min tamén me comentaron que ti estás agora nun momento persoal no que te apetecía dar este paso e ter este reto. É verdade?

Diriache que si. E certamente, neste momento, gústame este reto. Pero tamén é certo que hai un ano os retos eran outros. 

E percibiches que había tamén cambios no teu partido para dar ese paso?... Porque cando marchaches quedou a casa socialista feito un cristo. Percibes ti máis unidade, por exemplo?

Eu o que fixen logo de falar con Julio foi tantear e falar con moitas persoas.

Do partido?

Non, que va, de fóra. Xustamente con quen menos falei foi con xente de dentro do partido. Xente que me atopaba por Vite, por Belvís..

Si, porque falar, falas moito...

Home. A xente me dicía cousas e eu tamén lles preguntaba a eles como vían a situación da cidade. E percibín que moitas me dicían que tiña que volver. Non sei cantas mo dixeron pero é posible que máis de mil en menos dun ano.

Que me dis?... Iso é máis do 1% dos habitantes de Santiago.

Pois si, fácilmente. E, do partido, de mil, podían ser oito ou nove e, da miña familia, ningún.

Ousexa que na túa familia non quere que te presentes?

Nada. Ningún.... Logo o 8 de maio do pasado ano chamoume xa Valentín para insistir no tema. E aí xa lle dixen que vía que a xente non estaba contenta. Que o 60% estaba descontenta coa xestión da cidade. É certo que un 32% que estaba contento pero o resto, non. E me pediron outra vez se daba o paso e eu pedín tres condicións; que o partido tomara unha decisión antes de xullo, que esa non se completou e outras dúas, que eran moi relevantes para min; que tiña que haber unidade e contar co respaldo de todo o partido. Por iso, cando se presentou a candidatura de Sindo (Guinarte)...

Efectivamente, pero Sindo como se presenta?. Non sabía que ti tamén querías?

Non porque eu aí non tomara ningunha decisión. Eu dixera que estaba estudando esa posibilidade e el entón anunciou a súa decisión. Entón en setembro, cando eu xa tiña decidido presentarme, volvino chamar e díxenllo e el entón comentou que tiñamos que facer Primarias. E entón foi cando eu lle dixen que se faciamos Primarias que eu entón non me presentaba e que votaba por el e mesmo lle facía campaña. Pero tamén lle deixei claro que non ía ir na súa lista e que eu só me presentaba se encabezaba a lista. E había outra condición; que el fora de tres e Mercedes (Rosón) de número dous. E foi cando todos quedaron extrañados.

"Eu non quería Primarias porque sabía que habería división"

E iso?. Supoño que non querías Primarias pola división...

Claro. E que a división estaba servida. Iso eu tíñao claro. Por iso adoptei esa decisión. Se el ía, eu non me presentaba e se eu me presentaba os dous tiñan que vir comigo.

Aí fixeches unha xogada mestra...

E así foi.

E iso foi cousa túa o falachelo con Valentín e co resto do partido?

Iso foi tomando un café tranquilamente con eles. E isto non o desvelo eu. Xo contou o propio Sindo nun acto. E así foi. Ao principio Mercedes estaba un pouco reticente pero logo falando eu díxenlle que ninguén ía crer que o partido estaba recomposto e as feridas fechadas se ela non ía comigo. É imprescindible que estivera e agora está encantada. E eu sabía que isto ía pasar porque ao comezar a traballar en equipo todo sería remar en conxunto.

E a partir de aí...

Pois configuramos unha candidatura con persoas independentes e militantes. Entre os trece primeiros hai cinco independentes e oito militantes. Buscamos persoas que puidesen facer dun ámbito de xestión porque nós concebimos a nosa candidatura co obxectivo de gañar as eleccións e de gobernar despois. Por iso pensamos xa en persoas concretas para postos concretos; Policía, deportes, asuntos sociais, educación, etc.

Iso xa me soa a un equipo de goberno para gobernar en solitario. É así?

Iso depende do que digan os cidadáns. Pero eu levo xa a xente apropiada para determinadas áreas. Mercedes para a área de Rehabilitación, Sindo para relacións Institucionais e preparación do Xacobeo, a número catro para Política Social... O equipo é para configurar un goberno e non ten nada que ver co equipo de Martiño que é un prato que a el lle dan precociñado que el quere ordenar algúns ingredientes e que tampouco lle deixan. Hai que ter en conta que o fracaso ou o éxito dun partido non está no días das eleccións, está despois, en saber xestionar un goberno.

Por iso insisto eu no tema de que semellas que te presentas para gobernar en solitario...

Eu me presento cun equipo completo aspirando a sacar 13 concelleiros. 

Pero supoño que se tes que negociar, haberá xente que non ocupe eses postos?

Iso logo xa se verá porque é un tema máis complexo nunha negociación. Pero é obvio que eu vou cun equipo para gobernar en solitario

Pero iso é moi difícil Pepe e ben o sabes?

Xa, pero eu teño que levar todos os elementos troncais para que sexa posible.

Hai oito anos te presentaches cunha campaña que era “As gafas de Bugallo”...

Si, certo. É verdade.

Eran unhas gafas de cor vermella, como a cor do teu partido...

Certo. Aínda están por aí. Vou a algunhas casas de visita e aínda os nenos teñen esas gafas de Bugallo.

"As eleccións no 2011 perdinas eu. Non as gañou Conde Roa"

E cambiou a visión de Bugallo desde entón ata agora?

Hai cousas que as ves de xeito diferente. A verdade é que foi unha boa campaña pero entón tamén recoñezo que as eleccións as perdín eu. Non as gañou Conde Roa.

E por que?

Porque foi todo o momento do 15M, das mobilizacións na rúa. Conde Roa levou os mesmos votos pero houbo 5.000 votos que foron ao lixo. Esquerda Unida sacou 2.000 votos que non tiveron representación. Houbo mil e pico votos nulos e outro tanto en votos en branco. Foron case o 10% do censo que foi a papeleira. E tamén o BNG viuse afectado con candidaturas como Galicia XXI e outra que era Alternativa do Pobo, na que ía Lois, que, curiosamente, agora vai no número 3 do BNG. E o Bloque entón perdeu un concelleiro por tres votos. Foi un cúmulo de circunstancias nas que o PP entrou por 11 votos.

Por certo, non ves a campaña un pouco bronca?

Bueno, depende.

Eu o outro día nunha entrevista con Martiño foi moi crítico contigo?

Eu vexo a Martiño super, super nervioso.

E, por que cres que está nervioso?

Porque vai perder as eleccións e é algo moi razonable, por outro lado. Por iso o vexo moi nervioso e moi agresivo. A campaña nas redes de Compostela Aberta é inaceptable. Con todo eu xa dixen e teño prohibido entrar nesas guerras. Nós podemos facer unha crítica dura da súa xestión porque non houbo xestión e hai unha diferencia enorme entre as súas promesas e a xestión do que fixo que é enorme e non hai por onde collelas.

Pon exemplos...

Por exemplo, falando de Política Social,no 2017 había 1,5 millóns para axudas sociais e non se gastou nada. Había 1,9 millóns para políticas de emprego e quedou a metade sen gastar. Había 600.000 euros para axudas de familias con dificultades e só se gastaron 6.000. Hai unha incapacidade de xestión inxustificable.

Pero tamén vós non axudachedes ao non apoialo en case nada, igual que o BNG

Pero estas partidas xa estaban aprobadas e non soubo xestionalas. Non teñen nada que ver nisto o PSOE e o Bloque. O PSOE e o Bloque se negaron a darlle un chegue en branco no 19 e a servirlle de coartada porque llelo aprobaron no 16, no 17 e no 18 e incumpríu os tres anos. Unha das nosas esixencias era unha partida de 2,5 millóns de euros en Vite. Está aprobado e os cartos están no banco.

Pero el di que tamén hai intereses de grandes contratas coas que ti tes moi boa relación, temas urbanísticos. Está o tema da etapa de Bernardino con moitas sombras na súa xestión...

Iso é delirante e pura desesperación. O contrato do lixo rematou o 20 de abril de 2015. Leva 4 anos mareando a perdiz e sen sacalo a concurso. O contrato de transporte está desde o 2017 sen contrato pagando case 3 millóns de euros a unha empresa sen ningún tipo de contrato. A conservación dos colexios está con Ferrovial e leva dous anos sen contrato. Non foi quen de tomar ningunha decisión. E agora tamén está sen contrato a auga e o saneamento. 

Pero o seu argumento é que quere remunicipalizar eses servizos e vós non estades por esa labor...

Non fixo ningunha proposta.

Pero vós estades dispostos a remunicipalizar servizos?

Nós non estamos dacordo con facer cousas que vaian en contra dos intereses dos veciños. No tema da auga e do saneamento a única proposta que levou é constituír unha Comisión de Estudo que aínda non estudou nin fixo nada. E a auga e sanemento seguen sen contrato que é un contrato de máis de dez millóns de euros.

 

"Os argumentos contra min son pura desesperación e especulación"

E que se apunta directamente a Viaqua coma un socio, amigo ou impulsor da túa campaña...

Todo é pura desesperación. Ten o transporte, o lixo, o colexio, o abastecemento sen contrato. E iso é porque é incapaza de xestionar. E agora está acurralado e por iso di esas cousas. Cando vai aos debates non sabe como saír cando se lle pregunta sobre isto.

Pero ti ben sabes que este tipo de argumentación, das túas supostas relacións cos grandes poderes, cala nunha parte do electorado e hai case un 30% de indecisos... Argumentos como que Bugallo non quere remunicipalizar servizos públicos

El sabe que das 15.000 persoas que o votaron hai catro anos, 4.000, aproximadamente, xa teñen decidido votarme a min. E hai outros indecisos. E ten que ser consciente de que hai moita xente que está moi decepcionado con el.

Creo que xa é consciente diso..

E que nós os datos que manexamos é que o 90% dos que votaron socialistas hai catro anos volverán repetir, no seu caso non chegan ao 50%. A outra metade non o fará e moitos apoiarannos a nós. Outros igual votan BNG, PP ou Cs. E logo é certo que outros están dubidando pero todos coinciden en que hai unha profunda decepción co goberno de Martiño Noriega. E o problema máis grave é que el non entendeu esta mensaxe e tiña que ter cambiado a súa candidatura e proxecto. E segue recoñecendo que foi unha xestión estupenda.

A min recoñeceume que se fixeran cousas mal...

Publicamente non o di.

Non sei publicamente. Na entrevista comigo recoñeceu certos erros propios. Non moitos, pero algúns, é certo, si que os recoñeceu como o de levar a certa xente sen experiencia

Pero logo repite con moitos deles. E iso é que non entendeu nada. E como ten un problema agora busca un inimigo.

E ese inimigo é Bugallo, non?

Claro. Porque os seus votos están pasando a Bugallo e non a Agustín.

E os votos de Agustín tamén pasan a Bugallo?

Pois pode ser. Pero os del si que están vindo para nós. Por iso tenta que esas 2.000 persoas que poidan estar dubidando, pois quere amarralas. De aí esa campaña agresiva que só fai el só porque a miña é obxectiva e con datos contrastados. 

Tamén me comentaba o tema dos medios. E algúns, en concreto El Correo Gallego, que lle deu estopa desde o minuto cero

Martiño ten varios problemas. El nunca asume ningunha responsabilidade. A culpa sempre é doutros; das empresas, das concesionarias, del Correo...

Pero non me negarás que no caso de El Correo Gallego é evidente a mala relación con Martiño

Todos sufrimos moitas cousas coa prensa. Pero eu, como alcalde, sempre apliquei un principio básico; que eu ía facer o que tiña que facer e eles escribir o que tiñan que escribir. E eu tiven etapas moi conflitivas, en concreto, con algún medio de comunicación. E eu, nese momento, respectei o que se escribía de min e a única venganza foi non ler ese xornal. 

Pero aí ti o dis, que no caso dos medios a boa ou mala relación é mútua entre vós, os políticos, e nós, os xornalistas...

Por iso digo que con el se deu un deterioro progresivo. Pero un político nunca debe entrar nesa guerra. Eu tiven campañas durísimas en contra nalgún momento. E sabes o que fixen?... Nada. Seguín na miña liña.

 

"Nunca chamei a ningún director. Nunca chamei a Feliciano Barrera. E se o chamei sería para felicitalo polo seu santo"

Bueno. Ti tamén sabes como se solventa iso. Sempre por detrás, nalgunha comida, falando de publicidade, de convenio, de cartos....

Eu nunca intervín nin con anuncios, nin con campañas, nin con nada. Nin tan sequera falei do tema. Cando tiven ese problema con ese xornal só unha vez chamei a un director dun medio. E non era por un tema que tiña que ver comigo, senón cuns funcionarios. E o chamei por iso. Pero nunca chamei por un problema meu, nunca. E iso cho pode dicir calquera que teña traballado comigo. O único que ao mellor facía, se coincidiamos tomando un café era dicirlles que igual se equivocaban no enfoque dunha noticia. Pero o dicía de xeito informal. Nunca chamei a ningún director. Nunca chamei a Feliciano Barrera. E se o chamei sería para felicitalo polo seu santo. 

Teñas ou non os xornais a favor, o que si tes a favor é o vento de cola das xerais. E iso si que é unha realidade

É evidente, como hai oito anos o tiña en contra.

E volvendo aos temas de pactos. Ti gobernaches xa co BNG?

E foi unha experiencia xeitosa. Pero eu non me plantexo ningún pacto. Eu vou as eleccións para gañalas. E, a partir do 27 xa falaremos.

E con Martiño veriaste gobernando?

Eu únicamente me vexo servindo a Compostela e non me plantexa ningún pacto. Acordos con todos pero non vexo con ningún pacto.

Falando de cambios. É probable que haxa cambios nas alcaldías e que algunhas volvan ao PSOE. Ti cres que isto pode ser o principio da fin de Feijóo na Xunta?

Iso debe valoralo el.

E como el?

Porque ele esta entrando na batalla das municipais a tope. Actúa como o presidente do PP e non como o da Xunta. E el debe valorar os riscos que isto conleva. 

Xosé Sánchez Bugallo
Xosé Sánchez Bugallo | Fonte: EP
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 12 comentarios

7 Mentiras tralará

Buaaaa non apoiaron case nada a Martiño os do Bloque só lle aprobaron todos os orzamentos! Que malvados son, se non os executou é por culpa daupegá!

6 Arquetipo

Cando este "pagaro" era Alcalde dirixin-me a él nun cenro comercial para lle comentar dun problema no meu vecindario que o Concello non era quén de resolver e espetou-me un "oiga, agora non me moleste"...ao Servizo do Pobo, xa se vé......

5 Faldo

Como debe de andar o PSdeG en Compostela se non atopan un líder mellor ca este criado dos ladrilleiros máis ilustres da cidade! Viviu da inercia da época de Estévez, entregoulle o desenvolvemento do municipio a uns cantos mercachifles e deixou unha débeda inmensa. Despois de veranear no Parlamento sen que se lle coñecese iniciativa ningunha digna de mención.

4 Braisiño

E sobre todo... De que ías vivir, se non fora pola política? Un home sen oficio nin beneficio.

3 Votar Bugallo é votar Monbus

Xurxo: non fixeches unha pregunta fundamental. ¿Quen vai a ser o seu Xefe de Gabinete se logra a alcaldía de Compostela?