Lara Méndez: “Eu non me sentaría a falar con partidos ultras, outros en Lugo non teñen problema en facelo”

É a única muller alcaldesa dunha das sete grandes cidades galegas e aspira repetir mandato cun modelo de cidade que pretende facer de Lugo o “Vancouver verde” de España para crear "orgullo de lucensismo". Un modelo, di, “que xa o está copiando a oposición” e no que recoñece o traballo de Orozco na primeira gran transformación da cidade. Asegura que non ten problemas en tenderlle a man a outros partidos da esquerda para gobernar xuntos, pero non sentaría nunca con Vox a falar. “Iso xa o fai o PP e Ciudadanos”, asegura. Como nai lamenta que o traballo absorvente no concello lle impida conciliar e poder estar máis coa súa filla. “É un prezo duro que temos que pagar se queremos, precisamente, mellorar a conciliación na vida pública”, asegura.

Por Xurxo Salgado | Lugo | 24/05/2019 | Actualizada ás 13:47

Comparte esta noticia

Levas catro anos moi intensos, non?
Si, certo. Foi un mandato intenso, pero tamén apaixonado.

E semella que se revalidas no cargo van ser outros catro intensos tamén...
Si, porque cando un exerce un cargo público pois tes unha axenda moi intensa. Non tes horarios. Esa é a xestión e o día a día dunha persoa que se adica á función pública. Así a asumimos e tamén seguirán sendo intensos, aínda que terei outra bagaxe porque agora xa coñezo os puntos fortes e os puntos débiles do concello e os puntos a mellorar.  Ademais xa teño moita experiencia na vida municipal.

Xa foras concelleira con Orozco...
E concelleira en Cervo e vicepresidenta da Deputación de Lugo durante oito anos e por iso teño experiencia, tanto na oposición como no goberno.

Tamén che dicía o de intensa, porque esta lexislatura estivo chea de follóns e problemas internos en Lugo por non ter estabilidade no goberno; policía local, bombeiros...
Igual que o resto de concellos de Galicia ou como Santiago, A Coruña, Ourense ou Ferrol. Temos problemas en bombeiros e policía porque temos problemas en persoal. Todos nos vimos asfixiados polas imposicións do Goberno central e leis impositivas de teito de gasto, estabilidade orzamentaria, ou a  taxa de reposición. Ningún concello foi alleo a isto. Outros poden estar un pouco mellores porque é certo que oSi aínda que na parte forestal, a maior parte é eucalipto... Concello de Lugo nunca estivo sobredimensionado en persoal e cando sufrimos recortes o acusamos moito máis por ter unha plantilla envellecida cunha media de idade de 55 anos e isto é unha debilidade.  Por iso sacamos unha oferta de emprego público con 136 prazas para intentar solventar o problema estrutural que temos e paliar este problema que temos que afecta moito na relación diaria do concello co cidadán.

Pero isto é debido tamén a que non tiñas unha maioría ampla que che permitira gobernar con certa folgura...
Non, pero como tampouco tiñan outras grandes cidades. Maioría absoluta só había unha, a de Vigo.

Por iso hai eses problemas que vemos en moitos destes grandes concellos...
Ourense non foi quen de sacar un orzamento en catro anos. Eu saquei dous adiante e isto permitiu facer actuacións en toda a cidade e traballar en accesibilidade, asfaltados, peatonalizacións, ascensor de Fontiña, mellora de barrios, conseguir 23 millóns de euros da UE. Temos moitas cousas xa pendentes para facer nos primeiros meses do seguinte mandato.

Un mandato que a ver se o mantés ti porque senón quen veña será o que faga todas esas cousas...
Eu me presento precisamente para revalidar na alcaldía e concluír este proxecto. En todo caso sempre será bo para a cidade de Lugo estea quen estea.

En todo caso o que se deu en Lugo e noutras grandes cidades foi unha gran fragmentación da esquerda. Cres que se revalidas na alcaldía chegarás a eses acordos que non puideches fechar neste mandato con outras formacións da esquerda?
Nós imos tender sempre a man ao diálogo e facer un goberno estable. E tentamolo varias veces. Tendémoslle a man ao Bloque a Lugonovo pero non quixeron.

E por que cres que non fraguou ese acordo?
Pois supoño que polo medo a ser atomizados. Tiñan experiencia doutros pactos nos que ao final acababan sendo absorvidos polo goberno que sustentaba a alcaldía. En todo caso, iso terán que respondelo eles. Eu tendinlles a man e volverei tenderlla porque entendo que máis alá dos partidos están os intereses da cidade e, nalgún caso, faltou altura de miras.

Por iso che digo, porque iso desgasta moito...
Si, si. Aquí pasamos de ser tres forzas políticas a ser seis. Antes o concello o levaban 13 concelleiros. Agora estamos oito e dous deles sen adicación para xestionar todas as áreas do goberno que son macroáreas e áreas moi intensas ás que se lle suman os problemas dos que che falei antes; plantilla envellecida, falla de recursos económicos polo teito de gasto... Isto son hándicaps que condiciona a acción de goberno. E se a oposición, en vez de sumar, dá sempre o non por resposta xa te podes imaxinar.

Estes argumentos que me das xos escoitei de Martiño en Santiago, Ferreiro en Lugo ou Jesús Vázquez en Ourense. E non pode ser tamén que houbera certos concelleiros que non estiveran á altura para realizar determinados traballos?
Certo, no noso caso había xente que non tiña experiencia de xestión e, obviamente, o proceso de aprendizaxe e adaptación pois hai que pasalo. Eu tamén tiven un proceso de aprendizaxe xestionando o Instituto Lucense de Desarrollo Económico e Social que tiña un orzamento de 14 millóns de euros e logo tamén a área de Promoción Económica e Emprego. Por iso digo que ese proceso de aprendizaxe nos concelleiros é necesario e por iso un segundo mandato xa non vai ser coma o primeiro porque os concelleiros xa teñen esa aprendizaxe.

E non cres que tamén tivo que ver con ese desgaste de levar xa 20 anos no poder, 16 con Orozco e catro contigo?
Evidentemente. Un cando está no goberno tería que ter desgaste, pero vemos como partidos da oposición teñen máis desgaste que os que están no goberno Por iso a reflexión debemos de facela tamén todos.  Orozco fixo un gran traballo por Lugo. Fixo a primeira gran transformación da cidade e dignificou a cidade e instaurou ese sentido de orgullo do lucensismo. Nós agora temos tamén ese modelo de cidade que queremos poñer en marcha neste seguinte mandato para provocar a segunda gran transformación da cidade.

Fálame deses eixos cos que queres transformar a cidade?
Pois están sustentados en tres piares. Queremos que haxa un crecemento sustentable, respectando o medio ambiente e utilizando a madeira como elemento estrutural no canto do formigón. E tamén, por outra banda, facer barrios multiecolóxicos. De feito, temos o primeiro edificio verde deseñado en España íntegro con madeira de Galicia. E isto tamén ten que ver con cambiar o modelo produtivo e utilizar a madeira como materia prima e que sirva iso tamén para impulsar a industria do noso rural.

A madeira que sería, de especies autóctonas galegas?
Non necesariamente. Tamén o piñeiro é moi bo para determinadas construcións. O que buscamos é unha madeira que se traballe ben e que sexa flexible e resistente. E nisto imos sempre da man da universidade a través de proxectos I+D+I.  E ti pensa que o 52% do territorio é agroforestal.

Si aínda que na parte forestal, a maior parte é eucalipto...
En Lugo non. Só está concentrado un pouco na Mariña. Por iso digo que isto pode ser fonte de riqueza para o rural e para poder traer empresas aquí. Eu sempre digo que con isto temos que evitar o que nos pasou co leite. Sendo os maiores produtores de leite, resulta que o valor engadido e onde se realizan a maior parte dos produtos é fora de Galicia. Todas as grandes empresas de elaborados lácteos están fora de Galicia. Por iso nós queremos facer coa madeira, iso. Evitar que esa segunda transformación marche fóra e que ese valor engadido quede na provincia e que iso xere traballo. Ademais, xunto con isto, está poñer un novo modelo de turismo asociado tamén á paisaxe, ao territorio e ao medio ambiente.

E o resto de piares?
Pois un segundo piar sería a integración. A integración de toda a riqueza material e inmaterial que temos do noso patrimonio e a integración do Miño na cidade. E xa hai proxectos licitados como o da pasarela. E, logo, a integración das persoas a través da accesibilidade e humanización da cidade e tamén a integración social e a igualdade de oportunidades. E un terceiro piar que sería a implementación da e-administración. Quizais vaiamos con certo atraso con respecto a outras cidades pero queremos que esa debilidade se converta nunha oportunidade para todos os cidadáns.

Levades no lema de campaña “Vivamos Lugo”. Ves realmente á xente que estea vivindo Lugo?
Mesmo a oposición que xa utiliza estes lemas e que nos copia o modelo de cidade e fai propostas que nós xa estamos realizando a través do Edusi. Mira se está calando o noso modelo de cidade que xa a oposición se está sumando a el.

Pero non negarás tamén que nesta campaña tamén está o efecto Pedro Sánchez?
Evidentemente e cando un está nun bo momento, todo suma. Pero a cidadanía é maior de idade desde hai tempo e diferencia os procesos e sabe a que vota e a quen vota en cada proceso. Polo tanto, non son extrapolables.

Falabas de moitos grupos no consistorio lucense. Cres que Vox vai ter representación?
Pois podería, si.

Carallo como entre Vox. Xa serían sete partidos...
Sería moi triste, pero democrático. Para min é máis triste que certos partidos non teñan ningunha liña vermella con respecto a estes partidos que non podemos catalogar de anticonstitucionais, pero están aí ao límite. Moitas das premisas que defenden bordean a Constitución.

Non serán anticonstitucionais, pero son ultradereita pura e dura...
Efectivamente, extrema dereita. E ademais moi retrógrados. Por iso eu non me sentaría a falar con eles. Pero semella que outros partidos si o farían.

Falas de Carballo, o candidato do PP, non?
Si, si. Do PP e de Ciudadanos que xa pactan con este partido en Andalucía.

O outro día Casado semella que xa cambiaba un pouco o discurso
E que Casado pasou de ser amigo destes partidos e que designan a un maltratador como un home que non se porta ben, a cualificalos, agora, de extrema dereita. A ver, ou dis unha cousa ou outra. O que non se pode en política e dar banzados nuns temas tan delicados como son a perda de dereitos a homofobia ou o ataque á muller.
Xa que falas de mulleres, agora, candidatas con posibilidades a gobernar grandes cidades estás ti, novamente, e Inés Rey, tamén socialista, na Coruña. Como se compatibiliza iso de ser alcaldesa, muller, nai e política?
Pois moi mal. Cando lle adicas moito tempo á función pública pois non hai conciliación. Eu case non concilio. O pouco tempo que teño lle adico a miña filla, pero non concilio. Non podo ir a buscar a miña filla ao colexio, a unha actividade, non a vexo nunha actuación...

E non é triste que como nai non fagas esas cousas?
Si, certo. Moitas veces cando chego pola noite non lle podo nin ir a dar un bico esperta porque xa está durmidiña.

Darío Campo, Lara Méndez e Álvaro Santos están orgullosos de ser de Lugo
Darío Campo, Lara Méndez e Álvaro Santos están orgullosos de ser de Lugo | Fonte: PSOE de Lugo

Ela entende isto?
Ela demanda moita atención e cústalle entender porque a súa mamá non está como o resto das mamás nos eventos, nos actos, nos parques.

E que se pode facer para tentar normalizar máis a vida familiar coa política?
Pois eu traballo para iso. Para que o maior porcentaxe de papás e mamás tamén poidan desfrutar dos seus fillos. Pero para conseguir estes obxectivos tamén nos ten que ir no sacrificio persoal porque é moi difícil conciliar na función pública.

Pero non te estás deixando ti moito como muller e nai en toda esta batalla política?
A nivel persoal si, por suposto.

Lugo é o motor da provincia e se tedes bos resultados aquí tamén é un espello para o resto.  Cres que o socialismo vai seguir gobernando no resto da provincia?
Eu confío en que seguiremos gobernando na provincia polo bo traballo que se está facendo e polos bos resultados do PSOE na provincia. Darío fixo un gran traballo na deputación. Desde que está o PSOE, démoslle un xiro de 180 graos a unha administración que se vía moi distante dos cidadáns e, nese aspecto, dimos un cambio de imaxe total para crear orgullo da provincia.

Si, xa vexo que os socialistas tamén están vendendo ese “orgullosos de ser de Lugo”...
Si, é a nosa campaña a nivel provincial e con moito éxito.

E xa para rematar. Segue habendo un índice importante de indecisos. Que lles dirías para que che foran votar a ti?
Pois diríalle que estamos nun momento no que toca avanzar, de desenvolver un proxecto ambicioso para a cidade. Eu á oposición non lles vexo un modelo de cidade. Por iso lles pido o seu apoio para avanzar e mellorar a nosa cidade desde postulados progresistas e de esquerdas. O outro sería unha suma de dereitas que nos poderían levar ao extremismo e o retroceso de dereitos. Nós queremos converter a Lugo no Green Vancouver de España.

E iso non é unha ambición moi grande?
Si, bastante grande, pero creo que hai pousos importantes para facelo e por iso pídolle a xente que siga confiando en nós.

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez. EUROPA PRESS - Arquivo
A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez. EUROPA PRESS - Arquivo
Lara Méndez, alcaldesa de Lugo, no balcón do pazo do concello
Lara Méndez, alcaldesa de Lugo, no balcón do pazo do concello | Fonte: Óscar Dacosta
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 anonimo9078

Postureo izquierdoso para tapar la incompetencia de su gobierno. Por ejemplo, aparcar es imposible por que en cuatro años ha sido incapaz de reponer el servicio ORA; o lo que tarda el ayuntamiento en dar licencias para hacer obras, incluso reformas de locales. Y de la Policía Local, que anda más cafetera que el mísmisimo Juan Valdez, pues ya ni nos molestamos en hablar. Lo malo es que Lara va a salir de nuevo alcaldesa. Esta vez no habrá excusas, no será lícito apelar a la mala suerte: lo lucenses tendremos lo que nos merecemos.

1 Galegocomatí

Debe de se referir ao BNG, partido que foi coaligado con BILDU nas eleccións e que inclúe no seu proxecto político a autodeterminación e a independencia de Galicia, prantexamentos constitucionais e para nada excluintes nin radicais. Hai xente que pensa que os votantes son parvos...